HomeOpiniónOPINIÓN: Andaina por Monforte con Manuel María e Saleta Goi

OPINIÓN: Andaina por Monforte con Manuel María e Saleta Goi

2ª parte dunha colaboracion anterior baixo o título "Carta a Manuel María dende Monforte no pasamento de Saleta Goi". O autor evidencia nesta misiva a forte vinculación que tivo a parella con Monforte recreando un paseo ficticio con eles.

Publicado o

POR
Xosé Martínez Rodríguez
- Advertisement -

Este artigo vén a ser unha continuación ao que se publiou baixo o título “Carta a Manuel María dende Monforte no pasamento de Saleta Goi (I)”.

É difícil volver facer  aquelas andainas de dous mil quince por Monforte co teu Cancioneiro de Monforte de Lemos, tempos máis alegres para min que os actuais. É difícil volver facelas, pero é difícil tamén esquecelas e soñalas novamente.

Serían as actuais unhas andainas por Monforte non só ao fío do Cancioneiro de Monforte de Lemos senón tamén tendo presentes outros textos poéticos e prosísticos teus sobre Monforte e as terras lemavas.

Serían unhas andainas novas aínda que por lugares repetidos. Poderían comezar no Campo de Santo Antonio lembrando aquelas Festas de Santo Antonio dos anos sesenta e aquel teu “Pequeno pregón pra unhas Festas Grandes” de 1969 que representa unha alianza definitiva co pobo de Monforte, coas xentes traballadoras.

“Poderían comezar no Campo de Santo Antonio lembrando aquelas Festas de Santo Antonio dos anos sesenta e aquel teu ‘Pequeno pregón pra unhas Festas Grandes’ de 1969″

Dende a rúa Antonio Méndez Casal achegariámonos ao Convento das Clarisas, un “cofre” que garda un tesouro: o magnífico Museo de Arte Sacra. Ben dicías ti:

“Nas Claras hai un tesouro

que vale o ouro e o mouro”

Convento de Santa Clara. Fonte: turismo.gal

Na praciña que hai diante do acceso ao Convento apareces nunha fotografía ao carón dun cruceiro (cruceiros que ti tanto amabas) con Ernesto Cardenal.

A continuación cruzariamos a Ponte Vella e o río Cabe aos que lles tes dedicados poemas no teu Cancioneiro de Monforte de Lemos.

Chegariamos á praza Doutor Goyanes (antigo Cantón). Gustabas moito de rescatar topónimos antigos e fermosos: Cantón, Tecelás, Abeledos, Arrabal…

Seguiriamos pola rúa do Comercio. Ti viviches nesta rúa no número 8 antes de trasladarte á de Roberto Baamonde. Tamén visitaches con frecuencia a Casa do Concello na túa época de concelleiro e dedicaches o teu artigo “A memoria perdida de Monforte” a lembrar a cuarta Asemblea das Irmandades da fala celebrada en 1922 na antiga Casa do Concello (hoxe Centro do Viño da Ribeira Sacra) da cidade do Cabe.

“Tamén visitaches con frecuencia a Casa do Concello na túa época de concelleiro e dedicaches o teu artigo “A memoria perdida de Monforte” a lembrar a cuarta Asemblea das Irmandades da fala celebrada en 1922 na antiga Casa do Concello”

Tras percorrer a rúa do Comercio chegariamos á praza de España. Aquí estivo moito tempo a emisora local despois de estar na rúa Chantada nº 13 (fermoso edificio hoxe desaparecido) e na rúa dos Abeledos. Na praza de España, no número 19, regalaches ti, Saleta e outros maiores a representación da peza de teatro Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela aos fillos duns amigos.

Seguiriamos a andaina pola rúa Dr. Teijeiro ata chegar á altura da rúa Inés de Castro, filla do señor de Lemos e lembrada raíña de Portugal despois de morrer no século XIV. O Dr. Teijeiro foi un dos médicos de Rosalía de Castro que dedicou parte dun poema seu a Inés de Castro.

Imos ao ámbito da que ti chamas “Vella Xudería” no que percorremos a rúa Bailén (en tempos medievais rúa do Peso) e dende a parte alta da praza de España chegamos ao cárcere vello. No teu artigo “A cárcel vella de Monforte de Lemos” lembras o paso por Monforte de Benito Vicetto que deixou dedicada ás terras lemavas a súa novela máis destacada: Los hidalgos de Monforte.

No ascenso ao Monte de S. Vicente, o monte coroado por torres conveciñas aos ceos cantado por Góngora no seu famoso soneto tan grato para ti, pasamos pola rúa das Pescaderías e pola porta da Alcazaba na que comeza a rúa Falagueira. Ti amaches tamén o medievo e os seus poetas, entre eles Pero de Veer protagonista dunha colaboración túa nun programa das Festas de San Xil de Bóveda.

Torre da Homenaxe e torre exterior que a acompaña. Foto: XMF

O Conxunto de San Vicente é protagonista de bastantes poemas do Cancioneiro de Monforte de Lemos. Cabe lembrar unha foto túa con Saleta, Reimundo Patiño e Enrique Iglesias nas escaleiras situadas na fachada do mosteiro. Dende S. Vicente pode ollarse para os catro puntos cardinais da cidade do Cabe que ti andaches e coñeciches moi ben nos teus corenta anos de presenza con nós.

Ao norte de Monforte atópase o barrio da Estación. En relación a este barrio recordo especialmente as túas colaboracións en programas das Festas de San Pedro e da Virxe do Carme e unha foto túa en 1994 diante da Estación do tren. Ao sur da cidade do Cabe atópase Carude, barrio ao que lle dedicaches un poema do teu cancioneiro á cidade monfortina.

Dende San Vicente axiña se pode descender de novo á praza de España e percorrer a rúa do Cardeal, a rúa principal de Monforte para ti onde estivo ademais a librería Xistral (nas Galerías Fontecha).

Entre o Cardeal e a Compañía atópase a praza Fontecha e o comezo da rúa Roberto Baamonde onde está a casa en que viviches moitos anos (como lembra unha placa). Con especial intensidade podemos lembrarte na praza Fontecha  onde te atopas sentado na pequena mesa que representa a que tiñas na librería Xistral. Nesa mesa da librería Xistral estiveches moitas veces, sempre a carón de Saleta (como agora).

“Entre o Cardeal e a Compañía atópase a praza Fontecha e o comezo da rúa Roberto Baamonde onde está a casa en que viviches moitos anos (como lembra unha placa)”

Dende a praza Fontecha iriamos á praza da Compañía, espazo moi frecuentado por ti e por Saleta. Á Compañía e ao Colexio do Cardeal dedicaches poemas do teu Cancioneiro de Monforte de Lemos.

Polo Parque dos Condes, Covas e Teceláns, pasando preto da casa do grande poeta monfortino Lois Pereiro na rúa Ourense nº 39,  chegamos ao Campo de Santo Antonio de novo, o punto de partida da nosa andaina.

Esta nova andaina por Monforte contigo e, como non, con Saleta é un pouco diferente da de 2015. Distinto é o percorrido e un pouco distinta a inspiración e é que non se basea soamente no Cancioneiro de Monforte de Lemos senón tamén noutros escritos teus sobre Monforte: colaboracións en programas de festas, poemas soltos, artigos xornalísticos que, como se sinala na introdución da reedición do Cancioneiro de Monforte de Lemos de 2016, “merecen compilarse”.

Manuel e Saleta, aínda que non esteades fisicamente con nós continuaredes sempre no corazón das xentes que vos seguimos querendo.

ÚLTIMAS

O Xeoparque organiza unha visita comentada na contorna do túnel de Montefurado

Este próximo sábado 14 de decembro o Xeoparque Montañas do Courel organiza unha xornada...

A Deputación investirá 1,2M€ na modernización do padrón municipal dos 67 concellos da provincia

Para esta iniciativa a institución provincial conta con 1,2M€ que conseguiu do Plan de...

Ampla e variada programación infantil para este Nadal en Chantada

No Pavillón Municipal de Chantada desenvolveranse do 23 de decembro ao 3 de xaneiro,...

42.000€ para un vehículo pick-up destinado a traballos medioambientais no Incio

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou este luns na entrega do novo...