InicioOpiniónOPINIÓN: Halloween e Samaín, eses estraños impostores que aceptamos en silencio

OPINIÓN: Halloween e Samaín, eses estraños impostores que aceptamos en silencio

De todas as celebracións inventadas en Galiza nos últimos anos chama especialmente a atención o Samaín, tamén coñecido como Halloween. Mentres numerosas familias levan flores aos camposantos existen institucións públicas e privadas empeñadas en impoñer o Halloween como unha tradición propia deste tempo.

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

Nenas e nenos de diferentes idades baleiran e adornan cabazas nos últimos días de outubro para despois expoñelas nos centros educativos. Ultimamente algunhas crianzas tamén o fan nas súas casas, axudadas por adultos que non lembran ter feito isto de pequenos. O traballo de manipulación das cabazas nas escolas de infantil e primaria pode ter algún sentido pedagóxico desde o punto de vista motriz, sensorial ou creativo, pero desde unha perspectiva cultural esta práctica descontextualizada é bastante discutible.

Nas áreas urbanas, ademais, durante o 31 de outubro, adolescentes de todas as clases sociais transforman o seu aspecto habitual en sinistros personaxes creados pola obscena imaxinación televisiva. Queda claro que nos institutos e escolas de maxisterio é necesario introducir unha hora de estética e varias de ética no horario lectivo do alumnado.

Cómpre lembrar, manter a memoria, como forma efectiva de resistencia contra as agresións totalitarias do capitalismo máis voraz, homoxeneizador de pensamento, aniquilador de diversidades, costumes, hábitos e valores. Diante do nicho da miña avoa materna, falecida con 85 anos no 1997, presentáronse ante min as imaxes dos contos narrados por ela cando era neno: “o dia de difuntos, os mozos, para meternos medo cando viñamos da escola de ferrado… aparecían nos eidos con cabazas prendidas”. A utilización de cabazas ocas con velas acesas no seu interior para asustar a nenas e nenos existiu nas parroquias chantadesas de Seoane e A Carballeira, como mínimo, ata a década de 1920. Non coñezo na comarca ningún outro testemuño posterior a esa data. Logo aparecería, na década de 1990, a simboloxía Halloween.

Cabazas de Samaín / XdL

O Samhain foi unha das principais festividades celtas na illa de Irlanda: tempo de encontro entre o humano e o divino. Nada semellante ao que acontece en vilas e cidades na actualidade, onde a xente mestura medos e fobias persoais con actividades que banalizan o carácter sagrado de determinadas conmemoracións. Estamos ante unha lamentable evidencia de infantilismo social cargado de hedonismo.

Foron diversos os motivos relixiosos, políticos e sociais que provocaron a substitución paulatina dos antigos rituais de contacto co máis alá por outros diferentes. A espiritualidade contemporánea é substancialmente distinta, con carácter xeral, á dos nosos antepasados. Con todo, os novos mecanismos de conexión cos defuntos conservan a presencia simbólica dos mortos no mundo dos vivos. Abonda observar as fotos expostas en moitas casas e os coloridos adornos dos cemiterios.

santa compaña, xacios, aparecidos, espiritadas, señas, reflexos, aires, tangaraños, demos e tantos outros

Por iso, a moda do Halloween non ten que ver cos defuntos nin co alén. É outra cousa. É un culto á autenticidade narcisista, non un ritual con alegorías propias e lugares concretos para expresarse. O impulso comercial que promove a fórmula trick-or-treat execútase incluso erroneamente. Na nosa cultura ofrécese doutro modo e facíase no dia de Reis. Penso sinceramente que os defuntos non merecen un carnaval de monstros, bruxas e pantasmas de terceira categoría. E se alguén está obcecado en recuperar algunha das escuras e desgraciadas crenzas tradicionais vinculadas co outro mundo, hai noites de sobra ao longo do ano e amplos espazos privados apropiados para elo. Son crenzas desaparecidas da conciencia popular, aínda que permanecen nos libros de mitos e seres fantásticos escritos por varios autores: santa compaña, xacios, aparecidos, espiritadas, señas, reflexos, aires, tangaraños, demos e tantos outros que, en calquera caso, pouca relación gardan coas cabazas e nada sabemos xa dos seus significados.

E se a idea é festexar con barullo a chegada do inverno, tal como se facía no neolítico, seguro que existen maneiras bastante máis orixinais, divertidas e coidadosas de levalo a cabo. Os gurús dixitais non deben esquecer que en novembro haberá por moitos anos quen siga visitando o camposanto e prendendo o lume primixenio nos magostos

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...