Hai case vinte anos tiven a oportunidade de coñecer a Xesús Alonso Montero, figura recoñecida no mundo académico e veterano comprometido do Partido Comunista desde 1962.
A ocasión non era menor, a homenaxe a Federico García Lorca con motivo do noventa aniversario da súa primeira visita a Lugo. Foi unha xornada moi especial, xa que alí déronse cita importantes figuras galegas coma Darío Xohán Cabana, Manuel Rivas ou Paco Pestana, entre outros. O acto foi organizado polo Foro Pola Memoria Republicana de Galicia, entidade que presidía o propio Alonso Montero.
De entre todas as intervencións notables que presenciei aquel día, pervive na miña memoria un momento da conferencia que ofreceu o camarada Xesús en referencia ao homenaxeado e ás circunstancias do seu asasinato, declarou con toda solemnidade: “A García Lorca non o mataron por ser republicano, nin tampouco por ser homosexual. A García Lorca matárono por inaugurar unha biblioteca pública”. Evidentemente Xesús non estaba a negar a implicación que tivo no seu asasinato a súa defensa da república ou a súa orientación sexual. Máis ben pretendía, a través da súa astuta dialéctica, sinalar a importancia do poder que ten a cultura, e o perigo que supuña para os elementos máis reaccionarios do país que a cultura fose accesíbel para as clases populares. Porque naqueles tempos onde os grandes terratenentes gozaban do control case total sobre moitos xornaleiros, moitos deles analfabetos, o mero feito de inaugurar unha biblioteca pública podía verse claramente coma un acto revolucionario.
Outro episodio que me chamou a atención con Xesús foi durante a presentación dos Romances do dezaseis de febreiro de 1936. Chegaba tarde dunha viaxe e sen tempo para cambiarme. O acto na Galería Sargadelos de Monforte estaba case rematando. Eu agardei co meu chándal, e medio suoroso, rodeado de xente que parecían estrear modelos para a ocasión. Cando logrei aproximarme a Xesús presenteime, dado que era a segunda vez que nos víamos na vida. Coma se os ecos dos tempos da clandestinidade se fixesen presentes nun instante, e ante a proximidade de varios membros da corporación e o goberno local, achegouse a min e díxome moi baixiño ao oído: “Ti es o comunista de Monforte?”. Nada máis confirmarlle, puxo en pausa o ritual de adulacións e dedicoume uns poucos minutos para asinarme o libro e transmitirme ánimos.
achegouse a min e díxome moi baixiño ao oído: “Ti es o comunista de Monforte?”
Ao longo dos anos tivemos ocasión de encontrarnos nalgúns actos máis: nas homenaxes a Gayoso e Seoane, nos congresos do partido. E se mal non lembro foi nun acto de La Unión en Sarria, cando me recomendou a lectura de ‘Los girasoles ciegos‘ de Alberto Méndez. Libro no que se basearía anos despois a película homónima dirixida por José Luis Cuerda, con Javier Cámara e Maribel Verdú. Destacar tamén un pequeno papel interpretado con mestría polo noso querido Mario Roldán “O Tigre”. Un libro que me marcou en certa medida, xa que mostra á maioría dos seus protagonistas en situacións extremas, poñendo a proba a defensa dos seus principios. En definitiva, unha obra que recomendo encarecidamente a todos eses mozos que pensan hoxe en día que un tipiño como Abascal os vai salvar dos males do mundo.
Durante a estancia duns meses en Vigo, acollido polo meu querido camarada Luis Ferreiro, tamén fun testemuño dalgún detalle cotiá. Por exemplo, lembro unha noite que estabamos a charlar Luis e máis eu na cociña (algún día escribirei sobre a importancia vital daquelas conversas nesa cociña) e de repente recibiu a chamada de Xesús, para informar de que estaban a botar un documental moi interesante na 2.
Ese era o Xesús que eu coñecía e co que tiven a honra de compartir militancia. Porque máis aló daquela figura de profesor, do escritor e investigador inesgotábel, do académico, había un home bo e humilde que traballou arreo por alimentar as mentes de todo aquel que se paraba a lelo ou escoitalo, coa certeza da importancia que ten a cultura.
En definitiva, Xesús foi un rebelde coma Lorca. Porque acaso hai algo máis rebelde que incitar ás persoas a pensar por si mesmas?
“Xesús foi un rebelde coma Lorca”
Sirvan, pois, estas verbas, como testemuño dun home bo, comunista que deixa neste mundo sementes nas nosas cabezas e corazóns. Ata sempre camarada, aquí seguiremos co puño en alto ata que este mundo cambie de base.

