HomeOpiniónVida e (case) milagres do prado

Vida e (case) milagres do prado

Grandes días virán para o prado e, daquela, tamén para o gando e o gandeiro, para a fauna e a microfauna, para os ríos e os regatos, para o home e a terra.

Publicado o

POR
Lois Cortiñas, asesor gandeiro
- Advertisement -

A superficie do chan que recibía o nome de prado ata os inicios dos anos 60 do pasado século era escasa no total do país e tamén no particular de cada casa. Esto explícase polas altas esixencias de comida para a familia que tiñan as terras boas de cultivo, e tamén polas mesmas elevadas esixencias de produción ás que sometían os espazos prado nunha busca de estabilidade. A valoración daqueles pequenos prados facíase en base á capacidade de produción durante todo o ano e non polas sobras que puidera aportar en períodos concretos.

Ter un bo prado era un símbolo.

Tamén se entende que o único aporte científico antes daquela década viña dado polos deseños dos regos de rega ou drenaxe e polo material de sacho pois a súa composición fitolóxica, ademais de moi complexa, era case endóxena e constante ano tras ano. Así, os prados debían a súa existencia á auga, e á simbiose entre auga e prado garantía amplas producións de herba e augas limpas e saudables, gozando estes espazos de altas valoracións económicas e sociais. Ter un bo prado era un símbolo.

Estes equilibrios mudaron coa chegada da chamada “revolución verde”, coa achega de tecnoloxía agraria e coa sobrevaloración dos volumes e a nova doutrina de producir para o mercado – como se antes non fose así-. Daquela tentouse converter as terras tradicionalmente destinadas a cereal (para facer o pan das casas) e de monte (para leña, froitos, estrume…) a este ecosistema de produción de comida para gando. É decir, toda a terra ao servizo da comida das vacas. Nese proceso esqueceuse a propia estrutura do prado, que o facía adaptado a uns terreos e non a outros. Esquecéronse tamén partes importantes das súas necesidades e das súas características tentando expandir o seu espazo. Non se tiveron en conta as súas fortalezas – composicións, producións estacionais e funcións da contorna- en base a cultivos de gramíneas, homoxéneas (incluso se chamaban FS) e de nomes fórmula e anglicismos, que se valoraban pola capacidade de producir stocks de comida para o gando. Na coñecida como época doce, principalmente a primavera, as vacas pacían no monte para que o gandeiro puidera ensilar a herba que daba o prado.

Campo sementado con millo / Campo Galego

Tamén entrou en xogo a competencia que os prados levaron moi mal cos cultivos con máis tecnoloxía como o millo e que nos mesmos tempos producían máis enerxía (xa non comida), arrastrando o prado a algo residual e mesmo a un simple lugar onde depositar os xurros.

A todo o anterior hai que sumarlle a chegada masiva da saga das vacas de raza holstein -as famosas frisoas- nos anos 70. A aposta por esa caste de animais leiteiros reduciu aínda máis a consideración cara o prado: con xurros e excrementos todo daba forraxe para silo e o verde case chegou a considerarse na categoría de tóxico para o animal moderno de produción de leite.

Grandes días virán para o prado

O prado resistiu por diferentes motivos: por unhas cantas adaptacións aos espazos marxinais, pola súa extensión, polos deseños dos enxeñeiros foráneos, pola súa boa relación co balado – balado que hoxe é considerado o inimigo número un no rural pero que está moi valorado en Escocia, algo que debemos pensar- e pola súa mestizaxe que o fixo terco e inimigo dos pesticidas, vencendo na guerra contra a química. Tamén o favoreceu a crise de prezos “das cousas” para rescatalo das fauces da maior lacra que padece: o abandono, o desprezo a pastalo e segalo.

Terra agraria / campogalego.com

A esperanza chegou coas vacas novelas e as vacas secas e basea a súa recuperación na mellora de estruturas produtivas ineficientes e a modernización dos criterios de valor das cousas, arcaicos e homoxenizadores como piares do seu futuro.

Grandes días virán para o prado e, daquela, tamén para o gando e o gandeiro, para a fauna e a microfauna, para os ríos e os regatos, para o home e a terra.

ÚLTIMAS

Multitudinaria Romaría do Faro con entrega de novas xoias para a Virxe

Este domingo, 8 de agosto, o Concello de Chantada celebrou a Romaría do Faro,...

A A.V. do Saviñao solicita do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra dúas intervencións turísticas no municipio

A Asociación Veciñal do Saviñao asegura que o Consorcio de Turismo sinalizou algunhas rutas...

Sarria acollerá o 12 e 13 de setembro as dúas primeiras etapas da Volta a Galicia

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o presidente da Federacion Galega...

120.000€ para a ampliación do aparcadoiro do Polígono do Reboredo

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o espazo onde se...