HomeOpiniónAugas milagreiras

Augas milagreiras

Concello, Deputación Provincial, Xunta, goberno central e mesmo a UE a través do GDR poderían ter competencias, intereses e orzamento para levar a cabo esa recuperación das fontes termais e, de paso, amosar canto aprenderon nas viaxes a FITUR.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

Os socialistas de Chantada presentaron recentemente unha moción para que o concello recupere e dea aproveitamento turístico e sanitario aos mananciais de augas termais que había no municipio e que foron quedando en desuso dende hai décadas. Especialmente o de Mouriscados, na parroquia de Arcos, que chegou a funcionar para o público ata mediados do século XX. Sen dúbida a iniciativa atende ao interese colectivo e está cargada de boa intención.

Os recursos están aí e semella útil aproveitalos. Agora ben, a experiencia ensina que o escenario máis probable é que dentro de dez anos os mananciais sigan igual de abandonados aínda que con letreiros para chegar a eles e mesmo cunhas instalacións novas e uns camiños asfaltados ou cementados que se intuirán entre as silvas. Cousa de moitos, problema de todos.

Concello, Deputación Provincial, Xunta, goberno central e mesmo a UE a través do GDR poderían ter competencias, intereses e orzamento para levar a cabo esa recuperación das fontes termais e, de paso, amosar canto aprenderon nas viaxes a FITUR. Incluso se podería dar participación a algunha desas entidades do tipo “asociación de”, irmandade de” ou outras denominacións para entes que, en esencia, o que fan é chupar subvencións. Lembremos, por exemplo, aquel caseto que estivo dez anos plantado na Praza de Galicia e que non chegou nin a abrir a porta. E letreiros non lle faltaban…

Balneario de Mouriscados

O balneario de Mouriscados necesitaría dunhas obras de recuperación, acondicionamento e mellora/creación de accesos. E esa sería a primeira batalla. Enténdese que quen pagase o arranxo tería despois dereito a contratar o persoal que traballe no centro ou, no seu defecto, adxudicar a xestión a quen considere oportuno. O que está claro é que entre fisioterapeutas, persoal de hostalería e de mantemento e administración, non baixaría a cousa de dez empregos. Todos eles, por suposto, suxeitos a funcionarización nun futuro non lonxano. Se hai acordo, haberá obras pronto. Se non, haberá pleito con avogados e procuradores pagados polas arcas públicas.

Balneario Miskolc-Tapolca / dondeviajar.república.com

Esta recuperada infraestructura mineiro-turístico-medicinal estaría preto do Camiño de Santiago, da zona turística do Miño, do Faro e desa nova xoia do patrimonio que é o Parque Galicia Centro ou como se chame. Unha ubicación interesante dende o punto de vista hostaleiro e moi golosa para as administracións. Xa estou vendo os codazos na foto do día da inauguración…

Cousa de moitos, problema de todos

Seguramente, a fórmula elexida será a dun patronato onde as diferentes institucións públicas estean representadas en función de canto apoquinen para o asunto. E cunha reserva de praza para a iniciativa privada que, supoñemos, recaerá nalgún incauto. Tamén se pode crear unha fundación e proxectar unhas xornadas anuais. E colocar unha pedra cun poema na entrada, algo que ata agora deu bo resultado…

Esta auguiña sanadora que mana por Mouriscados

fai tantas e tantas milagres que deixa a todos pasmados

E é que, ainda sen probala nin gozar das súas propiedades,

leva a gran gasto e maniobre ás altas autoridades.

Suponse que os empresarios de hostalería expresarán o seu contento con este novo recurso turístico que redundará en beneficio de todos. Outra cousa será a súa opinión sobre como a administración pública lles vai crear unha competencia inesperada cando aínda están lonxe de repoñerse dos devastadores efectos da pandemia.

Complexo turístico de Augas Mestas/ Imaxe de Torbeo.com

En fin, agardemos que haxa sorte e sentido común e que a xestión do balneario -se chega a funcionar- non supoña unha carga para o erario público nin un rival dopado para os negocios de hostalería. Sempre estarán aí o complexo de Augas Mestas e o Clube Náutico do encoro de Belesar para lembrarnos que administración pública e aproveitamento turístico só casan ben sobre o papel. Ollo.

ÚLTIMAS

José Tomé Roca revalida a Secretaría Xeral do PSdeG de Lugo

Tomé Roca logrou 801 votos fronte aos 585 obtidos por Iván Castro, Deputado Provincial...

Case mil persoas participaron este domingo na XV Carreira Popular Concello de Monforte

O número de inscritos na XV edición da Carreira Popular de Monforte de Lemos,...

O Quixós volve de Portugal como subcampión galego en ‘Promesas Slalom’

Un novo éxito para o Club de piragüismo Quixós de Monforte, nesta ocasión no...