A delegación da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (apehl) celebrará este venres, 13 de novembro, unha nova edición do Saborea e Canta o Outono na Praza de Abastos de Monforte de Lemos, unha cita que reunirá gastronomía, viños da Ribeira Sacra, actividades infantís e música en directo.
Dende a organización, impulsada por Beatriz Vila, convídase a todos os monfortinos e visitantes a achegarse á Praza de Abastos entre as 20:30 e as 00.30 horas para vivir unha velada de outono nun ambiente agradable e festivo. Falamos con Beatriz para coñecer algúns detalles deste evento que se vén realizando dende hai uns catro anos en Monforte.
Como xurdiu ‘Saborea e canta o outono’?
Nun principio fíxose como se fosen cantos de taberna e en varios establecementos. Funcionaba ben pero ao unirse moitos xa se facía complicado para organizalo con locais participantes en diferentes barrios de Monforte. Daquela facíase cunha achega económica do concello.
E esa idea evolucionou…
Si, foi cando tivemos a idea de organizalo no Mercado de Abastos. Xuntar no espazo anexo adegas e restaurantes con acompañamento musical. Este formato comezou hai catro anos e mantémolo.
Funciona ben, logo?
Si, ten éxito e resulta moi cómodo para a xente. E con música en directo e actividades para os pequenos que che vou contar… A xente con fillos pode tomar un viño e os pequenos están preto, divertíndose e ben atendidos. Hai xente incluso que nos pide que se faga máis a miúdo, e que non sexa só no outono.
Como escolledes os establecementos e adegas participantes?
Enviamos unha circular e vanse anotando os interesados, tanto restaurantes e bares como adegas.
Que valor lle dá este evento aos participantes?
Algúns danse a coñecer algo máis e tamén é unha forma extra de vender ese día.
Quen participará este venres no ‘Saborea e Canta o Outono’?
No apartado de adegas, estarán dúas da Ribeira Sacra: Galanteiro e Os Cipreses; no de gastronomía os restaurantes Capitol, El Muli e Oasis; como coctelería teremos a ONYX e coa músico en directo estarán: a batukada Tukupá, o grupo Juliet’s de Creativa e Isi Castañer co seu espectáculo ‘SOLO’. Ademais, levando o espazo de lecer infantil estarán Os Trasnos.



