Hai cousa de tres anos, nunha terraza da Pobra de Trives, comentáballe ao meu amigo Xosé Manuel Fernández “Hermanager” que, nunha entrevista de hai máis de dúas décadas, os irmáns Muñoz (Estopa) xa nomeaban como a súa sobremesa preferida á Bica de Trives. E iso, eu sóubeno desa forma que se saben as cousas: asistindo aos bares coa regularidade ociosa que desprenden as vacacións de verán.
Concretamente foi no bar Bartolo, e tamén mo contou outro amigo (Kino). Por mor de comentar esa curiosidade, pódese dicir que por casualidade, xa fose no programa “La matemática del espejo” ou o máis recente, en “Cara al show”, os Estopa déronlle protagonismo por partida dobre a ese peculiar e único mantecado trivés. Comentábase que podería ser unha sobremesa do bar familiar, si. Pero o certo é que todo vén por un dos Muñoz, concretamente José, que estivo a traballar un par de anos no restaurante do señor Enrique e a señora Luisa, hostaleiros ourensáns na cidade catalá de Cornellá. E alí, el cantaba a carta… e a carta contiña sobremesas… e entre esas sobremesas, evidentemente atopábase a Bica de Trives.
Servidor garda dous recordos moi marcados relacionados coa Bica. Un é ver o meu avó ir ao consultorio médico de visita con devandito mantecado como presente para o persoal que o atendía. Outro, é ese gusto ─agridoce a moreas─ que che deixaba na boca a nefasta combinación coa que te obsequiaban nas primeiras edicións de “O día da bici”. Que alguén perdoe a quen tivo a idea de conxugar a Bica co refresco de Cola do tempo… tirando a quente e logo subir ata A Pena Folenche, a miña aldea vacacional, con esa pasta no padal. Decididamente, estamos vivos de milagre.
A verdade é que non somos poucos os que desde hai moitos anos, arrastramos tradicións post vacacionais, como a de seguir comprando e regalando o devandito mantecado; xa sexa a compañeiros de traballo, ás amizades, ou a veciños que quedan coa chave ou o periquito durante esa escapada ─sempre curta─ cara ao que eu sempre definín como o paraíso terreal. E isto último afírmoo convencido ─ remítome a dous dos meus libros─, e se fai falta volvo reafirmar en tal definición de As Terras de Trives.
En ocasións, comentabamos no meu círculo que a Bica de Trives debería de cobrar un protagonismo maior na gastronomía galega. E, aínda que sexa de xeito tardío e grazas aos Estopa, significaría un gran recoñecemento que por fin ocupase ese lugar que lle corresponde por dereito propio. A Bica é de Trives, e é a Trives como Os Suaves son a Ourense, aínda que se fagan adaptacións. Porque xa o dicía Yosi naquel directo ─Suave é a noite─ gravado en 1989 na sala Zeleste: “As cancións son daqueles que as cantan…”. Ou o que é igual, a Bica é daqueles que a fan e dos que a degustan, pero se é de Trives e en Terras de Trives sempre será máis especial.

