No marco da investigación desenvolta polo noso equipo no sitio arqueolóxico d’O Preguntoiro (Pombeiro, Pantón) tivemos a sorte de recuperar aínda lendas e tradicións vencelladas á esa paisaxe cultural. A parte do traballo de enquisa etnográfica e da axuda de Afonso Campos, quen nos cedeu os seus apuntamentos sobre a zona, tamén procuramos información en bibliotecas e arquivos. Froito desta pescuda foi a localización nos fondos da Fundación Vicente Risco de Allariz dun interesante documento titulado “Folk-lore del distrito de Pantón”, un conxunto de 32 papeletas ou cuartillas escritas a man por María Luisa Rodríguez Rodríguez, alumna nos anos da 2ª República na Escola de Maxisterio de Ourense, onde daba aulas Vicente Risco (1884-1963). De feito, este é un traballo de clase feito por esta estudante moza para a asignatura impartida polo pai da etnografía galega e membro senlleiro da Xeración Nós.
Etnografía como ciencia básica para a dignificación da cultura galega
Destacados intelectuais xa prestaran atención ao folklore desta zona, como foi a propia Emilia Pardo Bazán, o abogado agrarista Joaquín Arias Sanjurjo ou o crego Ramón Castro López. Sería coa creación do Seminario de Estudos Galegos (1923) e co mecenado de Xan de Forcados cando arribaría a etnografía metódica e rigorosa á terra de Lemos, con xente como Florentino López Cuevillas, Sebastián González García-Paz ou Pura Lorenzana, que se puxeron a rexistrar o folklore asociado aos castros e ás necrópoles megalíticas. Este é o contexto no que cómpre enmarcar o traballo de María Luisa Rodríguez: o proxecto ideolóxico do galeguismo político que vía na etnografía unha ciencia básica para a dignificación da cultura galega. E isto non se pode entender sen a figura de Vicente Risco.
Dentro da iniciativa cultural promovida pola Xeración Nós, Vicente Risco asentará o seu pensamento galeguista na Etnografía, disciplina que comezou a cultivar durante a súa primeira estancia en Madrid (1913-1916) baixo a dirección do prestixioso Luis de Hoyos Sáinz (1868-1951). Este etnógrafo eminente deseñou ferramentas metodolóxicas para o traballo de campo, publicando nos anos 20 senllos modelos de cuestionarios para rexistrar as festas tradicionais, o mundo da vestimenta, a alimentación, etc…
Cultura espiritual galega
Baixo esta influencia, e a partir de 1920, Risco inicia un ambicioso plan de investigación etnográfico co obxectivo de acadar unha interpretación científica das diferentes manifestacións do que chama a Cultura espiritual galega. Como sinala o propio autor ao presentar na revista Nós o seu programa para o estudo da literatura popular galega (1928): Hoxe os feitos culturás, e todas elas, coherentes unhas co-as outras, sin que ningunha d’elas poida ter un desenrolo independente, compoñen unha espresión fisonómica compreta que o historiador pode interpretar.
O marco teórico que preside todos estes traballos correspóndese coa escola histórico-cultural alemana, evidenciándose a influencia directa do Romanticismo xermano (de onde toma o conceito herderiano de Volksgeist, a alma do pobo), os postulados de autores como Ratzel e Graebner, dos que se adquiren o conceito de complexo cultural, así como a incidencia do particularismo histórico definido polo padre Schmidt. Grazas aos contactos de Xan de Forcados (con moita man na Junta de Ampliación de Estudios), Risco recibiu en 1930 unha bolsa de viaxe para estudar Etnografía e Folklore en Alemaña, experiencia da que sairá o seu libro “Mittleuropa” (1934).
Consciente do incipiente proceso de desestruturación da sociedade agraria galega, Risco elabora cuestionarios para recoller lendas, cantigas, instrumentos de traballo, formas de vida… todo iso coa intención de contribuir ao coñecemento histórico da Terra: En todo caso, o estudo da cultura popular constitui unha ciencia de carácter histórico, que, a un tempo, é unha das ciencias auxiliares da Historia, e unha disciplina independente. O seu método ten que ser –sen adscribirnos por esto a ningunha escola- o histórico-cultural. Niste traballo, no que o cadro da cultura popular galega hase presentar como fonte da historia, non se trata de facer un estudo etnolóxico, senón, como acabamos de dicir, un cadro etnográfico que axude dalgún xeito á explicación da nosa historia; non hemos explicar, senón sinxelamente describir.
Man de obra en prácticas para o proxecto etnográfico
Neste proxecto etnográfico Risco empregou como “man de obra en práticas” ao seu alumnado da Escola Normal de Maxisterio de Ourense. Velaí o valor deste traballo esquencido sobre o distrito de Pantón, onde ficou fosilizado o cuestionario-modelo deseñado por el para recabar o folklore das distintas bisbarras de Galicia. Un traballo escrito, ademáis, por unha muller dunha vila do interior de Galicia, como tantas rapazas que se incorporaron aos estudos de Maxisterio e universitarios nos anos da IIª República. Unha muller deseguro procedente dunha casa grande, dun pazo ou dunha familia pequenoburguesa da capital do concello, que se expresa en castelán e observa con certa distancia e cun enfoque case colonial o mundo rural.
O documento ten pasaxes deliciosas, referencias folklóricas moi valiosas e valoracións da autora que nos fan rir hoxe. Unha autora que descoñecemos o que foi dela. Se chegou a ser mestra, onde, e se foi depurada na posterior dictadura… Agardamos que a xente de Pantón nos axude a procurar a traxectoria vital desta antiga alumna do etnógrafo ourensán.
Este traballo de clase dos anos 30 recupérase nun intre no que se reivindica o labor didáctico de Risco, quen artellou mesmo todo un programa para a galeguización das escolas. O pasado 18 de outubro foi presentada unha edición facsimilar conmemorativa do centenario daquel Plan Pedagóxico. Asemade, nestes días comezan a coceñerse tamén outros materiais pedagóxicos da época, como os cadernos escolares de Antonio Rial, alumno que foi do mestre republicano de Teo, Bernardo Mato (“Os cadernos escolares da II República”, editorial Alvarellos, edición a cargo de Miguel Paz Cao e Víctor M. Santidrián, 2022).
P.S. O noso agradecemento a Celia Pereira e Xosé Rodríguez, directora e secretario, respeitivamente, da Fundación Vicente Risco, que amablemente nos fixeron chegar este documento e que sairá publicado cunha pequena edición crítica nosa en 2023.