HomeOpiniónUnha romaría en Laiosa porá en valor o patrimonio das fontes e...

Unha romaría en Laiosa porá en valor o patrimonio das fontes e os lavadoiros

Unha das organizadoras coméntanos o programa completo e ao detalle de actividades diversas e interactivas que se desenvolverán ese día nesta localidade do Concello do Incio.

Publicado o

POR
Laiosa Aixiña
- Advertisement -

A Sociedade Deportivo Cultural de Laiosa retoma a súa actividade cultural organizando unha romaría moi orixinal o vindeiro 19 de agosto. Será un encontro festivo, etnográfico, feminista, participativo, artístico, gastronómico e interxeracional que recuperará a memoria das fontes e lavadoiros comunitarios desta localidade do Concello do Incio. A iniciativa preséntase baixo o título de “Fontes de palabra. A memoria da auga”.

A continuación a folla de ruta e programa ao detalle:

11.00h. Campo do Carrascal. Punto de encontro, aparcadoiro.

Aquí quedaremos todas para empezar a xornada. Se ben é certo que podedes acudir a cada actividade individual do evento, pensamos que participar na súa totalidade sería o ideal, xa que a romaría está deseñada cuns contidos que atenden a unha coherencia discursiva e que cobran máis sentido seguíndoos na súa continuidade e secuencia. Dicirvos que a noso desexo é que todas as persoas poidan participar, dende as máis novas ás máis maiores. Por iso, aínda que teñamos pensado realizar unha andaina a pé, organizarémonos e haberá coches para quen teña dificultades para facer o percorrido. O caso é estar xuntas e que pequenos escollos non nos freen as ganas de facer parte.

11.30h. Ruta da sede.

Visita á Fonte Busto, á Fonte da Pincheira e á Fonte Sa Marcos. Que sabemos delas? A veciñanza toma a palabra e comparte a súa sabedoría. Iremos camiñando dende o Carrascal á Fonte de Busto, logo a da Pincheira e logo a de Sa Marcos. En cada parada, gustaríanos que todas aquelas persoas que teñan recordos concretos de cada unha delas os compartisen. Á tardiña haberá outra actividade de conversa máis xeral para rememorar anécdotas e historias de todas elas, pero durante as visitas, centrarémonos nunha pequena abordaxe por separado. Primeiro que sabemos de Busto, logo da Pincheira e logo de Sa Marcos.

Por exemplo: Cando se construíron, de onde veñen os manantiais, como era o seu caudal, que usos se lles daba, que casas acudían a unhas e non a outras pola súa localización. Cousas dos rega, de campamentos nómades, quen recorda ir a elas, etc.

13h. Chegada a Sa Marcos.

Espazo ambientado pola exposición de fotografías antigas de Laiosa, olería e cestaría vinculada ás fontes. Ao igual que en Busto e na Pincheira, falaremos da fonte de Sa Marcos, pero co aliciente de que o seu entorno estará ambientado con fotografías, cianotipias e obxectos relacionados coa auga.

Fonte de Sa Marcos. Foto: Laiosa Aixiña.

14.30h. Xantar feirante na área recreativa do Veliño.

Servizo de polbo e churrasco. Cada quen paga o que consume. A cousa é coma na feira, coa única diferenza de que é preciso anotarse (é a primeira vez que facemos esta actividade e non temos unha estimación aproximada de cantas persoas poderán asistir). Ao igual que para a cea de verán, anotarse ata o 16 de agosto nos seguintes teléfonos: (660404386, Mari / 699488711, Gallego).

16h. O clareo. Performance. As mulleres escenifican.

Unha performance é un espectáculo vangardista no que se mesturan moitos tipos de elementos e enfoques artísticos. Caracterízase pola súa liberdade e neste caso a pretenda é traer o clareo ós tempos de hoxe. Para esta actividade pedimos a colaboración das mulleres de Laiosa ou doutros lugares, especial fincapé nas maiores de 50. Precisamos veciñas que saiban desta técnica así como de artistas voluntarias e intrépidas. O venres 18 ás 19 horas imos quedar na área recreativa do Veliño para ultimar a posta en escena e facer un pase de ensaio. Todo serán sorrisos e futuros aplausos (arte e mulleraxe). Dirixe Mari Armesto.

17h. Obradoiro interxeracional de cianotipia.

Unha das primeiras técnicas de impresión fotográfica. Imparte Beatriz Sánchez Madruga – @azulvexetal – artista multidisciplinar. Esta é unha actividade artística pensada para todas as idades; peques, nais, papás, avós, tías, o da casa do lado, forasteiras, etc. Consiste nun taller de fotografía en papel e tea, no que desvelaremos e practicaremos as claves dunha técnica que foi usada no pasado para realizar copia fotográfica, onde a botánica e a natureza serán as principais protagonistas das obras resultantes. Obteremos unhas fermosas imaxes azuis cos motivos escollidos. Como non podía ser doutra maneira, farase unha exposición colectiva na Fonte de Sa Marcos de todas as cianotipias deseñadas.

18h. A memoria da auga.

Conversa aberta. Pretendemos darlle voz ós recordos, á historia de vida das nosas fontes. Das maiores ás máis novas. Transmitindo o noso, atesourándoo. Louvándoo con poesía. Un foro, un coloquio; conversar, contar, compartir sobre a temática das nosas fontes. Anécdotas, historias, vivencias, chistes, poemas… Exposición compartida de recordos para poñer en valor o patrimonio comunitario. Máis aló da auga, dos lavadoiros e das fontes, trátase de falar de nós, das aldeas e da vida das nosas devanceiras. Cómpre recoller estas lembranzas, darlle voz ó traballo silenciado das mulleres, así como a maneira de relacionarse doutras épocas. Fontes e lavadoiros foron espazos de convivencia, de segredos, de alegrías e coidados. Núcleos de vida alén dos fogares. Moito que escoitar, para aprendermos, para ser mellores, escollendo para o futuro bos faceres, crear logo novas tradicións.

20h. Rilo & Penadique: Lavandeiras.

Espectáculo de narración oral, música ao vivo e teatro. Lavandeiras é un espectáculo onde a narración oral se mestura coa música ao vivo e o teatro para dar lugar a unha proposta que lles devolva ás donas dos ríos o recoñecemento que poucas veces tiveron. É tanto o que rodea á figura da lavandeira que teríamos para incontables horas de fala e canto, daría para namorar lavando, mais eliximos centrarnos na consideración histórica e social da muller coa finalidade de poñer en valor a súa figura como fundamental sostén económico, non só na casa, senón tamén co traballo profesional non recoñecido que tantas xeracións de galegas fan e fixeron ao longo da nosa historia. Pasando de camiño polo folclore, polo humor, polas historias reais e polo cancioneiro popular. Vero Rilo achéganos un espectáculo cheo de emoción acompañado por Sonsoles Penadique no apartado musical.

21h. Cantiga, cantemos todas xuntas.

Adios ríos, adios fontes. Rosalía de Castro escribiu este icónico poema en 1863. Pertence a súa obra Cantares Gallegos e dende entón foi cantado e versionado en múltiples ocasións. En Laiosa tamén queremos facer nosa esta cantiga, por iso imos botarlle unha cantada colectiva. Todas as alí presentes entoaremos felices coas mellores das nosas voces.

22h. Tradicional Cea de Verán da Sociedade Deportivo Cultural de Laiosa.

Que mellor forma de rematar o día que coa cea de verán. Sendo xa unha actividade histórica da Sociedade, e tan querida por todas as persoas de Laiosa, non atopamos mellor colofón. Así que hai que estirar a enerxía e cambiar de escenario, imos celebrala coma sempre no Campo do Val. Queridiñas, as nosas noites de manga curta son amables, limpiñas, queréndonos ben e co único propósito de coidarnos na alegría de vivir. Recordamos que será gratis para as persoas socias e 12 euros para as non socias. Todo o mundo é benvido, que non marche ninguén! O menú coma sempre magnífico e á esgalla; empanadas, criollos e froita, máis tamén haberá alternativas para veganas e alérxicas. Lembrade; anotarse até o 16 de agosto (660404386, Mari / 699488711, Gallego).

23h. Pachanga de Brilé e Guateque para todas as idades.

A menudanza ensínanos que bailan agora e as maiores que pezas botaban. Pola nova e pola vella, música e alegría de vivir. Ide pensando en cancións e en músicas dignas de tamaña diversión. Remexidas; novas e menos novas, botaremos bailas imitándonos, replicando o de cada época, un guateque interxeracional teatralizado e participativo. Quen dixo medo? Porque bailar abrázanos. E xa como última pero sen ir por derradeira, pachanga mixta de brilé!

Colaboran no financiamento da actividade o Concello do Incio e a Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

ÚLTIMAS

A Asoc. Rechouchíos de Taboada creará un fondo de traxe tradicional galego

O Presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio...

Do 5 ao 10 de agosto Monforte celebra a XXIV edición de Artelemos

O Concello de Monforte vén de presentar o cartel anunciador e o programa da...

O BNG levará ao pleno provincial a demanda de mellora das infraestruturas e da xestión do regadío do Val de Lemos

O BNG buscará o acordo do pleno provincial para reclamar á Confederación Hidrográfica, ao...

A A.V. do Saviñao fala de “agravio comparativo” entre concellos na estrada provincial de Currelos a Monforte

A A.V. do Saviñao demanda á Deputación Provincial a mellora de dúas estradas en...