Este artigo de opinión no que se fan recomendacións sobre o interesante patrimonio que ten Monforte é unha continuación ao publicado en marzo. Aquí podedes acceder ao seu contido.
O PAZO DE MUÍÑOS DE ANTERO
Atópase no leste de Monforte, na rúa do Malvarón. Del atópase información na páxina web da AFundación e sinálase o seguinte:
“O Pazo Molinos de Antero, símbolo da historia de Monforte de Lemos e punto de saída do turismo da Ribeira Sacra, vese reflectido nunha nova, fresca e moderna imaxe que amosa respecto pola historia e polos símbolos da casa e a familia.
A casa construíuse entre finais do século XVIII e principios do XIX. O Pazo Molinos de Antero foi fundado por Manuel Antero Yáñez Rivadeneira sobre unha construción anterior. A súa función fundamental era a de centro de recadación das rendas do tabaco e outros impostos para a corte. Por este motivo, o pazo dispuña e conserva parte dun enxeñoso sistema de seguridade. Hai unha gradicela en cada recuncho e en cada habitación, desde onde se vixiaba a todo o mundo que entraba na vivenda.
O edificio é orixinal e distínguese doutros pazos galegos por unha peculiar arquitectura afrancesada, unha decoración pictórica italianizante das súas estancias, executada polo pintor da comarca de Sober, Juan P. de Castinande.
No pazo consérvase un arquivo que consta de varias partes: unha familiar e outra referente ás rendas reais. Pódense ver cuartos con roupas e mobles orixinais. Ademais, ten unha capela na que se rezaban misas a diario e pinturas orixinais que o tempo non puido borrar”.
MUSEO CASAS DE MUÑECAS
Ocupa algunhas dependencias do edficio da Estación de Ferrocarril de Monforte situada na praza da Estación. Do Museo Casas de Muñecas sinálase o seguinte na súa páxina web:
“Museo de artesanía en miniaturas creado por Francisco y Josela donde también se imparten cursos y talleres para el trabajo a escala 1:12.”
Colección relacionada co ámbito ferroviario de AMAFER (Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril)
Atópase no edificio da Estación de tren de Monforte de Lemos situado na praza da Estación sen número.
MUSEO DO FERROCARRIL DE GALICIA
Está situado na prolongación da rúa Padre Feijoo, s/n. Del sinala o seguinte a páxina web de Monforte: “A historia de Monforte estará para sempre vinculada ao tren. Desde que en 1883, o rei Afonso XII inaugura a liña Madrid – A Coruña, o tren converteu a cidade nun importante nó ferroviario. Pero, desde mediados do século XX, Monforte perdeu este rango, agora acolle o Museo do Ferrocarril de Galicia onde facer unha viaxe ao pasado desde locomotoras e vagóns de época.”
PAZO DE TOR
O pazo de Tor non se atopa na cidade de Monforte de Lemos, pero si no seu concello, concretamente na parroquia de S. Xoán de Tor. Del sinala a páxina web o seguinte: “Para coñecer como era a vida nos pazos, a visita a Tor é obrigada, xa que é un dos poucos en Galicia que conservan todo o seu mobiliario e obxectos. De feito a colección de mobles do Pazo de Tor é casi única en Europa. Aínda que a súa orixe se remonta ao século XIV, o edificio é do XVIII, de estilo barroco, pero xa matizado por certo sentimento estético neoclásico. O edificio complétase con celeiros, adega, forno, cocheiras e cabalerizas e as vivendas dos criados.”
RESUMO FINAL DAS TRES ENTREGAS
Reconto dos museos e interiores visitables en Monforte de Lemos e no seu concello.
NAS RIBEIRAS DO CABE
-Museo-Pinacoteca co Colexio do Cardeal: está situado no Colexio do Cardeal (Campo da Compañía, 50).
-Colección fotográfica de Conrado Vila Aubert, colección galería de alcaldes monfortinos século XX, maqueta do Colexio do Cardeal de Amador López Espinosa e coleccións pictóricas están na Casa do Concello situada no Campo de Santo Antonio sen número.
-Colección bibliográfica e artística en trámites de apertura en Campo de Santo Antonio, 11.
-Museo de Arte Sacra do Convento de Santa Clara: está situado no Convento de Santa Clara.
-Exposición permanente dos VII condes de Lemos está situada no Edificio Multiusos (ronda María Emilia Casas Baamonde, s/n).
NO CENTRO HISTÓRICO DE MONFORTE
-Colección bibliográfica de temática local na Casa da Cultura: atópase na Casa da Cultura (praza de España, 3).
-Centro do Viño atópase na rúa do Comercio, 6.
– Oficina do Peregrino: atópase no baixo do que foi Hotel Comercio na rúa do Comercio.
-Museo Lodeiro: atópase na rúa Armando Cotarelo.
-Exposición da Torre da Homenaxe: atópase no interior da Torre da Homenaxe no Conxunto Monumental de S. Vicente do Pino
FÓRA DO CENTRO HISTÓRICO DE MONFORTE
-Pazo Muíños de Antero: atópase na rúa do Malvarón.
-Museo Casas de Muñecas: atópase no edificio da Estación de Ferrocarril de Monforte situado na praza da Estación.
-Colección de material ferroviario de AMAFER: atópase no edificio da Estación de Ferrocarril de Monforte situado na praza da Estación.
-Museo do Ferrocarril de Galicia sitúase na prolongación da rúa Padre Feijoo, s/n
-Pazo de Tor: atópase na parroquia de San Xoán de Tor pertencente ao Concello de Monforte de Lemos.
Unha suxestión. Podería pensarse na creación de bonos para a visita de varios museos no mesmo día, especialmente no caso dos museos e interiores visitables de xestión municipal.
Epílogo: algunhas reflexións sobre o patrimonio de Monforte de Lemos e da súa contorna.
O patrimonio museístico de Monforte de Lemos e o doutros concellos penso que pode ter grande importancia de cara ás persoas que nos visitan ao igual que os interiores visitables (bodegas, centros de artesanía…) posto que neles, nos interiores visitables, hai un contacto directo entre persoas coñecedoras da realidade de Monforte, Terra de Lemos e Ribeira Sacra e visitantes destas terras.
As persoas encargadas das visitas aos interiores visitables poden transmitir con amor e sabedoría a singularidade destas terras co fin de facelas máis atractivas día a día e poden enriquecerse tamén cos intercambios de impresións cos visitantes de procedencias moi distintas.
Os museos e interiores constitúen puntos privilexiados de visitas en Monforte e na Ribeira Sacra pois son atendidos por persoas coñecedoras da zona. A capacidade e calidade á hora de transmitir o valor patrimonial destas terras repercute na imaxe delas e nas visitas futuras de xentes doutros lugares.
“Temos que convencernos do valor do noso patrimonio e da súa singularidade para amalo, conservalo, protexelo e promocionalo”
Por outra parte as visitas de persoas de fóra teñen repercusións económicas nesta terra. As persoas que habitamos Monforte de Lemos, a Terra de Lemos e a Ribeira Sacra ademais das persoas vinculadas aos turistas e aos servizos turísticos debemos procurar coñecer e amar cada día máis estas terras e transmitir ese coñecemento e ese agarimo aos que nos visitan. Somos nós os que temos que convencernos do valor do noso patrimonio e da súa singularidade para amalo, conservalo, protexelo e promocionalo. Se nós temos amor cara ao noso patrimonio contaxiaremos ese amor a quen nos visita.