HomeOpiniónRapazas e rapaces, o noso vento non é noso III: A traxedia...

Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso III: A traxedia (2008-2023)

Dicía Castelao da lei que «canto pesa e como fede» ou, como expresa a sabedoría popular: feita a lei, feita a trampa.

Publicado o

POR
Antom Fente Parada
- Advertisement -

No 2005 chegara o bipartito á Xunta e no 2007, por iniciativa do BNG, apróbase un decreto que muda o marco normativo, abrindo as portas á participación de capital público e dos proprietarios dos montes. Tamén somete o seu trámite ao escrutinio cidadán. Porén, no 2009 a Xunta volve ás mans do PP e anúlase o concurso eólico impulsando unha nova lexislación que, nos últimos anos, foi novamente reformada para “simplificar” os trámites e facilitar a aprobación dos parques, moitos fragmentados indecentemente para evitar superar os 50MW, que obrigan a que o seu trámite teña que pasar por Madrid, como teñen recollido diversas sentenzas do TSXG.

O ultraliberalismo do Goberno de Feijóo lexisla a medida do grande capital proprietario do sector eólico e arremete contra a participación pública e a resposta cidadá. A lexislación que regula os eólicos aínda é a Lei 8/2009, mais viuse profundamente modificada pola Lei 5/2017 de fomento de implantación de iniciativas empresariais, que desde Por Chantada e outros colectivos no seu día alcumamos como Lei de predación da Galiza.

Este mesmo ano, Feijóo emendouse a si mesmo para servir ó lobby eólico ao aprobar a Lei 9/2021 de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica. Inclúe unha disposición adicional que permite poñer parques eólicos en zonas que non estexan incluídas no Plano sectorial eólico de 1997. Novamente a sabedoría popular: non dan pontada sen fío.

Parque eólico | Fonte: DUVI.

En decembro de 2020 trinta e seis proxectos superaban os 50 MW e somaban 2.500 MW con especial protagonismo para Greenalia, onde traballa como directiva Beatriz Mato, ex-concelleira de Medio Ambiente de Núñez Feijóo. Para facérmonos unha idea en 2017 a potencia eólica total era de 23.005 MW. Amais, cando se aprobou o Plano sectorial eólico (1997) os aeroxeradores non chegaban a 1 MW e eran torres de 35-50 metros. Agora falamos de 5.4 ou 5.7 MW e 200 metros de altura na ponta da pé. Parques como os do Faro están esgotando a vida útil (20 anos) e os muíños serán substituídos por uns novos que, na práctica, é instalar un parque novo cos seus novos impactos ambientais e sociais.

Hoxe Acciona, Iberdrola, Enel-Endesa e Naturgy deteñen 55% da potencia eólica instalada e o 88% pertence a grandes grupos ou fundos de investimento estranxeiros. A concentración de capitais cada vez é maior e os proprietarios reais dos nosos muíños de vento –mentres, dito sexa de pasaxe, deixamos caír os muíños de auga e, en xeral, o noso patrimonio–  están en Luxemburgo, en Bélxica, nos EUA, na China ou en Qatar.

Os beneficios para uns poucos que nunca o noso chan pisaron son elevados e o agardado maná dos fondos Next Generation anima ao capital-risco a procurar altos rendementos sen que importe o espolio do territorio e sen calquera contrapartida para os indíxenas que aínda resistimos (tamén as linguas murmuradoras que dicía a cantiga, aqueles hipócritas que retratou Celso Emilio na Viaxe ao país dos ananos). Por iso, Interior Galego Vivo asinou o manifesto Aldeas con horizonte, que aglutinou a máis de 50 colectivos, e no que se expoñen os quince principios mínimos que deben rexer o novo marco normativo sobre o desenvolvemento eólico na Galiza se queremos defender un rural vivo.

(Esta peza é a continuidade de Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso I: Roubáronnos o vento desde Elsinor a Esmelle e de Rapazas e rapaces, o noso vento non é noso II: A farsa (1995-2007) e mañá será a última entrega deste traballo de OPINIÓN)

ÚLTIMAS

O xeodestino Ribeira Sacra preséntase en Fitur na xornada inaugural deste 22 de xaneiro

Este 22 de xaneiro comeza unha nova edición de FITUR e será na primeira xornada...

O Programa de Teatro de Monforte ábrese este 30 de xaneiro

A programación iniciarase o xoves, 30 de xaneiro, coa obra As gardiás, espectáculo para...

Dous detidos en Chantada por agresión sexual a unha muller con discapacidade

Segundo trasladaron fontes próximas á investigación, os arrestos producíronse na xornada do luns no...

Exposición escolar de banda deseñada na Biblioteca do Saviñao

O obradoiro de Estefanía Padullés, Atrévete a facer o teu propio libro, do Programa...