Este artigo é unha continuación, e dá remate, a outro publicado o pasado 7 de marzo. Nesta segunda entrega faise mención de sete efemérides importantes para Monforte de Lemos neste ano que corre, o 2023.
En decembro de 1913, hai cento dez anos, saíu de Monforte para Alemaña o cadro A Adoración dos Reis Magos de Hugo Van der Goes. Un artigo de Ángel Arnaiz publicado en El Progreso recentemente ocúpase desta celebración. En concreto sinálase no artigo “En el próximo mes de diciembre se cumplen 110 años de la marcha a Alemania del cuadro “La adoración de los Reyes”, del pintor flamenco Hugo Van der Goes, que colgaba en una capilla lateral del Colegio del Cardenal (…) El cardenal Rodrigo de Castro trajo para su iglesia un cuadro del artista flamenco Van der Goes que está considerado su obra culmen. Hace 110 años fue vendido a un museo alemán por 1.180.000 pesetas, dinero que se usó para acabar obras inconclusas del edificio cardenalicio monfortino (…) La pintura salió a escondidas en unas navidades de 1913 en carro de bueyes para embarcar en Canaval en un tren con dirección Vigo”.
En 1923 estamos ás portas dos cen anos da creación do Club Lemos. Sinala Luis Conde no artigo “El Lemos cumple un siglo en el 2024” publicado en La Voz de Galicia o 29 de decembro de 2020 que: “El estudiante de tercero de Periodismo José Campos Prieto corrobora el 19 de abril de 1924 como la fecha exacta del nacimiento de la entidad lemista”. Sinálase tamén no artigo que: “En el acta fundacional se recoge que el Lemos Club vio la luz en una asamblea que se celebró en el salón del teatro Principal el 19 de abril de 1924 a las diez de la noche. Se encargó de abrir y dirigir esta asamblea José Ibáñez Fernández, que ejerció de presidente en funciones. Actuó como secretario Francisco Álvarez González”. En 1973 falece Pedro Losada Pereira, un dos adestradores do Lemos que acadou maiores éxitos deportivos co equipo.
En 1933, hai 90 anos, creouse un Instituto público en Monforte. En 1932 comezaron as xestións para conseguir un Instituto público de segunda ensinanza para Monforte. Pensárase que o instituto ocupase o edificio dos Escolapios. Pedro Gómez Álvarez na súa obra O ensino na Terra de Lemos nos séculos XIX e XX sinala “Pero neses días, en concreo o 16-09-1933, o Duque de Alba subscribiu un Convenio coa SADEL, co que a Corporación tivo que buscar outra alternativa que foi o edificio para escolas graduadas do Campo de San Antonio, no que comezou a funcionar o instituto a finais de 1933, unha vez entregado ao profesorado”. Indícase na mesma obra que “En 1937, o Alcalde deu conta á Comisión Xestora da disposición da Xunta Técnica de Burgos, publicada no BOE de 9/10, que suspendía a 2ª ensinanza en dito curso no Instituto de Monforte por falta do persoal docente necesario para continuar as clases. Esta decisión (…) supuxo que un gran número de familias da localidade quedaran imposibilitadas para que os seus fillos continuasen a ensinanza secundaria e Monforte quedou sen ensinanza secundaria pública, o que non retomaría ata 1965”. Na publicación periódica monfortina Alborada no número 20 de 20 de febreiro de 1935 e seguintes publícase unha relación de Mestres do “Instituto Elemental de Segunda Enseñanza”.
En 1953, hai 70 anos, inaugurouse a ponte nova que substituíu a lembrada ponte de ferro. O venres 17 de febreiro de 2023 Ángel Arnaiz publicou un artigo en El Progreso en que se fai eco desta celebración. Sinala: “En 1953 se abría el nuevo puente sobre el río Cabe a su paso por el centro de la ciudad con una gran implicación popular en la inauguración”. Tamén indica: “Una total falta de mantenimiento del puente de hierro sobre el río cabe construido en 1904 de estilo Eiffel propició su colapso y caída sobre las aguas. En su lugar se construyó uno de hormigón insustancial en comparación con el anterior”. O 15 de outubro de 1953 en concreto tivo lugar a inauguración da actual Ponte Nova.
Malia a súa estética, dende a Ponte Nova podemos ollar a fermosa Ponte Vella e tamén o río Cabe sobre o cal se sitúan estas pontes. O río atravesa Monforte de Lemos de norte a sur. Destaca a creación de paseos e zonas verdes na contorna do río, creación que comezou a fins do século XX e que continúa na actualidade.
En 1973, hai cincuenta anos, publicouse o decreto polo que o centro histórico de Monforte pasou a ser declarado conxunto histórico-artístico de interese nacional. Desta celebración faise eco un artigo de Luis Díaz publicado en La Voz de Galicia o 18 de febreiro de 2023 titulado “Medio siglo de la declaración de Monforte como conjunto histórico”. No artigo danse detalles do decreto e reflexiónase sobre a situación actual do centro histórico da cidade do Cabe.
O 5 de agosto de 1983, hai corenta anos, publicouse no Diario Oficial de Galicia un decreto polo que se crean Institutos de Formación Profesional nas localidades de Arteixo, Arzúa, Muros, Ponteceso, Santa Comba, Santiago de Compostela, Vimianzo, Monforte de Lemos, Allariz, Bande, Viana do Bolo, A Cañiza, A Garda e Redondela. En concreto en Monforte créase o Instituto de Formación Profesional A Pinguela, actualmente IES A Pinguela.
Nos seus corenta anos este instituto levou a cabo iniciativas moi interesantes que transcenderon máis alá do centro como as creacións do Xardín Botánico, do planetario e da Agrupación Deportiva A Pinguela vinculadas especialmente aos docentes José Ramón Casanova Otero, Matías Vázquez Yáñez e Manolo López Martínez. A Agrupación Deportiva A Pinguela foi un equipo que con varios nomes (entre eles Ribeira Sacra a Pinguela) estivo moitos anos na elite do voleibol feminino a nivel español. Merecen celebrarse estes corenta anos. A este respecto non viría mal publicar unha historia do centro e un libro de testemuños de xentes que estiveron vencelladas con el ao longo destes corenta anos.
En 2003, hai vinte anos, tiña lugar a inauguración do Parador Nacional de Turismo de Monforte de Lemos situado no Conxunto Monumental de San Vicente do Pino. En concreto o parador ocupa o mosteiro bieito de San Vicente do Pino e o Pazo dos Condes de Lemos. A continuación achéganse unhas notas sobre os diferentes monumentos do Conxunto Monumental.
O primitivo Pazo dos Condes de Lemos sufriu un devastador incendio en 1672. Salienta no exterior a porta de acceso de arco rebaixado de mármore do Incio. Nas doelas centrais dela atópanse os escudos vencellados á Casa de Lemos.
No mosteiro destaca a fachada do século XVII e o orixinal claustro do século XVIII cun fermoso templete no medio que forma parte dun alxibe que tiña a finalidade de aproveitar a auga da chuvia.
A igrexa de San Vicente do Pino, actualmente de carácter parroquial, iniciouse en 1539. As portas de acceso ao templo son renacentistas mentres que interior corresponde ao gótico de transición con elaboradas bóvedas. No interior hai elementos anteriores á construción actual como a urna cineraria do abade Espasando do século X ou un frontal románico do século XII. Tamén destaca no templo a presenza de pinturas murais, dun coro e dun órgano e de numerosos retablos e imaxes. O retablo maior do século XVIII, obra do artista Mil Bienes, está ocupado en grande parte por un lenzo coa representación do martirio de San Vicente. Outros retablos salientables son o da Virxe de Monserrat, San Bieito, San Brais… Tamén destaca a imaxe de Santa Ana, a Virxe e o Neno Xesús.
En relación á Torre da Homenaxe un folleto titulado Monforte medieval sinala o seguinte: “Es una atalaya de 30 metros de altura, 13 metros de lado y unos 3 metros de grosor. La torre y la muralla de la fortaleza medieval sufrieron importantes daños durante la Gran Guerra Irmandiña (1467-1469) y fueron reconstruidas una vez finalizados los enfrentamientos”.
O Conxunto Monumental de San Vicente merece unha visita pola súa historia e o seu valor artístico. Ademais dende o cume do monte de San Vicente, onde se atopa, pode gozarse dunhas privilexiadas vistas dun amplo territorio que forma parte da Terra de Lemos e da Ribeira Sacra.