HomeOpiniónE ti de onde vés sendo?

E ti de onde vés sendo?

Anxo González Guerra, profesor de lingua e literatura galegas natural de Carballedo, recibe o Billó de Ouro, 2023. Premio da comarca de Chantada, que promove a Asociación Cultural e Gastronómica Luso-Galaica.

Publicado o

POR
Anxo González Guerra
- Advertisement -

Agasállanme este ano co Billó de Ouro, un premio que ten como ámbito a comarca de Chantada: Chantada, Taboada e Carballedo. Teñan todo o meu agradecemento a Asociación Cultural e Gastronómica Luso-Galaica e o concello de Carballedo pola ilusión que me fai sentirme premiado na miña terra.

Mais cal é a miña terra? A miña infancia foi en Trasar-Carballedo (5 anos) e na Cervela-O Incio (6 anos). Estudei 10 anos en Lugo con vacacións en Trasar, e 3 en Santiago. Desde 1981 vivo en Pontevedra, botando longas tempadas en Bueu. Así que de onde son, de onde me sinto?

O meu neto Aldán naceu no Hospital de Burgos, viviu os 3 primeiros anos en Medina de Pomar e el ten a gala ser de Burgos, e o seu avó? Non sei se me pode axudar a aclarar que cando estiven de soldado alá nos Regulares de Ceuta, chamábanme “gallego” e eu respondía “a mucha honra”. Un día díxome o capitán que non sabía que eu era galego, respondinlle que non llo dixera porque eu non quería presumir. E preguntoume de que parte de Galicia era. Respondín que de Lugo, pero funlle explicando, que no lado de baixo da provincia, é dicir de Chantada, concretamente do concello do lado, Carballedo. Dentro de Carballedo da parroquia de Cartelos, pero o lugar concreto Trasar. Agora ben, hai dous Trasar, un ao lado do outro, o meu é Trasar de Carballo, o outro de Sabugueiro. “Pero Guerra, cojones, por qué los gallegos siempre decís que sois del pueblo de al lado”, remachou o capitán. Así que me quedou ben claro na mili, eu son galego e de Trasar, que o home onde nace e o boi onde pace.

Aínda que xa non están os pais, seguen dous tíos e dous irmáns -Os Parentes SCG- que tiran por min para Trasar. Pero tamén me emociono cando vou á Cervela na que agora todo é máis pequeno ca cando era neno, menos os danzantes da Santa Lucía, eses si que me parecen máis grandes. Non digamos cando no Hospital do Incio vou ver o busto do meu padriño, o cura don Anxo, alí a carón daquela marabillosa igrexa de mármore do país. E cando estou en Lugo relembro os paseos pola muralla, os viños con tapa daqueles bares e xanto con amigos do Seminario e do Colexio Universitario. E desde logo Santiago, se é un día con poucos turistas. Fora de neno nunha peregrinación desde a Cervela e aquela praza do Obradoiro semellaba máis grande que o Val de Lemos. É impagable vivir na cidade de Pontevedra, exemplo urbanístico en todo o mundo, grazas ao alcalde Lores e o seu equipo de políticos e funcionarios. Se a iso lle engadimos o clima, o peixe e as praias de Bueu no verán, que máis podo pedir? Pois que vivo e vivín no Paraíso con maiúscula, o meu paraíso galego que empeza en Trasar de Carballo.

E para rematar vanme dar un Billó de Ouro, a min que non apaño castañas; comigo non se cumpre o de “come castañas, non as comes se non as apañas”. Se miro a listaxe de premiados nos anos anteriores case perdo o sentido: tres adegueiros, empresarios de castañas-leite-sidra-galletas-hoteis, unha médica, o coñecido cura don Pegerto, o Buciños, políticos famosos etc. Unha honra nunca soñada.

Xa non xogo máis á Primitiva, para que? Non lles parece, xente lectora do Xornal de Lemos!

ÚLTIMAS

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...

O Xeoparque programa unha actividade que inclúe sendeirismo, visitas guiadas e degustacións gastronómicas

Este sábado 23 de novembro está programada a terceira actividade do 'Ciclo Outono Xeolóxico'...

Comezan as obras para rematar o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardaría Municipal de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores un novo proxecto de...

Co remate do tramo Monforte-Ourense, Renfe recupera o Alvia Lugo-Madrid sen transbordos

Ata ese momento, a compañía prestou este servizo por estrada entre Ourense e Lugo...