HomeOpiniónOpinión: O fútbol na miña nenez e xuventude en Quiroga

Opinión: O fútbol na miña nenez e xuventude en Quiroga

O historiador quirogués Xosé Estévez lembra aqueles tempos nos que o fútbol formou parte da súa vida. Nos primeiros anos da súa existencia, como xogo de barrio, e de mozo como xogador en diferentes equipos, un deles o Quiroga.

Publicado o

POR
Xosé Estévez
- Advertisement -

A miña infancia en Quiroga debeu transcorrer dun xeito máis ben feliz, pois non gardo dela unha acordanza tristeira, agás algúns pesadelos que asoballan a lembranza como inoportuno banzado.

Os intres máis ledos confundíanse cos xogos. “Alacadabamos”, como se di en Quiroga en lugar de alasar, detrás dunha marfallada redonda, feita de trapos, dunha lata de sardiñas, dunha pelota de goma ou dun balón de coiro, en ocasións excepcionais, como os cás tras da lebre. O fútbol practicabámolo na zona baixa da praza central do pobo, denantes de Madrid a carón da Tabacaleira, rexida por Dona Flora, lanzal muller de cabelos brancos, parente de Ernesto Guerra da Cal. Hai que recoñecer que o fútbol e os touros convertéronse no opio do pobo durante a longa ditadura franquista e equivalían ao “panem et circenses” romanos.

Ás veces as pernas, esmiuzadas polo racionamento e a avitaminose e cangadas polo peso dos galochos, non sabían dirixir con acerto o balón. Este, antolladizo e desmandado, petaba co bazuncho do seu corpo nos cristais dalgunha fiestra rompéndoos. Deseguida aparecía na ventá a Señora Tomasa, que tiña un fillo, Tomás,  garda municipal en Madrid e falaba un castelán castizo de Malasaña machicando con pausa as sílabas. Unhas netas durante as vacacións do verao atrevéronse a exhibir unhas saias un chisco procaces, case a altura dos xeonllos, e provocaron unha homilía dabondo lostregante do crego D. Elisardo. A Señora Tomasa, que almorzaba vinagre para espallalo ao longo do día, guindaba badaladas verbais de improperios contra nós. Axiña o Pedelas, dilixente alguacil, amosaba a súa humanidade pola rúa do Velasquillo. Ao non decatarnos da súa presencia, varias pelotas e algún balón de coiro, desasisados e probes deles, pagaron a súa ousadía coa morte súbita na afiada navalla do funcionario do concello.

“A Señora Tomasa, que almorzaba vinagre para espallalo ao longo do día, guindaba badaladas verbais de improperios contra nós”

Os partidos de fútbol da equipa do réxime, o Real Madrid, escoitabámolos a través dunha radio Marconi instalada no bar do Tito, hoxe tamén mergullado na rebotica inapelable da memoria. O bar, ateigado de xente e fume, semellaba un fumadeiro de opio. Imaxinábamos as evolucións dos xogadores grazas a elocuencia narrativa e a voz envolvente de Matías Prats ou Enrique Mariñas. As imaxes da Televisión actual adormecen o maxín, facultade intelectiva imprescindible para promover unha integral formación na idade infantil.

Perante os recreos da escola do Teixelo tamén practicabámolo balompé nun triángulo, hoxe finado por mor da asoballante febre do cemento, a carón do portalón do pazo dos Carujos, enfeitizado co escudo de armas dos Condes de San Martiño. Hoxe do pazo non fica nin a semente, pois foi derrubado pola teima construtora actual que non respecta nin a memoria histórica. Onde se atoparán o escudo e a farturenta biblioteca, que eu mesmo puiden ollar cando a finca pertencía ó Señor Pol Piñeiro?.

Os domingos organizábamos partidos de fútbol contra os de San Clodio no Toural, en San Martiño, ou no campo da Labradía, en San Clodio, pola estrada do Salto, a carón do camiño de ferro e non lonxe da igrexa parroquial. Coa indumentaria semellabamos a equipa do Real Madrid: camiseta branca de felpa, dous calzóns de lenzo de Xubia contrapostos para que non saíra o paxariño, calcetíns de lá e galochas de becerro, co solo de madeira forrado de goma das rodas de coche. Sen a consabida liorta o ritual futboleiro ficaba incompleto. Ás veces corríannos a coiazos e tiñamos que pasar a toda presa o Sil pola Ola, a Praia, a Pena de Xesucristo, o Carrizo ou a pena da Lapa. Esta aliñación durante moito tempo foi máis témera que os once mosqueteiros: Tino, Rafa, Pepucho, Hilario, Pocholo, Romulín, Chelito, Xaime, Cholis, Xermán e Jarrín.

“Os domingos organizábamos partidos de fútbol contra os de San Clodio no Toural, en San Martiño, ou no campo da Labradía, en San Clodio”

No Seminario das Ermitas, Ourense, estiven dende o ano 1954 até o 1958, os primeiros catro anos de bacharelato. Alí a única afección permitida era a futboleira. Mais o campo de fútbol atopábase no curuto do monte, a uns 3 quilómetros das instalacións relixiosas. Entre a subida,  o tempo do xogo e a baixada volvías derrengado, tendo en conta, ademais, que as nosas forzas eran moi magras en virtude da escaseza vitamínica do réxime alimenticio a que nos sometía o reitor, D. Filipe. Nunha época, baixo o padroádego dun superior, Don Vitorino, moi querencioso do fútbol, escoitábamos pola radio as evolucións do Real Madrid, a equipa do réxime, na Copa de Europa. Coleccionaba eu uns cromos de futbolistas, que traían unhas libras de chocolate fabricado na Rúa-Petín. Precisábase encher os recadros dun libro con todas as equipas de primeira división para obter un balón ou unha prancha eléctrica. A miña ilusión secreta era agasallar á miña mai cunha relucente nova prancha, pois decatábame dos traballos que pasaba coa vella de brasas. Mais un prefecto, Don Nicasio, moi dado ós rezos e dabondo místico, deu en argallar que tanta afección ó fútbol disipábanos espiritualmente. Convenceu ó reitor e un malfadado día rexistraron as maletas, que por obrigada norma debían atoparse abertas. Arramplaron coa colección de cromos e queimáronos. A rabecha estivo a piques de xogarme unha mala pasada. Se chego a ser home, non me houberan abafado de tal xeito, a semellanza do neno de Castelao que lle subministraron unha purga á forza.

“Coleccionaba eu uns cromos de futbolistas, que traían unhas libras de chocolate fabricado na Rúa-Petín. Precisábase encher os recadros dun libro con todas as equipas de primeira división para obter un balón ou unha prancha eléctrica”

No curso 1959-50 trasladeime ao Seminario de Lugo para estudar Filosofía e Teoloxía. E tamén alí o tempo de recreo e folganza enchiámolo co fútbol, que, sen dúbida, supoñía unha pracenteira fuga naquel monótono quefacer cotián. Nesta época confeso un pecado xuvenil: ser un fervente seareiro do Real Madrid. Hoxe estou normalizado, xa era hora!, é son seareiro do Celta e do Atleti. Formei, como defensa esquerdo enérxico, no cadro “internacional” da selección do Seminario. Tiven a honra de pertencer a un corpo defensivo de sona, chamado do “Caurel” e integrado por Aián, cancerbeiro, Hilario, Vicente e Estévez, tripla trincheira protectora. Ademais, dende sexto curso o novo bispo, Monseñor Ona de Echave, xa nos permitiu xogar cos calzóns curtos de futbolista normalizado. O anterior, Don Rafael Balanzá, pensaba que o ensino das canelas era provocativo e emitira tallantes ordes para desafogar as nosas enerxías xuvenís, no campo de area situado a carón dos muros do cárcere lucense, revestidos dun pulcro e honesto chándal longo. Os únicos espectadores foráneos eran os presos, que adoecían por asomarse ás ventás para ollar as nosas evolucións futboleiras. Cantos devezos e ansias de liberdade fomos quen de suscitar nas súas imaxinacións nós que en certo xeito tamén vivíamos prisioneiros dalgunhas cadeas!. Na foto axunta dous dos xogadores anecreñados, Toti, de Monforte, que xogou nos xuvenís do Atlético de Madrid, e Seminario, tamén da bisbarra de Lemos, xogaría no Lugo.

Selección do seminario-1962. Estévez, último de pé dende a esquerda. Foto cedida por Xosé Estévez.

Pola súa habelencia no caneo e a rapidez destacaban o Pin e o Cholis no Club Deportivo Quiroga. Polo reparto do xogo, o Andrés, que semellaba a Xavi, do Barcelona. Eu xogaba de defensa esquerdo. Non era técnico, pero si contundente, pegadizo ao dianteiro a cubrir e “lorchán” no despexe. O organizador dos campionatos no verán era o Andrés. Os partidos máis perigosos eran contra o San Clodio. Adoito había liortas provocadas por algunha dura entrada ou polos nervios dalgún xogador, o Chelito ou o Careta pola banda de Quiroga, ou algún dos Píos pola de San Clodio. Certo medo impoñía desprazarse ao Saviñao, pois “cos de Escairón nin trato nin conversación”, dicía o refrán. Cando máis temín polo meu físico foi en Salcedo, onde gañamos por 0-1, de penalti. Unha multitude de veciños acompañounos ó ómnibus do Fututo, voando caxatos por enriba das nosas cabezas. De Chantada lembro que me tocou cubrir a un extremo dereito raposeiro no xogo, quen anos despois sería Presidente do Banco Bilbao Bizkaia, Francisco González. Nalgunha das fotos aparece o Pedrín e ao meu carón, Vitorino Núñez, quen sería Presidente do Parlamento Galego e senador polo PP e sincero e grande amigo meu. Malia a distancia, a miña querenza ao Clube Deportivo Quiroga permanece fiel. De feito teño o carné de socio con data de 1981. Un cambio que me agradou foi o da vestimenta. Na miña época a camisola era vermella e o pantalón azul a semellanza das cores da selección española, agora acomódase ao escudo do Concello e as cores da luxuriosa paisaxe galega, camisola verde e pantalón branco.

“Eu xogaba de defensa esquerdo. Non era técnico, pero si contundente, pegadizo ao dianteiro a cubrir e ‘lorchán’ no despexe”

Equipo C.D. Quiroga de comezos dos anos 60. De pé: Leandro, David, Farpón, Pepucho, Pitines, Andrés, Tor, Xaime, Luis e xastriño. Anecrenados: Pin, Cholis, Genín, descoñecido. Foto cedida por Xosé Estévez.
Equipo da década dos 60. De esquerda a dereita de pé: David, Eduardo, Andrés, Pepucho, Xavier, Manolete. Anecrenados: Careta, Cholis, Xaime, Desc., Paquito. Foto cedida por Xosé Estévez.

Na xeración anterior á miña houbo xogadores quirogueses que destacaron en equipos de sona estatais como o Pedrín do carniceiro, veterinario e ex-presidente do Colexio de Veterinarios de Galicia, que xogou na Leonesa, en segunda división, e estivo a piques de xogar en primeira e o Colorao, que pertenceu ao Español, de Barcelona. Por certo, que segundo lle oín ao meu pai o introdutor do fútbol en Quiroga fora o Señor Ramón, carniceiro, pai do Pedrín e do Moncho e avó do Moncho, director dos Museos de Quiroga. Desa xeración a min apracíame moito o xogo do Pepe, O Patillas, un defensa central elegante e fino.

Sendo crego tamén xoguei durante dous anos no equipo da Fonsagrada, onde participaban outros dous curas, Antonio, natural da bisbarra, e José Manuel López Pérez, de Sarria. Fixemos moitas saídas a diferentes pobos.

Compre mencionar algúns encontros dos que conservo constancia. Recordo un témero Quiroga-San Clodio, que gañamos 7-3 (10 de xullo de 1969), coa correspondente lea iniciada polo Chelito, durante uns días que me despracei a Quiroga. Lembro outros encontros co equipo de Fonsagrada. Fonsagrada-Becerreá: 9-1 (13-xullo-1969); Fonsagrada-Burón: 6-1 (20-xullo-1969) e Fonsagrada-Baralla: 4-2 (9-setembro-1969). O derradeiro partido que xoguei foi nas festas de Becerreá e tivemos a ousadía de gañar os forasteiros por 1-4. Unha espectadora increpoume por mor dunha entrada dabondo contundente a un xogador local e chamoume “fillo de puta”. Alguén lle dixo que era crego e ela rexa proclamou: “Será crego, pero sigue sendo un fillo de puta”.  Agás ese alporizamento, o resto dos xogadores e o público do pobo diante da vitoria do equipo visitante reaccionaron cnha deportividade merecente de loubanza, xa que noutros lugares e neses casos os coios voaban á saída do campo e as caiadas brincaban de mala maneira sobre cabezas e lombos. Tamén xogamos outros na Pontenova, Na  Trapa e San Martín de Oscos. No da Pontenova unha muller espectadora rifoume por unha dura entrada contra un xogador da casa. “Que bruto es, cabrón!”. Contesteille cun comentario machista: ”Señora, a muller e a sartén na casa están ben”. A dómina enfadouse con razón. Era a vangarda feminista da Pontenova. Como poden observar os lectores todos os partidos lembrados foron vitorias. Iso indica nidiamente que a lembranza é con frecuencia selectiva.

En Euskal Herria a miña participación no deporte futboleiro foi curta, dúas temporadas nun equipo da empresa IBM, onde traballaba o meu cuñado Alberto.

UNHA CATIVA REFLEXIÓN FUTBOLEIRA

Antes o fútbol era máis estático. Cada un mantiña o seu posto, procurando cubrir o avance ou retroceso do contrario, agás os medios que debían posuír unhas notables facultades físicas polo seu labor de fol e conexión entre defensa e dianteira.  Xa a finais da miña época veu unha moda de Arxentina, a do carrileiro, un defensa que se internaba polas bandas para centrar aos dianteiros. Hoxe o futbol é máis técnico, duro e require máis facultades físicas. Converteuse nun negocio, con enormes intereses en xogo. Os xogadores de élite cobran cantidades astronómicas e son verdadeiros divos e tamén viraventos que xiran arredor dos intermediarios e toda caste de negociantes. Por iso, o fútbol abúrreme. Non se xoga por afección, agás en niveis básicos. 

Hoxe é moi difícil que vexa un partido máis dun cuarto de hora por varias razóns, dúas delas fundamentais. Detrás está un capitalismo feroz, do que se benefician grandes empresarios e que obriga aos xogadores a intervir en dous, e a sa veces tres, partidos por semana, o que incide nun excesivo esforzo do corpo  e un aumento de lesións graves.  Por outra banda, como na época do Perenne, o fútbol volve a ser o opio do pobo, incluso afectando a camadas de poboación socialmente concienciadas e reivindicativas. Dóeme ás veces ollar camadas de rapaces con bandeira estrelada ou coa ikurriña, hooligans alienados cunha enorme empanada mental e insultando ó árbitro e ós contrarios e  berrando como cervos en celo a prol do seu equipo predilecto. Ademais agora acontece que se citan eses ferreños seareiros para mallarse a paos ou a navalladas. Esas xebres forzas xuvenís deberían dirixirse a outra caste de reivindicacións.

ÚLTIMAS

Cita sobre certificación e xestión forestal este 25 de febreiro no centro cívico do Malecón de Monforte

Neste encontro abordaranse as inquedanzas derivadas da pasada xornada da comunidade monte de saberes...

Febreiro de recoñecementos para os viños da D.O. Ribeira Sacra

En VinEpaña 2025, os viños da Ribeira Sacra obtiveron un total de 21 premios. Na...

Arias visita o miradoiro astronómico de Bóveda financiado coas axudas da Xunta para a mellora de recursos turísticos

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou do programa de axudas...

‘Tradigalu’, a iniciativa que promove a música tradicional e popular na provincia de Lugo

A área de Cultura reforza o programa Tradigalu deste ano, programa que contará cun 350.000 euros de orzamento...