InicioOpiniónOPINIÓN: Profecías 'optimistas' para o 2022

OPINIÓN: Profecías ‘optimistas’ para o 2022

Unha reflexión sobre o que nos espera para este novo ano segundo o xuízo crítico do noso colaborador especializado en medio ambiente, ecoloxismo e recursos turísticos.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Bueno rapaces e rapazas, rematou 2021 e xa está aquí 2022, agardemos que nos traía mellores cousas das que pasamos este ano; menos pandemia, menos lumes, máis traballo, máis xente para a nosa terra, menos broncas, menos crispación, máis entendemento, mellores comunicacións, máis amor pola natureza, pero dáme a min na cachola que vai ser moito pedir e debería facer esta pequena colaboración sen os efectos do licor café marca “DaCasa”.

Demasiados bos desexos para un ano que chega pero que novidades vai a traer poucas, dáme a min que a costa do virus seguiremos a tirarnos croios entre todos, que o mal rollo seguirá entre nós, que a bronca dos ultras seguirá enchendo de merda a nosa sociedade. Agora a palabra fascista que se usa como insulto contra os que non pensan coma un seguirá en boca daqueles que non teñen nin mísera idea do que foi o fascismo; a verba liberdade estará en boca daqueles que queren acabar con ela. Seguiremos na intolerancia e no enfrontamento contra daqueles que non pensan coma nós, hordas de fanáticos a piques de pasar do insulto ás agresións para o que só lles fai falla unha pequena escusa.

“Dáme a min que a costa do virus seguiremos a tirarnos croios entre todos, que o mal rollo seguirá entre nós, que a bronca dos ultras seguirá enchendo de merda a nosa sociedade”

Seguiremos a encher a nosa vida de merda e intolerancia mentres o mundo camiña cara a autodestrución, a non ser que veña, e por favor que veña xa, o meteorito que nos aniquile a todos para que o noso planeta poida reiniciar sen parásitos coma somos os humanos. Lembro a Biblia cando conta o de Sodoma e Gomorra, hoxe en día en toda a terra non se atopaba unha soa persoa xusta e honesta que valese a pena ser salvada. Esta época que nos toca vivir é a fin dunha era, os estertores da sociedade tal e como coñecemos, a violencia, a intolerancia, a degradación ambiental, a ruína da maioría e a riqueza duns poucos están a crear as condicións ideais para que todo rebente e a nosa sociedade caia na ruína. Pasou máis veces, torres moi altas caeron, imperios, civilizacións das que só podemos ver as súas ruínas deron paso aos tempos modernos e os nosos tempos han de pasar para dar vía libre a un futuro incerto.

Vexo un ano 2022, no noso pequeno recuncho, igual que o pasado 2021. Seguiremos a estragar a pouca natureza que nos queda, virán os lumes en primavera, verán e outono; morrerán os vellos e cada vez nacerán menos nenos; irán pechando negocios e granxas, e as aldeas quedarán un pouco máis baleiras; plantaremos pinos e eucaliptos, eólicos tamén para ter uns pouquiños cartos máis e poder ir de vacacións a lugares onde non hai nin eucaliptos nin eólicos; compraremos coches máis grandes e máis chulos, pode que tamén un piso na cidade para vivir como abellas na colmea; veremos morrer xente en guerras, pateras ou de fame, pero como o que se ve na tele non nos afecta vainos dar igual; limparemos as nosas conciencias compartindo fotos de apoio nas redes sociais pero aportando cero en solidariedade; seremos duros cos débiles e mansos cos poderosos pensando que se obedecemos teremos un anaco máis grande do pastel cando en realidade o que nos dan son as sobras…

Hai unha peli que se estreou hai uns días que realmente non é unha obra de arte pero que si serve como unha excelente metáfora dos tempos que corren, titúlase “No mires hacia arriba”. Conta a historia duns científicos que descobren un cometa que vai aniquilar a terra e cando contan o que vai pasar a sociedade pasa deles, políticos, periodistas, todo o mundo vai ao seu e só buscan máis cartos, máis likes ou simplemente negan a evidencia. Moi parecido a aquel que ten un tumor no bandullo e non vai ao médico porque lle vai dicir que ten un cancro pensando que se non llo din non vai morrer. Así é a nosa sociedade, negar o evidente para que as cousas sigan como están sen decatarse que pouco queda para que todo rebente. Así somos, e supoño que todo o malo que nos pase terémolo ben merecido.

“Hai unha peli que se estreou hai uns días que realmente non é unha obra de arte pero que si serve como unha excelente metáfora dos tempos que corren, titúlase “No mires hacia arriba”

Bueno, rapaces e rapazas, eu quería ser positivo pero a teimuda realidade dime que os bos propósitos non son nada máis que fume, e na nosa sociedade todo cambio vai ser a peor. Agárdanos un 2022 con máis odio, con máis dificultades, con máis miseria, con máis pobreza, con máis radicalización, con máis intolerancia, con máis xente mala que busca gañar a costa de facer dano aos débiles. Aínda que parte da culpa é nosa por darlle ás aos intolerantes, aos que sementan odio, aos racistas, aos ambiciosos sen límite, aos que canto peor lle vaia ao país mellor para eles, a aqueles que enchen a nosa vida de noticias falsas, culpa nosa por crer nesa xente. Posiblemente teñamos o que merecemos nun futuro que non nos queda moi lonxe.

ÚLTIMAS

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...

Unha nova vida para Donelle, a aldea de Sober mercada pola cooperativa Ecooo

A Donelle, unha aldea deshabitada do Concello de Sober dende hai varias décadas, preséntaselle...