InicioOpiniónA miseria e os miserables: a miseria supérase con tesón e afán,...

A miseria e os miserables: a miseria supérase con tesón e afán, dos miserables a única saída é marchar

Así foi como tantos miles víronse forzados a emigrar desta terra chea de riquezas naturais. Despois da guerra do 36 a miseria campaba por todas as partes. Nas aldeas a subsistencia lográbase cultivando as terras a man e coa parella de “louras” galegas ás que se lles muxía un leite escaso pero moi nutritivo, os tenreiros vendíanse nas feiras para adquirir roupa, calzado e algúns alimentos básicos como aceite, sal e azucre.

Publicado o

POR
Manuel Díaz, ecoloxista e terapeuta Reiki
- Advertisement -

Os cereais como o centeo e o millo, xunto coas patacas cultivábanse por cada familia para o sustento do ano. O pan facíase na casa no forno de pedra, amasado coa fariña de centeo moída nos muíños que abondaban por toda a xeografía galega onde houbese un regato.

Criábanse uns porcos cuxa proteína cárnica conservábase en forma de xamóns, lacón, chourizos e unto. A matanza era unha festa en cada casa, neses días comíase algo máis que o resto do ano. Das ovellas, ademais da la, fiada na mesma casa para confeccionar roupa de abrigo, conseguíanse cordeiros que, case sempre eran vendidos nas feiras de gando. Galiñas para os ovos e algún que outro pito complementaban aquela dieta de subsistencia, onde, como non, as verduras como as nabizas, os grelos, a vitalizadora verza e as leitugas que, nalgunhas hortas víanse todo o ano, estaban tamén presentes.

Na aldea dependíase directamente do que se cultivaba e dos animais que se criaban. Unha mala colleita conlevaba pasar fame. Igual que a morte nas garras dos lobos dalgún dos animais criados con mimo para aproveitar a súa carne, a súa la ou o seu leite. Pero naqueles anos posteriores á guerra había lobos de dúas patas, peores que os de catro, homes de uniforme e camisa, con pagas miserables, pobres de espírito, miserables, aproveitábanse deses uniformes (polo medo que representaban) e aparecían sen previo aviso polas aldeas levándose os alimentos que lles apetecía, mesmo animais, por non falar das mulleres e raparigas violentadas, mentres aqueles que eran saqueados vían impotentes o espolio sabendo que nada podían facer porque os que debían administrar xustiza eran os mesmos espoliadores.

Os aldeáns chegaron a inventar solucións preventivas, como gardar un arcón con alimentos na base das medas. Ademais de correr a voz por toda a aldea ao mínimo avistamento de uniformes e camisas, o que lles daba unha certa marxe para esconder comida, animais e (sic) mulleres.

Así temos que, ademais da miseria había que sobrevivir aos miserables. Miserables, ademais de uniformados e camisas, habíaos entre os propios aldeáns, persoas envexosas, capaces de quedar choscas con tal de ver ao veciño cego. Mesmo nas mesmas familias onde sempre había unha cincenta.

Destas cousas pouco ou nada se falaba, o medo ás represalias facía tragar a rabia ante as inxustizas que se padecían. Mesmo pasados os anos e recuperada a democracia. Moitas historias fóronse á tumba cos seus protagonistas.

Da miseria, con tesón e afán sáese, dos miserables a única saída era marchar. Algúns tiveron coraxe para marchar, emigrar a outras terras escapando máis que da miseria, dos miserables. Cambiar completamente de cultura foi un duro reto, sobre todo para os que emigraron a países con falas diferentes. Pero era mellor iso que vivir soportando aos miserables, quedaron os que non tiveron arrestos para emprender o camiño e, como non, os miserables.

Dedicado á memoria da miña nai, agradezo a súa coraxe para marchar, afastarse dos miserables e tamén polo pouco que nos contou, aínda ao lonxe medorenta daqueles miserables, mesmo na súa propia familia, aínda que foi capaz de vivir en paz e non gardar rancor. A carroza desta cincenta foi un tren que a levou a mil quilómetros de distancia.

ÚLTIMAS

Jonas Vingegaard, gañador da segunda etapa de ‘O Gran Camiño’

Corredores de once dos mellores equipos internacionais, con figuras como Jonas Vingegaard, Egán Bernal,...

Velada literaria con Pedro Feijoo este 24 de febreiro no restaurante Trespés de Monforte

O escritor charlará sobre a súa última novela "Ninguén contará a verdade" que recibiu...

Avánzase na supresión dos pasos a nivel de Río Seco e Juan Montes en Monforte

Dende a Dirección General de Planificación y Evaluación de la Red Ferroviaria convocouse ós...

A Agrupación Empresarial da Ribeira Sacra vai collendo corpo, non hai marcha atrás

A Agrupación de Empresas da Ribeira Sacra vén de celebrar a primera reunión do...