InicioOpiniónOpinión: A terra para quen a espreme

Opinión: A terra para quen a espreme

Na Ribeira Sacra, en particular, e en Galicia en Xeral levamos anos vendo como eucaliptos e aeroxeneradores invaden cada vez máis terreos que foron de pasto, forraxe ou cultivo.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

O pasado mes de xullo, o diario El País informaba da crecente demanda de terreos vitivinícolas que hai en toda Europa. O perfil dos compradores é o de persoas de altísimo nivel adquisitivo e mesmo grandes empresas. Están pagando moi por riba dos prezos de mercado e cun investimento que pode supoñer fortes perdas nos primeiros anos. E é que ao prezo desorbitado da hectárea hai que engadirlle o custo de plantar cepas novas, erguer edificacións e contratar persoal cualificado. Na Toscana pode chegar a 20 millóns de euros poñer en marcha o proxecto e en Ribera de Duero xa se pagan 35.000 euros por hectárea incluso en viñedos semiabandonados.

Hai 15 anos puxérase de moda entre algúns famosos de Hollywood adoptar nenos asiáticos ou africanos. Pero esto dos viñedos parece que ten moito máis trasfondo. Ninguén se fai rico tirando alegremente os cartos nin están os tempos para caprichos. Todo ese movemento de capitais indica que se ve futuro no asunto. E hoxe en día a palabra futuro xa só é sinónimo de beneficio económico.

Por outra banda, o Ministerio de Agricultura sinala que entre 2012 e 2019 o valor dos terreos agrícolas aumentou nun 4,8% pasando de 9.705 €/hectárea aos 10.178. O incremento concentrouse especialmente no período 2017-2019 e pode semellar non moi elevado. Mais o relevante é que nos anos anteriores a tendencia era a baixar o valor. Aparte de que fala de medias e non de sectores concretos nin de zonas. Por exemplo, en Aragón o incremento foi do 30% e en Murcia a hectárea vale xa 18.188 euros.

Aldea de Miraz / Felipe Castro López

No mes de marzo, a Ministra para a Transición Ecolóxica anunciaba que se van destinar 10.000 millóns de fondos europeos para combater o despoboamento rural e conseguir que o campo aporte ata o 30% do PIB español. En España, ademais dos tópicos touradas, paella e flamenco, unha das señas de identidade do país é que as entidades financieiras se lancen de cabeza e sen miramentos cada vez que o goberno de turno anuncia axudas a un sector. Rodan as cabezas dos directivos que deixan escapar un só céntimo.

E, que se saiba, en terreo español xa operan específicamente no sector agrícola cinco grandes fondos de investimento sendo polo menos un deles de capital/risco…(glubs).

Loita entre indutria forestal, compañías enerxéticas e fondos de investimento

En moitas ocasións, os numerosos voceiros da España Vaciada –se cadra sen pretendelo- dan a sensación de transmitir a idea de que no campo basta con chegar, coller unha casa e un terreo, mercar unhas cabras e vivir felizmente e en comunión coa natureza. Esquecen falar da comercialización, que é a clave de todo. E de que por moita terra abandonada que haxa, o acceso á mesma vai ser cada vez máis difícil pola irrupción de novos actores. Non descartemos que os baixos prezos en orixe da carne e do leite e a suba dos custos de produción teñan algo que ver co –antes mal visto e agora loubado- principio de eliminar competencia con malas artes.

Aeroxeneradores / A.B.F.

Na Ribeira Sacra, en particular, e en Galicia en Xeral levamos anos vendo como eucaliptos e aeroxeneradores invaden cada vez máis terreos que foron de pasto, forraxe ou cultivo. Agora haberá que engadirlle a invasión de inversores de todo o mundo que queren un beneficio inmediato. Igual que no século XVIII os iroqueses ou os seminolas deberon alucinar cando españois, franceses e británicos se mataban polo seu territorio, da a impresión de que no campo galego imos asistir como espectadores a unha loita sen cuartel entre industria forestal, compañías enerxéticas e fondos de investimento. Que gañe o mellor e non esquezan que o importante é participar…

ÚLTIMAS

Aly Alma, artista con raíces en Quiroga, presenta “Violet Mood”, un espectacular show acústico en feminino

Alicia Losada, coñecida artisticamente como ‘Aly Alma’ e con orixes en Quiroga por parte...

Novo miradoiro á Ribeira Sacra de Soutochao

O concello lugués de Sober estreou o novo miradoiro de Soutochao, desde o que poden contemplarse...

Sur da provincia de Lugo e Costa da Morte, a Galicia con maior porcentaxe de persoas dependentes

O 4,19% da poboación galega estaba en situación de dependencia o ano pasado, cunha...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra asina coa Universidade da Coruña a realización do seu Plan Director

Hai un mes a Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra celebraba unha xornada para presentar...