HomeOpiniónOPINIÓN: Convivencia ou confrontación? De nós depende

OPINIÓN: Convivencia ou confrontación? De nós depende

Unha reflexión sobre dúas formas contrapostas de afrontar a discrepancia e o debate público.

Publicado o

POR
C. Rodríguez Díaz
- Advertisement -

O pasado dia 20 de abril puidemos escoitar unha entrevista que Germán Vázquez, concelleiro de Esperta Monforte, realizaba en Radio Principal – Cadena SER.

Deixando á marxe cuestións ideolóxicas, que non é intención deste artigo entrar a valorar nin analizar, mostrou actitudes pouco frecuentes e que favorecen a convivencia, o entendemento, a defensa da cidade e, sobre todo, a democracia.

Cometemos, con demasiada frecuencia, o erro de pensar que aquelas cousas que levan moito tempo con nós non están en perigo, cando a verdade é que se non as seguimos coidando acaban deteriorándose, lentamente, pero deterióranse sen cesar até desaparecer. A democracia e a convivencia, base do benestar, son dúas desas cousas.

Na entrevista referida cumpríanse catro condicións dun verdadeiro compromiso coa convivencia e a vida democrática.

1ª.- Aceptar, de palabra e con feitos, as regras democráticas, dando lexitimidade e dignificando a súa posición minoritaria.

2ª.- Non negar, en ningún momento, a lexitimidade do adversario ou opoñente.

3ª.- Crítica a aquelas cousas coas que non se está de acordo e aplauso aos acertos do adversario, a quen lle toca gobernar e, polo tanto, decidir.

4ª.- Defensa da transparencia e tolerancia diante das críticas, mostrando unha disposición a defender a liberdade dos demais.

Estas actitudes contrastan con outras, demasiado frecuentes no panorama político e social, que o que fan é transformar a sociedade actual nunha menos democrática e menos tolerante, ademais de favorecer o autoritarismo que por desgraza practican algúns dos nosos representantes políticos, que son aqueles que teñen actitudes contrarias ás indicadas anteriormente, é dicir, aqueles que:

1º.- Teñen un aparente respecto polas regras democráticas, poñendo en cuestión os resultados cando non lles son favorábeis.

2º.- Negan a lexitimidade do adversario descualificándoo e poñéndolle cualificativos como mentireiros, perigosos, antipatriotas ou, mesmo, afirmando que son unha ameaza para o pobo ou o estilo de vida existente.

3º.- Son absolutamente intolerantes diante das críticas e utilizan o seu poder para castigar ou denigrar a aquelas persoas que os critican ou que simplemente pensan e son diferentes.

4º.- Tibieza diante da violencia física e verbal, cando non se chega a xustificala.

Que defendamos as primeiras actitudes ou as segundas suporá que deixemos en herdanza unha sociedade tolerante e democrática ou, polo contrario, outra autoritaria e antidemocrática, que máis pronto que tarde se volve contra nós.

De nós depende e de ninguén máis.

ÚLTIMAS

O CCU de Monforte sen candidaturas para renovar a Xunta Directiva

O Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte de Lemos vén de comunicar que, rematado...

636.334€ e 4 meses de prazo de execución para a fonte do Parque dos Condes

O procedemento de contratación abriuse o pasado mes de outubro coa licitación do contrato,...

Seis comercios da Comarca de Sarria melloran a súa competitividade con axudas da Xunta

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou en Sarria a tenda...

Comeza a montaxe do equipamento deportivo do novo Ximnasio da Pinguela

Este luns, 26 de xaneiro, comezaron os traballos de montaxe do equipamento deportivo do...