Unhas horas antes de escribir estas liñas veño de facer cun reducido grupo de clientes a coñecida ruta do pico Penaboa con remate en Piapáxaro pola aresta leste. Era a primeira vez que subía despois dos lumes que arrasaron a meirande parte de Courel no mes de xullo do ano pasado. Foi unha experiencia terrible, un impacto visual que nos deixou abraiados xa non polo paso do lume, senón polas actuacións que se fixeron despois deste, paso a contarvos.
A subida a Penaboa está infestada de ‘caxatos secos’ das uces pero mostra o renacer delas, con forza e xa sae algunha árbore, polo menos hai algo de verde e esperanza entre tanta cinza. En tres ou catro anos estará perfecta. A ruta é recoñecible e pódese facer aínda que os pasos de trepada mostran o paso do lume nas rochas estaladas pola temperatura do incendio. A aresta final antes do miradoiro impón algo máis porque as uces altas impedían ver o precipicio e están as rochas aínda tinguidas de negro; pero o impacto que parte a alma vén despois.
Chegamos ó miradoiro, un grolo, algo de picar e saímos cara Piapáxaro con algo de cansazo xa que levamos 25 quilómetros e 2.800 metros de desnivel positivo acumulado (estamos camiñando dende as 07:30 da mañá e son case as 19:30) e sacamos o fociño trepando un pequeno balado de rocha que nos permitirá acadar a ruta cara Piapáxaro, e aí levamos a sorpresa. Unha paisaxe lunar asoma diante dos nosos ollos, os cortalumes son aínda máis grandes, hai pistas onde antes non había, bancais trazados con máquinas, po e máis po por todos os lados (bulleiro e máis bulleiro cando chove), vense bancais que tentado estou de levar unhas mencías para plantar este ano que vén. Algunha máquina dedicouse a arrincar as cozas das árbores queimadas e está todo o chan removido en regos grandes e coas raíces asomando esfarrapadas, outra máquina dedicouse a facer buratos preto das cunetas, semella por momentos que estamos nunha desas minas a ceo aberto que hai por Chile. Calquera camiño tradicional, calquera elemento patrimonial, calquera elemento de interese xeolóxico totalmente esnaquizado.
Unha zona coa pegadas dos glaciares borrada totalmente do mapa, as uces que son as salvadoras do chan que rapidamente rebrotan e xa tinguen de verde moitas partes queimadas aquí brutalmente arrincadas facendo que a erosión cando chova se multiplique e lave o pouco solo fértil que poida quedar, tampouco volverán os arandos e a fauna, quen carallo pode vivir nun sitio así?
Visto o visto, xa sen dicir nada, os clientes propuxeron pasar de subir e varios deles cun enfado manifesto. Collemos a pista que baixa polo tanque da auga cara Folgoso, no camiño un bulldozer repousaba tranquilo e aló no alto recortando o horizonte unha gran máquina cun brazo articulado que semellaba un gran dinosaurio con fame de comer todo o monte que había. No camiño cara o tanque, que o ano pasado ías entre pinos e bidos, unha pista chea de po e nas abas da captación da auga de Folgoso o mesmo sistema, terras removidas, cozas arrincadas e os indicios de que cando chove forte aquilo é un bulleiral digno dunha gran manda de hipopótamos, ademais do risco de que toda esa merda vaia ós tanques da auga.
Tardarei moitos anos, quizais nunca máis, en volver levar clientes a Piapáxaro porque non hai ningunha razón que xustifique facelo nin cliente que pague por ver tal atrocidade.
Para rematar quería facer unha pequena reflexión: Como é posible que os “traballos” para paliar os efectos do lume causen infinitamente máis dano ambiental e paisaxístico que os mesmos lumes?
Ou moi parvo son ou moito listo hai solto…