Como é ben sabido, o que máis subiu foi a electricidade. Con incrementos de máis dun 6% dun día para outro e cunha escalada de prezos que semella non ter fin. Tamén subiron o gasoil e a gasolina -ata nun 30% no último trimestre do ano- se ben pode que baixen agora que a OPEP decidiu aumentar a produción. Pero o dano xa está feito.
Subiron tamén todos os compoñentes industriais. Se xa apenas hai industria en España, veremos como queda logo de que as fábricas non poidan traballar por non poder conseguir ou non poder pagar dende vidro para botellas ata cartón para embalar, microchips para coches e electrodomésticos ou latas para conservas. Ata subiron o café e o alcohol e os consumidores comezarán a notalo esta mesma semana.
Sobe, pois, todo. Os economistas din que como se parou a produción pola pandemia, agora non dá para cubrir unha demanda disparada. O que non din é que a especulación coas materias primas e subprodutos é o negocio do momento, con barcos que permanecen cargados nos portos mentres os propietarios ven como cada día aumentan de valor as mercadorías que xa deberan estar navegando.
Neste cotexto de suba de prezos xeneralizada hai un sector que non pode incrementar o prezo do seu produto
Moi ben. Pois neste contexto de suba de prezos xeneralizada e mesmo xustificada polos gobernos, hai un sector que non pode incrementar o prezo do seu produto baixo ningún concepto: os gandeiros de leite de sistemas intensivos ou mixtos. Dá igual que os pensos subiran un 80%, o gasóleo un 30%, a luz nin se sabe e os fertilizantes e plásticos agrícolas duplicaran a súa cotización. As industrias leiteiras, coa connivencia da distribución, xa ditaron sentenza: o gandeiro ten que cobrar o mesmo ou menos. E punto.
Un adegueiro pode fixar o prezo que estime conveniente para o seu viño sen ningún problema. E, aínda que non estea a funcionar, un produtor de carne pode buscar libremente comprador, acudir á venda directa ou sumarse a plataformas de comercialización on-line. Esa debera ser unha regra do xogo do libre mercado: cada quen fixa o prezo que mellor lle parece para o froito do seu traballo.
No caso do leite non hai maneira. Así se aproben sucesivas leis e regulamentos, así chovan as sentenzas xudiciais por pactar prezos á baixa, así se fagan campañas de concienciación, hai unha verdade inmutable: as industrias poñen o prezo e o gandeiro ten que asinar polo que queiran darlle. E nunca, nunca, falta o equipo técnico económico altamente cualificado que explica con táboas, índices e análises que así ten que ser. Como nunca faltan nas barras dos bares os tarugos que din aquelo de “viven de las subvenciones y se lo gastan todo en tractores nuevos.”
Achéganos máis ao día en que ese leite virá de macrogranxas chinesas
O ano comeza como rematou o anterior. Fálase de folgas de entregas do leite, de grandes mobilizacións, de boicot ás empresas que pagan por baixo dos custos de produción (que son a maioría)…medidas que xa se probaron no seu día por separado e de forma conxunta. Tamén se bota en falta a unidade de acción que había entre as organizacións agrarias de todo tipo a mediados dos anos 90. E daquela eran 70.000 as granxas de leite polas 6.900 que hai hoxe.
O panorama para os gandeiros non é por agora tan desolador como a comezos de 2016. Ou pode que a inflación en todos os ámbitos camufle o problema. Pero en poucas semanas comezan as campañas de sementeira, co conseguinte incremento do gasto diario nas explotacións. Nesta columna soemos apostar pola busca de solucións e non de culpables pero desta vez non semella doada tal intención. Unidade de acción entre os produtores, vixilancia por parte das administracións do cumprimento da lei de cadea alimentaria, campañas de fomento do consumo…serían algúns primeiros pasos obvios pero insuficientes.
Son os actores do sector os que teñen que buscar unha solución para os vindeiros meses. Pero, por favor, que nos eviten as reunións en sede ministerial para anunciar acordos que logo nunca se compren. A aportación que se me ocorre a min: pensemos que cada litro de leite que se deixa de producir en Galicia achéganos máis ao día en que ese leite virá de macrogranxas chinesas de máis de 20.000 vacas alimentadas con pensos ultraprocesados. E ese leite virá cando queiran eles e ao prezo que digan. Non o esquezamos.