HomeOpiniónOPINIÓN: O retorno dos poetas afogados

OPINIÓN: O retorno dos poetas afogados

"O vindeiro 23 de maio volve de entre a néboa fumadora de opio a nosa nave insigne, o Festival do Paradiso, diposto a ofrecernos novas aventuras culturais".

Publicado o

POR
Maro Carretero / Asoc. Cultural Naúfragos do Paradiso
- Advertisement -

Din que a calma precede á tormenta. Son moi estranas as razóns que te poden levar a meterte na organización dun evento de acceso gratuíto. Podería ser polo tedio abafante ou pola necesidade de botar un último baile antes de que soen as trompetas do apocalipse. O certo é que non existe unha resposta. Só sabemos que unha das cousas que mantiveron viva a esperanza deste regreso en forma de simulación foi o agarimo de moitas das persoas que asistían ano si e ano tamén á chamada dos que buscabamos retornar ao noso Paradiso particular. Un pequeno oasis neste deserto da monocultura.

E a verdade é que non fomos os primeiros, nin sequera os mellores á hora de pescar actividades culturais para ofrecer aos habitantes da comarca. Pero sabemos que, como diría Manuel Antonio, inda que o barco sexa un cadaleito, somos sabedores da forza do mar para retornar os vellos tesouros ás costas. Porque nestas terras dos mares do interior (Mesopotamia chamoulle Fole) a cultura e a historia nunca se poden enterrar de todo. A pesares de todo canto ignoramos, o noso instinto mantennos coa curiosidade suficiente como para non afogar de todo. Porque outros que estiveron antes ensináronnos a guiarnos polas estrelas nas noites sen lúa. Porque o
Loisón, que bautizou esta entidade sen sabelo, xa coñecía a cara B do Dark Side of The Moon moito antes de que a Artemis II tentase calar sen éxito as voces de terraplanistas e novos inquisidores. Porque o canto do Carro do poeta da Xistral, Manuel María, inda se pode escoitar nos corazóns vellos e novos de máis dun náufrago. En Gaza, en Nova Iork, en Teherán ou en Lemos hai seres que soñan con outra humanidade posible. Esa humanidade real, fóra do artificio das redes dixitais e a industria do medo.

“A pesares de todo canto ignoramos, o noso instinto mantennos coa curiosidade suficiente como para non afogar de todo”

Porque somos moi conscientes de que non podemos cambiar o mundo, pero podemos comezar a cambialo. Poderiamos tentar seguir esgrimindo motivos pero todo se resume nunha cousa: a necesidade de enviar un berro colectivo, “cheo de rabia e de furia necesaria” como diría Pereiro. Un berro minúsculo na imensidade do cosmos, pero que vai crecendo na súa viaxe ata o infnito. Porque son os sons propagados polas ondas dos grandes poetas e artistas que nos precederon (os Loisón, Manuel María, Mario Roldán, Antón Valcarce, Manuela Escamilla e un longo etcétera) os que se materializan con novas formas e talentos, para construirmos refuxios do presente.

Chegados a este punto poderiamos poñernos máis melancólicos, ou incluso espirituais coma nesas longas noites no Parque dos Condes baixo os feitizos das beberaxes e os ritmos de tantas e tantas bandas que asomaron polo Paradiso. Pero nestes tempos de tambores bélicos non queremos máis lamentos nin indiferencia. A realidade non é outra cousa que presente, e o futuro constrúese agora.

Así pois, hoxe chamamos a todas e todos: aos nostálxicos, aos vividores, aos frikis que consideran que os froitos da Comarca tamén deben ser desfrutados polos orcos desta nova Mesopotamia, ás mariñeiras e mariñeiros do interior, aos visitantes de dimensións descoñecidas e demáis criaturas.

Os Naúfragos amarran o bote do seu útlimo naufraxio nunha illa chamada Ateneo Casino. Poetas e trovadores preparan o seu mellor repertorio para unha xornada épica. O vindeiro 23 de maio volve de entre a néboa fumadora de opio a nosa nave insigne, o Festival do Paradiso, diposto a ofrecernos novas aventuras culturais. Revindicando as súas orixes máis poéticas pero ollando ao mesmo tempo os novos horizontes cara aos que nos guían as novas xeracións. Porque desta volta o Paradiso non pode esperar. Subes a bordo?

“Os Naúfragos amarran o bote do seu útlimo naufraxio nunha illa chamada Ateneo Casino”

Acceso a VIDEO ao evento cultural que se realizará o vindeiro 23 de maio.

ÚLTIMAS

A Ribeira Sacra potencia a súa candidatura co 27º encontro internacional do Convenio da Paisaxe

Os participantes poñerán en común as iniciativas que están a levar a cabo nos...

Queres que a túa idea se faga realidade? Recta final para participar no Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra

O Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra segue buscando iniciativas de emprendemento e...

O Courel pedalea por Palestina

A cita do 17 de maio está promovida por We Rise como parte da...

Premio ao mellor deseño para o IES Daviña Rey na ‘Liga Make Drone 2025-26’

O IES Daviña Rey vén de participar na "Liga Maker Drone", un encontro competitivo...