O mundo dos envases metálicos -aqueles que precisaban dun abrelatas en todas as súas formas e modelos- tivo un enorme impacto sobre a poboación rural (e tamén na urbana aínda que en menor medida) ao longo do século pasado. Dende funcións financieiras -demostrando a lata de Colacao ser a entidade máis fiable e segura ata o de agora en canto ao depósito dos cartos familiares- ata utilidade como medio de transporte de líquidos. As latas e botes pasaron a formar parte da vida da xente.
Dentro dese microcosmos metálico imos falar dun modelo que callou tanto entre os veciños do campo que mesmo acabou convertido en unidade de medida. Referímonos, claro está, ao Bombo. Así, con maiúscula.
O Bombo
Para quen non o saiba, o bombo era un envase circular cun diámetro de entre 15 e 30 centímetros e un grosor non superior a 7. Polo xeral tratábase dun recipiente que procedía da industria conserveira e foi o principal expoñente do modelo “Nantes” de procesamento do peixe en conserva. Dende que chegou, rápidamente se converteu nun elemento máis da vida diaria dos veciños. Unha vez papadas as sardiñas ou o Bonito del Norte, comezaba a vida útil deste recipiente.
Un dos “traballos” que máis se lle lembran foi o de servir para determinar a cantidade de penso ou cereal que había que dar a cada vaca no cortello. Aínda que o saco marcase o número de quilos, a distribución correcta era a de x bombos por cada animal.
Non menos importante foi o seu papel como comedeiro para cans, gatos, polos e galiñas. E, volvendo ao establo, era utilizado tamén para recoller eses primeiros chorros do muxido que se desbotaban para o tanque.
Tamén foi unidade de medida de líquidos: unha pota de amoado para filloas leva tantos bombos de sangue. Serviu, ademais, de fonte e prato para ir comer polo monte e fixo as delicias dos adolescentes como diana das súas prácticas de tiro con escopeta de balíns e aire comprimido.
Mesmo se converteu en instrumento de percusión nas foliadas que se montaban nas parroquias.
Por toda Galicia fixemos desta sinxela mestura de chapa metálica un “cacharro” universal e multiusos empregado por todas as persoas e todos os animais que había nas casas. A súa case infinita reutilización debera servir de exemplo nestes tempos de adaptación climática.
Longa vida aos bombos e as súas funcións!! Ben merece lembranza e recoñecemento ese pequeno anaco de lata que tanto ben fixo. E que desculpen os poucos latoeiros que aínda quedan esta competencia desleal.