InicioOpiniónA feira da AP-9 é ben para todos

A feira da AP-9 é ben para todos

Véndese (o noso país). En anaquiños. Hai facilidades e cómodos prazos e mesmo incentivos fiscais.

Publicado o

POR
Antom Fente Parada
- Advertisement -

Véndese a prezo de saldo. Nomeadamente o rural, como esquecer aos próceres da Xunta con zapato castellano e Wallapop en Sober abrindo a veda? Un rural que se quer baleirar canto antes para o seu espolio. Unha Ribeira Sacra con muíños de vento – aínda hai Quixotes que os confrontan-, minas a ceu aberto, encoros que se volverán regalar sine die ao oligopolio eléctrico… iso si, o neocaciquismo anda ocupado no “facer que facemos”, que agora se chama Patrimonio da Humanidade. Xa sabedes, rapazada: “isto é ben para todos.” Xa quedamos máis tranquilas.

Dínnolo os do Consello das parroquias onde só sentan os amigos do “partido” (e “o partido” trascende as siglas). A carne con carné.
Dínnolo os que recortan en sanidade e educación, mudando direitos universais por asistencialismo no público. Os que nen palla moven para pór fin á eiva dun sistema galego de transportes merecente de tal nome, mais seguen reclamando AVE e autoestradas, pois “é ben para todos”. 

Os patrocinadores dunha estrutura económica dependente do monocultivo do turismo, de baixo valor engadido e masificado, que apenas xera un proletariado de servizos e temporalidade. Un modelo incompatíbel coa crise de biosfera e con data de caducidade, que destrúe o patrimonio. Todo in nomine dei, é dicir da man da inventio de novas marcas territoriais para encher os petos dos de sempre.

Xuntanza Consorcio de Turismo R.S. e conselleiro / Consellería de Cultura e Turismo

De paso, nun territorio que camiña cara o deserto demográfico, sen servizos públicos de calidade e políticas de conciliación axeitadas, criminalízase á mocidade, que xa ten o suicidio como primeira causa de mortandade, e críase un pasaporte, que lembra as estrelas de David amarelas, mentres a incoherencia e falla de explicación e racionalidade das medidas e actuacións da Xunta é manifesta. Iso si, no país das marabillas a oposición está absorbida e ocupada en ver quen ten a AP-9 máis longa.

Unha miga de memoria

No ano 2.000 remataba a concesión da autoestrada e, portanto, estaban compensados os gastos de exploración da concesionaria. Nese momento gobernaba Aznar en Madrid e Fraga na Galiza. Podían pór fin ás peaxes, mais prorrogárona. Un gorentoso agasallo, por 48 anos máis, a un consorcio, Audasa, liderado por Sacyr. Que casualidade que Luís del Rivero, presidente de Sacyr, está implicado no caso dos papeis de Bárcenas. Uso das administracións e saqueo de fundos públicos a cambio de sobres en B? Quen podería pensar iso se esta boa xente só traballa no que “é ben para todos”.

Chega Zapatero á Moncloa. O PP, con toda a hipocrisía do mundo, comeza a demandar que as peaxes non suban e que a titularidade da infraestrutura pasase á Xunta. Cando Rajoy é presidente en Madrid e Feijóo xa está na Xunta nen unha palabra sobre o asunto ata a chegada do social-comunismo de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias.

Ponte de Rande / turismodevigo.org

O BNG presionou sobre o tema na investidura e converteuno nun dos seus eixos, mais votou en contra dos OXE, a pesar de que existía acordo parlamentario. Fundamentou o voto en que os OXE eran malos para a Galiza e que se perdían investimentos. Era mellor continuar cos OXE de Montoro-Rajoy prorrogados?

Polo seu lado, o PSOE galaico e tamén a sección noroeste de UP venden que eles son quen gobernan en Madrid e que, portanto, a eles grazas. Porén nen moitos dos seus lles parecen dar moito creto. Será cousa do cansanzo pandémico.

O PP coa habitual falla de vergoña na cara afirma que é unha demanda antiga deles e que aínda falla o traspaso da titularidade á Xunta. 
Non me dirán que non é certo aquilo de que na feira cada un fala segundo lle vai nela. Mentres, aquí, no noso interior galego, péganos a risa de que a Galiza exista só ao occidente da AP-9. País!

ÚLTIMAS

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...