InicioOpiniónOPINIÓN: Poxas e catas

OPINIÓN: Poxas e catas

É difícil saber se as poxas e concursos de gando seguirán tendo cabida no futuro dun sector leiteiro con cada vez menos explotacións e máis problemas económicos. Nin sabemos se as catas seguirán sendo un recurso para as adegas nun mundo cada vez máis dixital. Pero, mentres teñamos a posibilidade de participar dalgún xeito neste tipo de eventos, non deixemos pasar a ocasión.

Publicado o

POR
Andrés Pavón
- Advertisement -

O pasado 12 de marzo tivo lugar en Chantada unha nova edición da xa tradicional poxa de gando frisón. En 2021 non se puido facer pola pandemia e os profesionais do sector e os afeccionados xa botabamos en falta ese ambiente inigualable que se vive no mercado gandeiro o día que as vacas saen á pista para que os posibles compradores e os ollos expertos poidan calibrar as aptitudes de cada animal.

O silencioso traballo dos profesionais de Africor Lugo -agás, claro, o do guía da poxa Ramiro Fouz- fai que todo transcorra con axilidade e nas condicións axeitadas. Un evento cada vez máis especializado e que supón un ítem positivo para un sector que sempre vive no arame e que agora xa nin rede ten abaixo.

É un punto de encontro cun compoñente social do máis atractivo

Pero, malia o tecnificada que está a poxa, segue traendo lembranzas do pasado e creando unha atmósfera moi particular. É un punto de encontro cun compoñente social do máis atractivo.

Poxa de gando frisón Chantada 2022 / cedida

Para empezar, e malia haber máis de duascentas persoas fixas e ducias delas que entran e saen, non hai o barullo das feiras. Unha música sacada de youtube serve de fondo entre intervención e intervención do guía da poxa. E por riba desa música séntese o muxido dalgunha vaca que reclama auga, comida ou atención. As conversas entre os asistentes son escasas e sempre ao oído ou en voz moi baixa. Aínda que se dispón de toda a información xenética, morfolóxica e sanitaria de cada vaca tanto de forma impresa como contada polo guía, convén non perder detalle dos movementos do animal e o manexador.

Non só os posibles compradores fan cálculos mentres dura a saída á pista das reses. Calquera que teña coñecemento ou interese polas granxas acaba participando mentalmente na poxa. Cantas lactacións pode ter este animal? Cantos litros se necesitan para desquitala e cantos para sacar  beneficio do investimento? Valeralle unha ración convencional ou precisará de suplementos? Manterá os parámetros xenéticos que marca a súa ascendencia?…desas e moitas outras preguntas dependerá que se efectúe ou non a compra. E hoxe máis ca nunca convén non errar no cálculo porque cada céntimo é vital. Tal vez por eso quedaron 2 dos 17 animais poxados sen vender.

Tamén nas catas se crea unha atmósfera moi especial.

Catro días despois puiden asistir á cata de presentación dos viños nos que están a traballar as xeracións máis novas de Abadía da Cova. Nun acto organizado por Viño Sacra, Paloma e José explicaron os proxectos que teñen en mente e déronnos a probar os primeiros resultados da súa xestión como cuarta xeración xa da coñecida adega do Saviñao. Non quedou pregunta sen resposta e puidemos descubrir liñas de actuación que semellaban esquecidas ou que nin sabiamos que existían.

Cata de Abadía da Cova en Vinosacra / facebook Abadía da Cova

Tamén nas catas se crea unha atmósfera moi especial. A maxia do viño fai que xurda a conversa e sempre, sempre, se adquire algún dato novo e algún coñecemento que xa fai de por si interesante a experiencia. Dende a evolución do mercado do viño na fase final da pandemia ata as técnicas para obter a cor desexada nos rosados ou os matices que aportan as madeiras en función do tempo que se usen e a súa composición. Un fluxo de intercambio continuo entre os participantes.

Recuperación das formas tradicionais do comercio

Malia o diferente escenario en que se celebran a poxa e a cata, hai moitas máis similitudes das que pode parecer. Ambos son eventos que só precisan de internet ou das redes sociais para difundilos. Unha vez neles, a informática pasa a segundo plano. O importante é a interacción entre persoas e o poñer os cinco sentidos no que se está a vivir. Ao meu xuizo, constitúen unha recuperación das formas tradicionais do comercio: podemos ver, tocar e sentir o que se ofrece e xulgar por nós mesmos. Non se precisa unha cara amable en Twitter, un detallado informe en Facebook ou unhas fotos retocadas en Instagram.

Poxa de gando frisón Chantada 2022 / cedida

É difícil saber se as poxas e concursos de gando seguirán tendo cabida no futuro dun sector leiteiro con cada vez menos explotacións e máis problemas económicos. Nin sabemos se as catas seguirán sendo un recurso para as adegas nun mundo cada vez máis dixital. Pero, mentres teñamos a posibilidade de participar dalgún xeito neste tipo de eventos, non deixemos pasar a ocasión. Porque é tratando coas persoas e co froito do seu traballo como realmente podemos chegar a coñecer as cousas.

ÚLTIMAS

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...

O PP de Monforte culpa a Tomé e aos seus “caprichos persoais” da marcha do CRAEGA de Monforte

Antonio Ameijide e Katy Varela consideran que José Tomé despois de ver como o...

Monforte mantén viva a tradición dos maios

O Concello de Monforte de Lemos celebrará unha nova edición do tradicional concurso de...

Campionato de España de Taekwondo, o 4 de maio no Pavillón da Pinguela de Monforte

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polo técnico de Deportes do Concello,...