InicioOpiniónOPINIÓN: Monforte, unha cidade de museos e interiores visitables (II)

OPINIÓN: Monforte, unha cidade de museos e interiores visitables (II)

Recomendacións sobre o patrimonio de Monforte de Lemos e da súa contorna elaborada en tres entregas ou capítulos. Nesta segunda parte a ollada diríxese cara os museos e interiores visitables situados no centro histórico.

Publicado o

POR
Xosé Martínez Rodríguez
- Advertisement -

Este artigo de opinión no que se fan recomendacións sobre o interesante patrimonio que ten Monforte é unha continuación ao publicado en febreiro. Aquí podedes acceder ao seu contido.

A praza de España e a colección bibliográfica de temática local da Casa da Cultura

A praza de España tivo grande protagonismo na historia local xa dende a Idade Media. Foi e segue a ser un lugar de actividade comercial e de movemento social. Nela estivo situada dende tempos medievais ata o seu derrubamento no século XIX a igrexa parroquial de Santa María da Régoa. Substituíu a esa igrexa primitiva da Régoa na praza de España nas funcións parroquiais a de Santo Domingo que por iso se coñece tamén como santa María da Régoa. Na praza de España, no número 3, atópase a Casa da Cultura Lois Pereiro que alberga unha colección bibliográfica de temática local de grande interese doada por José Luis Martínez Montero.

Praza de España, unha das portas de entrada ao casco histórico de Monforte / XdL

A rúa do Comercio e o Centro do Viño da Ribeira Sacra

Na praza de España comeza a rúa do Comercio que finaliza na praza Doutor Goyanes. No número seis da rúa do Comercio estivo o Hospital de Sancti Spiritus e posteriormente de 1821 a 2001 a Casa do Concello. Actualmente o edificio é a sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, da Oficina de Turismo e do Centro do Viño que ofrece unha interesante visión da Ribeira Sacra tomando como fío condutor o viño.

A Oficina do Peregrino

No extremo da rúa do Comercio próximo á praza Doutor Goyanes atópase o edificio que foi o Hotel Comercio, unha interesante mostra da arquitectura contemporánea en Monforte. No baixo do edificio comezou a súa andaina en 2021 a Oficina do Peregrino pois por Monforte de Lemos discorre a ruta xacobea do Camiño de Inverno ao igual que por outros concellos da Terra de Lemos e da Ribeira Sacra. Na oficina hai información presentada de modo atractivo sobre o Camiño de Inverno.

Oficina do Peregrino / XdL

A rúa Armando Cotarelo e o Museo Lodeiro

Entre as rúas do Comercio e das Hortas atópase a pequena rúa Armando Cotarelo onde está situado Museo Lodeiro.  Del sinálase o seguinte na web de turismo da Ribeira Sacra: “O Museo Lodeiro alberga 300 obras talladas a man en pedra e madeira, raíces e pintura, polo escultor local Darío Lodeiro. Repártense en catro salas: dúas delas na planta inferior e dúas na superior, cunha superficie de 200 metros cadrados aproximadamente“.

Dende a praza de España pola rúa Santo Domingo pode subirse cara ao conxunto Monumental de S. Vicente. A rúa de Santo Domingo ata a porta da Alcazaba, unha das que se conserva da muralla medieval, discorre paralela a esta construción defensiva que tanto ten que ver no nome de Monforte “Monte fortificado”. Atravesada esta porta un carreiro situado preto dela á esquerda sobe cara ao Conxunto Monumental de S. Vicente do Pino.

Torre da Homenaxe e torre exterior que a acompaña. Foto: XMF

O Conxunto Monumental de S. Vicente do Pino

Está formado por dúas construcións de carácter civil a Torre da Homenaxe de época medieval e o Palacio dos Condes de Lemos de época moderna e tamén polo mosteiro de San Vicente do Pino  unha construción relixiosa. Acaroada ao mosteiro de S. Vicente do Pino está a súa igrexa actualmente de carácter parroquial. O Conxunto forma parte dende 2003 do Parador Nacional de Monforte de Lemos.

O palacio dos condes de Lemos

Do palacio condal destaca principalmente a porta de acceso construída en mármore procedente do veciño concello do Incio.

O mosteiro de S. Vicente do Pino

En canto ao mosteiro destaca a fachada e o seu claustro. Reviste grande interese, coa presenza de elementos medievais e de época moderna, a igrexa de San Vicente do Pino. É mágoa que pezas como a urna cineraria do abade Espasando ou un baixorrelevo, as dúas pezas de tempos medievais, non poidan ser contempladas actualmente e que a igrexa leve tempo pechada ao público e non se realicen todas as actuacións precisas para unha adecuada posta en valor.

A Torre da Homenaxe e a súa exposición sobre a Idade Media

No tocante á medieval Torre da Homenaxe os seus trinta metros convértena na máis alta das do seu tipo en Galicia. No interior alberga uns paneis informativos sobre a época histórica da súa construción: a idade media.

“Os seus trinta metros convértena na máis alta das do seu tipo en Galicia”

No primeiro dos catro pisos os paneis ocúpanse da idade media e da muralla de Monforte, no segundo a temática dos paneis é a sociedade medieval, o tema do terceiro son señores de Lemos destacados e as súas fillas polo cal se fala de Pedro Fernández de Castro o da Guerra, do seu fillo Fernando de Castro e das súas fillas Xoana de Castro “raíña de Castela por un día” e de Inés de Castro “raíña de Portugal despois de morta”. No cuarto piso os paneis explicativos ocúpanse das guerras irmandiñas que marcan a fin da idade media e da presenza de xudeus en Galicia na época medieval, presenza que está constatada en Monforte e cuxa memoria se conserva en óptimo estado grazas ao labor do investigador Felipe Aira Pardo. Monforte de Lemos xunto con Ribadavia e Tui son as tres localidades galegas que pertencen á Red de Juderías de España.

ÚLTIMAS

O alcalde de Bóveda na creacion da Comisión de Políticas de Auga, Medio Ambiente e Economía Circular

O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou recentemente en Madrid na reunión da...

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...