Resulta que mostrar o noso rexeitamento á presenza dun equipo ciclista propiedade dun sionista que apoia o xenocidio en Gaza, pois resulta que opoñerse a iso agora é sinónimo de violencia. O mundo ao revés!
Na entrevista radiofónica o de Guitiriz comezou a repartir carnets de monfortinidade e, nun arrebato máis propio da extrema dereita, díxolle a outro concidadán e representante na actual corporación, Manuel Luaces: “Vete a Gaza!”.
Así mesmo dirixiuse de forma despectiva cara outra representante pública dun concello veciño. A agredida durante as protestas e residente en Pantón, Rosana Prieto, tivo a osadía de actuar coma se isto fose unha democracia plena, esquecendo que segue habendo unha lei mordaza que desprotexe á cidadanía contra o abuso. Ese foi o seu delito. Manifestarse de forma pacífica contra unha situación que máis de medio mundo califica coma xenocidio. Pero isto ao guitiricense non lle pareceu ben.
Durante as declaracións botou pestes sobre “as 20 ou 30” persoas que nos atopabamos preto da meta da carreira de La Vuelta. Non sei se por descoñecemento ou por puro cabreo, xa que nesta ocasión perdeu a súa cota de protagonismo nun evento multitudinario. O de Guitiriz falta á verdade, pois nese punto no que nos atopabamos os meus ollos deron contado bastante máis dun cento de persoas, só das que portaban bandeiras, e moitas máis berrando con nós cousas tan delictivas coma: Viva Palestina libre! Se ao señor desa vila de Lugo lle molesta tanto que veña xente de fóra do concello de Monforte, non sei por que se esforzou en traer La Vuelta ata a cidade do Cabe, a costa das arcas pública, claro.
Tamén deixou caer certo comportamento violento por parte dos manifestantes. Ao meu carón tiña xente que pasaba dos 70 ou familias cos seus fillos pequenos. Alguén cre que unha familia ou unha persoa maior se van a achegar a un tumulto de xente con malas intencións? Non, o señor do alquitrán equivócase de pleno, e non só iso, cada día que pasa sen rectificar as súas palabras equivócase máis. Porque neste concello, somos uns cantos miles os que non pensamos coma vostede, e millóns no mundo que rexeitamos sen condicións a negación do dereito a ser que lle están negando aos palestinos.
No seu día fun defensor pasivo deste goberno local, pero este tipo de comportamentos son demasiado dañinos para a convivencia coma para deixalo pasar. Non sei se son as máis de dúas décadas en primeira liña política, ou a febre do poder, pero está claro que a distancia que hoxe en día me separa deste home nado fóra das Terras de Lemos comeza a ser demasiado longa xa.
Pero, coma defensor do socialismo auténtico, que bebe dos princicipios republicanos, non quero perder a esperanza. Gustaríame convidalo a entender de preto as revindicacións dos que ese día nos manifestamos, e de como acordamos por consenso non interrompir o percorrido xa que varios dos mobilizados son afeccionados a percorrer en bicicleta estas fermosas terras

A máis dun de nós gustaríalle poder chegar, inda que fose a pedal, a Palestina. Pero coma ben sabe, o exército sionista impide a entrada na zona, nunha das súas múltiples canalladas contra os dereitos humanos.
Entrando na cuestión de fondo tócame afirmar o seguinte: o ciclismo e calquera deporte de masas non se pode enaxenar do exercicio da política, xa que forman parte instrumental da cultura e duns valores a transmitir. Tanto é así, que moitos políticos veñen empregando as competicións deportivas no seu interese propio, véxase sen ir máis lonxe as Olimpíadas de Berlín de 1936 inauguradas por un tal Adolf, na que foi a primeira retransmisión masiva en vivo. Ou que dicir do deporte rei no noso país, quen non viu algunha vez a estampa do político e empresario de turno falando das súas cousas, relaxados nun palco presidencial. Ou directamente os empresarios que mercan clubs para influir nas políticas que implican ás súas empresas. Así que si, a política e o deporte (guste ou non) están íntimamente ligados como escaparates que son do sentir dun momento, igual que a cultura.
Volvendo á nosa revindicación, somos moitos cidadáns, en Monforte, en Gaza e incluso, me atrevo a intuir que ata en Guitiriz, os que non podemos permanecer inquedos e botando a sesta diante do televisor, namentres familias enteiras son desafiuzadas ou directamente desaparecidas, na Palestina. E non valen equidistancias ante algo así. Non vale poñerse un pin do estado palestino pola mañá e a tarde criminalizar ou menosprezar a cidadáns pacíficos e representantes públicos que se implican coa causa. Porque dentro dun tempo os nosos netos preguntarannos que estabamos a facer namentres exterminaban a un pobo, e eu quero poder dicir que todo canto estaba na miña man, inda que iso significase a incomodidade dalgúns concidadáns durante unha competición.
Porque o tempo libre é moito máis ca permanecer narcotizado por diferentes entretementos, cunha actitude acrítica. A vida e o tempo libre tamén serven para comprometerse coa comunidade e solidarizarse co que é xusto.
Por último, diríxome a vostede señor Tomé: eu vivo en Monforte pero o meu corazón leva tempo sufrindo polas almas de Gaza, quero pensar que o seu tamén. Polo tanto apelo a súa humanidade para apoiar ao goberno do Estado, e ó líder do seu partido, na digna denuncia internacional contra o xenocidio ao pobo palestino, sen medias tintas. Porque aí sempre me atopará o seu carón, sen importarme nin un pepino a súa procedencia xeográfica. Porque coma dicía un grande, Patria es humanidad. E non hai cicais cousa máis fermosa que a solidariedade entre os pobos.
Saúde e Viva Palestina libre