HomeOpiniónRede Galega pola Palestina: "A solidariedade non é delito"

Rede Galega pola Palestina: “A solidariedade non é delito”

Este, domingo 7 de setembro de 2025, a "Vuelta Ciclista a España" chegou ao territorio galego. Aquí atopou, como leva atopando en todo o seu camiño, a resistencia e solidariedade. As nosas estradas non son escaparate de promoción sionista, coma xa deixaron claro es compañeires do resto da Península ao paso do equipo Israel-Premier Tech.

Publicado o

POR
Rede Galega pola Palestina
- Advertisement -

O movemento BSD (Boicotes, Sancións e Desinvestimentos a Israel), impulsado pola maior coalición da sociedade civil palestina, sinala nas súas directrices de boicote académico, cultural e deportivo que a participación israelita en competicións destas características son unha ferramenta de lavado de cara do rexime de Israel. Emprégase para normalizar a súa presenza en eventos internacionais, mellorar a súa imaxe e desviar a atención do Estado sionista coma ente de ocupación, apartheid e xenocidio.

No caso concreto do equipo Israel-Premier Tech, este está patrocinado e creado por Sylvan Adams, quen se define orgullosamente como sionista e financia aberta e sistematicamente iniciativas deportivas para mellorar a imaxe de Israel no exterior. A súa participación no pelotón profesional é por tanto incuestionablemente un movemento propagandístico. Alén disto, o Carrefour é un dos principais patrocinadores da “Vuelta”: a multinacional francesa fai parte da lista de albos de boicote do movemento BDS, como empresa cómplice no xenocidio e incumplidora da lexislación internacional polas súas sedes en territorios ocupados ilegalmente.

A “Vuelta” topouse de fronte cun pobo solidario, digno e valente, que se manifestou de maneira pacífica contra o lavado de cara do rexime de Israel. Ao contrario que as accións do Estado sionista, as nosas protestas son non violentas, e están amparadas polo dereito internacional.

Apoiamos iniciativas esperanzadoras e indispensables, coma a Global Sumud Flotilla, embarcada agora mesmo na súa travesía para romper o bloqueo de Gaza. Ondeamos bandeiras, berramos que Palestina merece ser libre dende o río ata o mar. E que Israel asasina, e Europa patrocina. E que viva a resistencia do pobo palestino.

A resposta das forzas represivas do Estado español, co seu actual goberno “máis progresista da historia” (PSOE-SUMAR) foi a represión: polo menos doce detencións en distintos puntos do percorrido, algunhas delas con uso evidente de violencia, entre as que se atopan a responsable comarcal do BNG, Rosana Prieto, e varias activistas da Rede Galega pola Palestina, Lugo por Palestina e do BDS Galiza.

Polo menos unha das persoas detidas precisou atención médica despois da súa detención. A intervención policial provocou tamén a caída do ciclista Javier Romo cando un axente invadiu a estrada para deter a un manifestante. Ademais, producíronse cargas policiais nas inmediacións da meta en Monforte, convertendo unha protesta lexítima e pacífica nun escenario de represión inaceptable.

Esiximos á Subdelegación de Goberno e a todas as institucións responsables a liberación sen cargos de todas as persoas detidas e o cese da represión de Estado contra os movementos de apoio á Palestina. As mobilizacións non rematan aquí. Está previsto que as protestas continúen nos vindeiros días, especialmente durante a etapa do martes 9 de setembro, entre Poio e Mos, onde colectivos solidarios coa Palestina xa anunciaron concentracións ao longo do percorrido. Os puntos previstos de mobilización son: 12:00 en Poio (rotonda da ponte da Barca); 12:00 en Pontevedra (rotonda Manuel de Palacio, paseo a Marín); 13:00 no cruce de Pierres, en Arcade; 13:30 no Alto da Groba; 14:15 en Tui (rotonda Rúa Ourense–Rúa Colón); 15:15 na rotonda da Ramallosa; e 16:30 no Alto de San Cosme, en Mos.

De cara ás mobilizacións previstas nos vindeiros días, facemos un chamamento á responsabilidade colectiva e á protección mutua. Lembramos que toda persoa manifestante ten dereitos: se es identificada, tes dereito a que o axente tamén se identifique e a coñecer o motivo de calquera cacheo ou rexistro. Leva sempre o teu documento de identidade contigo. Se presencias unha agresión, documenta os feitos con fotos e vídeos, e garda o material en correos ou dispositivos persoais para que sirva de proba; a publicación inmediata en redes sociais pode resultar contraproducente. Os vídeos e fotografías deben gardarse sempre en formato orixinal, sen modificalos. En caso de agresión policial, é fundamental manter a calma, recoller testemuñas, rexistrar datos da policía e procurar atención médica deixando constancia fotográfica das lesións.

Así mesmo, queremos sinalar que se tratan de accións reivindicativas non violentas e recomendamos participar en grupos numerosos, evitando a dispersión e mantendo sempre contacto entre compañeiras. Non vos separedes do colectivo, levade DNI e procurade acompañar ás persoas que poidan quedar illadas ou en situación de vulnerabilidade. A unidade, a prudencia e a documentación rigorosa son as mellores ferramentas para facer valer os nosos dereitos fronte á represión.

Ante un xenocidio retransmitido en directo, non podemos ficar en silencio. Denunciar a participación de Israel-Premier Tech e o papel que cumpre é defender vidas humanas. Demandar que deixe de participar, é unha necesidade. O mundo do deporte non pode ignorar o xenocidio e debe ser quen de se negar a continuar a lavar a imaxe dun rexime colonial e de apartheid.

ÚLTIMAS

O Quiroga Trail Challenge ‘reinvéntase’

Despois dun agosto fatídico para parte das montañas do Concello de Quiroga por mor...

A Xunta resposta a Tomé sobre a acollida de migrantes no centro de Monforte: “Se demostrou ser solidario debería dar as grazas”

A conselleira de Política Social, Fabiola García, replicou ao alcalde de Monforte e presidente...

Monforte prepárase para o San Mateo

A mesa de seguridade para a celebración do San Mateo estableceu tamén a circulación...