Continuación á carta publicada en Xornal de Lemos en setembro de 2022.
Admirado Manuel María,
É difícil volver facer aquelas andainas de dous mil quince por Monforte co teu Cancioneiro de Monforte de Lemos, tempos máis alegres para min que os actuais. É difícil volver facelas, pero é difícil tamén esquecelas e soñalas novamente.
Serían as actuais unhas andainas por Monforte non só ao fío do Cancioneiro de Monforte de Lemos senón tamén tendo presentes outros textos poéticos e prosísticos teus sobre Monforte e as terras lemavas.
Serían unhas andainas novas aínda que por lugares repetidos. Poderían comezar no Campo de Santo Antonio lembrando aquelas Festas de Santo Antonio dos anos sesenta e aquel teu “Pequeno pregón pra unhas Festas Grandes” de 1969 que representa unha alianza definitiva co pobo de Monforte, coas xentes traballadoras.
Dende a rúa Antonio Méndez Casal achegariámonos ao Convento das Clarisas, un “cofre” que garda un tesouro: o magnífico Museo de Arte Sacra. Ben dicías ti:
“Nas Claras hai un tesouro
que vale o ouro e o mouro”
Na praciña que hai diante do acceso ao Convento apareces nunha fotografía ao carón dun cruceiro (cruceiros que ti tanto amabas) con Ernesto Cardenal.
A continuación cruzariamos a Ponte Vella e o río Cabe aos que lles tes dedicados poemas no teu Cancioneiro de Monforte de Lemos. Chegariamos á praza Doutor Goyanes (antigo Cantón). Gustabas moito de rescatar topónimos antigos e fermosos: Cantón, Tecelás, Abeledos, Arrabal… Seguiriamos pola rúa do Comercio. Ti viviches nesta rúa no número 8 antes de trasladarte á de Roberto Baamonde. Tamén visitaches con frecuencia a Casa do Concello na túa época de concelleiro e dedicaches o teu artigo “A memoria perdida de Monforte” a lembrar a cuarta Asemblea das Irmandades da fala celebrada en 1922 na antiga Casa do Concello (hoxe Centro do Viño da Ribeira Sacra) da cidade do Cabe.
Tras percorrer a rúa do Comercio chegariamos á praza de España. Aquí estivo moito tempo a emisora local despois de estar na rúa Chantada nº 13 (fermoso edificio hoxe desaparecido) e na rúa dos Abeledos. Na praza de España, no número 19, regalaches ti, Saleta e outros maiores a representación da peza de teatro Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela aos fillos duns amigos.
Seguiriamos a andaina pola rúa Dr. Teijeiro ata chegar á altura da rúa Inés de Castro, filla do señor de Lemos e lembrada raíña de Portugal despois de morrer no século XIV. O Dr. Teijeiro foi un dos médicos de Rosalía de Castro que dedicou parte dun poema seu a Inés de Castro.
Imos ao ámbito da que ti chamas “Vella Xudería” no que percorremos a rúa Bailén (en tempos medievais rúa do Peso) e dende a parte alta da praza de España chegamos ao cárcere vello. No teu artigo “A cárcel vella de Monforte de Lemos” lembras o paso por Monforte de Benito Vicetto que deixou dedicada ás terras lemavas a súa novela máis destacada: Los hidalgos de Monforte.
No ascenso ao Monte de S. Vicente, o monte coroado por torres conveciñas aos ceos cantado por Góngora no seu famoso soneto tan grato para ti, pasamos pola rúa das Pescaderías e pola porta da Alcazaba na que comeza a rúa Falagueira. Ti amaches tamén o medievo e os seus poetas, entre eles Pero de Veer protagonista dunha colaboración túa nun programa das Festas de San Xil de Bóveda.
O Conxunto de San Vicente é protagonista de bastantes poemas do Cancioneiro de Monforte de Lemos. Cabe lembrar unha foto túa con Saleta, Reimundo Patiño e Enrique Iglesias nas escaleiras situadas na fachada do mosteiro. Dende S. Vicente pode ollarse para os catro puntos cardinais da cidade do Cabe que ti andaches e coñeciches moi ben nos teus corenta anos de presenza con nós.
Ao norte de Monforte atópase o barrio da Estación. En relación a este barrio recordo especialmente as túas colaboracións en programas das Festas de San Pedro e da Virxe do Carme e unha foto túa en 1994 diante da Estación do tren. Ao sur da cidade do Cabe atópase Carude, barrio ao que lle dedicaches un poema do teu cancioneiro á cidade monfortina.
Dende San Vicente axiña se pode descender de novo á praza de España e percorrer a rúa do Cardeal, a rúa principal de Monforte para ti onde estivo ademais a librería Xistral (nas Galerías Fontecha).
Entre o Cardeal e a Compañía atópase a praza Fontecha e o comezo da rúa Roberto Baamonde onde está a casa en que viviches moitos anos (como lembra unha placa). Con especial intensidade podemos lembrarte na praza Fontecha onde te atopas sentado na pequena mesa que representa a que tiñas na librería Xistral. Nesa mesa da librería Xistral estiveches moitas veces, sempre a carón de Saleta (como agora).
Dende a praza Fontecha iriamos á praza da Compañía, espazo moi frecuentado por ti e por Saleta. Á Compañía e ao Colexio do Cardeal dedicaches poemas do teu Cancioneiro de Monforte de Lemos.
Polo Parque dos Condes, Covas e Teceláns, pasando preto da casa do grande poeta monfortino Lois Pereiro na rúa Ourense nº 39, chegamos ao Campo de Santo Antonio de novo, o punto de partida da nosa andaina.
Esta nova andaina por Monforte contigo e, como non, con Saleta é un pouco diferente da de 2015. Distinto é o percorrido e un pouco distinta a inspiración e é que non se basea soamente no Cancioneiro de Monforte de Lemos senón tamén noutros escritos teus sobre Monforte: colaboracións en programas de festas, poemas soltos, artigos xornalísticos que, como se sinala na introdución da reedición do Cancioneiro de Monforte de Lemos de 2016, “merecen compilarse”.
Manuel e Saleta, aínda que non esteades fisicamente con nós continuaredes sempre no corazón das xentes que vos seguimos querendo.