HomeOpiniónOPINIÓN: Que ver esta primavera no Courel

OPINIÓN: Que ver esta primavera no Courel

O noso guía de montaña e divulgador medioambiental de cabeceira reflexiona sobre o xeito de rexeneración e as actitudes que lastran o desenvolvemento do Courel.

Publicado o

POR
Guillermo Díaz Aira
- Advertisement -

Rematou o inverno con traca final, volveu a neve ás montañas como había tempo que non o facía, encheron os ríos e regatos, volverán as fontes a rebentar e a nosa terra vestirase de primavera e de flores. Cos días medrando e coas temperaturas facéndose máis agradables é hora de sacar o cu do sofá e ir ver cousas.  Pero estes deberes de ver cousas non son para os de fóra senón que serán para os de aquí. Para algúns de aquí  que descoñecen as marabillas da nosa terra, para que deste xeito se decaten do inmenso tesouro que temos e que entre uns e outros están facendo desaparecer a marchas forzadas.

Comezaría por ir visitar as zonas afectadas polos lumes, todo o Courel baixo e medio, Quiroga e Ribas de Sil, ver as actuacións onde se arrasou e está a arrasar por completo os montes coa escusa de sacar a madeira queimada, ver esas pistas que fan que as montañas parezan futuras plantacións de viñas. Ver como a erosión está deixando os montes sen terra e a paisaxe que queda espantará o turismo por anos e anos. Que repasen o patrimonio que deixaron os antepasados, camiños, peches de pedra, cabanas, albarizas, todo perdido e arrasado en pos dunha recuperación duns montes que nunca chegará. Logo, que baixen ata as beiras do Lor onde a terra que arrastra a choiva aniquila a pouca pesca que debe quedar. Ver como hai captacións de auga en medio desa voráxine de maquinaria movendo terra, auga que logo beberán pensando que é a mellor auga para beber do mundo. Pasaría logo a ver que se lle pode ofrecer con ese panorama ós futuros turistas, que se lle pode ofrecer ós emprendedores para que veñan instalarse nestas terras, dende logo moito ten que cambiar para que estas zonas sirvan para algo. Poden facer estradas, pontes, miradoiros, pódese facer de todo pero como moito virán unha vez e nunca máis volverán porque non hai nada que ver. Iso si, hai zonas onde xa se están a plantar piñeiros para comezar o ciclo de novo. Temos o vicio de pensar que só nos serve o que vale para facer cartos e estamos moi errados, hai cousas que non teñen valor pero fan que outras sirvan para facer que a xente teña un traballo.

Traballos de recuperación de chans queimados no Courel, ‘mulching’ SOCIEDAD ESPAÑA EUROPA GALICIA ECONOMIA XUNTA

Logo compre ir ó Courel que non ardeu, as devesas, ás masas de frondosas, ós vales de Río Pequeno, de Visuña, do Selmo, ó Lor alto, ás zonas que por sorte se salvaron, percorrer a Rogueira, Cido, Valiñas, a devesa de Paderne, o Val do lor dende Seoane ata o seu nacemento, gozar da estrada dende a Seara ata o Couto pasando por Ferramulín e comparar co que pasou abaixo e reflexionar que tipo de Courel e de territorio queremos, si un monte cheo de bancais e pistas ou un monte dos que os que veñan despois de nos se sintan orgullosos do que lles deixamos ou nos maldigan eternamente pola desfeita que fixemos que fixo da súa casa un lugar onde non ter futuro. Xa sei que hai moitos que dirán que o turismo non serve para nada, pois que saiban que sen turismo o pouco que lles queda vai quedar en menos aínda, en nada. Pero tamén hai que dar un toque de atención cos conservacionistas a ultranza, iso tamén vai en contra do futuro porque acaba expulsando a xente. Logo están os que non queren que veña ninguén porque a eles agora vailles ben. Se sodes deses, non esquezades que algún día, cando non quede ninguén e para ter que ir tomar un viño e unha tapa, ir ó médico, ou comprar pan, teñades que baixar a Monforte, decatarédesvos que fostes os mesmos que diciades que xa había demasiado turismo.

Cómpre facer as cousas agora porque cando non haxa colexios porque non hai nenos, cando non haxa bares nin negocios porque a xente que queda non dá para mantelos, que non haxa centros de saúde porque para os que quedan non merece a pena, e os vellos anden espallados polas residencias de media Galicia, teremos pontes e estradas de estrea polas que non pasará ninguén. Está pasando o tren por diante do voso nariz pero ninguén quere subir a el.

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...