OPINIÓN: Enerxía solar fotovoltaica, a independencia enerxética ao alcance da túa man

Charla sobre o funcionamento e a calidade dos compoñentes dunha instalación solar fotovoltaica, o sábado 29 de outubro ás 19.00 no Ecocentro Natureza de Monforte.

Manuel Díaz Ares, placas solares

Xa hai 33 anos que montei a miña primeira instalación fotovoltaica de autoconsumo para a subministración eléctrica dunha vivenda unifamiliar illada. Desde entón foron moitos centos de instalacións, tanto de autoconsumo como de conexión a rede, por toda a xeografía galega que a día de hoxe seguen funcionando satisfactoriamente para os seus propietarios.

A finais dos 80 e principios dos 90 as opinións que máis escoitábanse eran algo asi: “Producir electricidade coa luz do sol? Tí estas tolo” Aquel “tolo” demostrou que realmente si que se podía alimentar calquera necesidade eléctrica coa luz do sol. Ademais de demostrar que tamén se podía producir auga quente co sol. A partir de aí ata os profesionais de fontanería e electricidade que chegaron a dicir que a enerxía solar era “un engañabobos”, convertéronse en instaladores de sistemas solares rotulando nas súas furgonetas de empresa: “enerxías renovables”.

A eficacia dunha instalación solar baséase nun correcto dimensionado para o que hai que ter en conta algunhas variables, como a orientación e inclinación das placas, as horas de luz solar, o consumo previsto que hai que cubrir e algúns detalles máis, como a selección dos seus compoñentes, que se expoñerán na conferencia que terá lugar na sala de actos do Ecocentro Natureza, o sábado, 29 de outubro a partir das 19.00.

Calquera pode montar placas, pero non calquera ten os coñecementos necesarios e imprescindibles, para que esas placas cumpran co labor para o que se montan. A moda destes últimos anos e sobre todo neste último onde a subida constante do prezo da electricidade está a supoñer un gasto importante para todos os fogares, é a oferta de compañías eléctricas, petroleiras e empresas varias, de montar no teu tellado unhas placas fotovoltaicas para que aforres no consumo eléctrico. As placas conéctanse mediante o equipo correspondente á túa instalación eléctrica e cando non consumes o que producen as túas placas, ese excedente envórcase na rede, compensando o teu consumo da rede.

Canto podo aforrar no recibo mensual da electricidade?

Canto podo aforrar no recibo mensual da electricidade? É a pregunta do millón. O aforro na factura vén dado pola cantidade de quilowatts que as túas placas sexan capaces de producir, porque son os que non lle pagas á compañía. Pero debemos ter en conta que imos seguir pagando a ladaíña de impostos que, independentemente do consumo, engádense en cada factura. De maneira que o aforro obtido, sempre en función do dimensionado da instalación, oscilará entre un 20 e un 30 por cento do total da factura.

Placas solares

Outra pregunta para ter en conta: En canto tempo amortizo a instalación? Nos prazos de amortización as empresas que ofertan ese tipo de instalacións adoitan ser moi xenerosos, supoño que como táctica de vendas. Aínda non vin ningunha que se aproxime á realidade, e isto é así debido ás carencias dos estudos técnicos axustados á realidade. E unha pregunta que unhas poucas persoas fan é: Se polo día vaise a luz da compañía, eu sigo tendo en casa? A resposta é NON. A túa instalación conectada á rede NON pode producir mentres a liña estea cortada, por moito sol que faga nese momento. De maneira que todo ese investimento que se amortiza nuns cantos anos, non che serve se non hai electricidade na rede. A alternativa é unha instalación solar fotovoltaica illada da rede, o que implica a colocación de baterías onde almacenar a electricidade producida durante o día para poder fornecer o consumo necesario na vivenda durante as 24hrs do día.

Na actualidade o prezo dos módulos fotovoltaicos está moi baixo. Por poñer un exemplo, un módulo de 100W no ano 2004 custaba máis de 400 euros, agora mesmo costa 80 euros. Aínda os hai máis baratos, por suposto, pero as diferenzas marcan a garantía no rendemento do día a día ao longo da súa vida útil. Nestes momentos unha instalación solar fotovoltaica de autoconsumo para a subministración dunha vivenda unifamiliar illada de rede está entre 8 e 10 mil euros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here