Eu voume cinguir a falar desa parte de responsabilidade que nos corresponde a nós, aos que formamos parte desa sociedade rural, procurando analizar os diferentes aspectos, as fortalezas e debilidades que achegamos a sociedade e o territorio.
Debo comezar dicindo que, como é lóxico e necesario, todos temos e damos a nosa opinión sobre o rural e, esta, pode ser positiva ou negativa, argumentada ou banal e realista ou idealizada. Temos que recoñecer que a opinión adoita ser negativa en canto a que, en certa medida, o menospreciamos; adoita tamén ser banal en canto a que non razoamos ese parecer; e, por último, adoita ser idealizada xa que non analizamos todas as cuestións que lle afectan e só nos fixamos en determinados sentimentos ou opinións sesgadas, faltas de rigor ou malintencionadas.
Pero sexa cal sexa a opinión que teñamos do rural, o noso empeño deberíamos dirixilo a averiguar se o podemos mellorar e revitalizar e, para mellorar algo, precisamos coñecer a realidade que lle afecta, as súas debilidades e as súas fortalezas, entendendo como debilidades aqueles aspectos que impiden ou dificultan o desenvolvemento axeitado das cousas e como fortalezas aqueles que supoñen unha vantaxe. Neste senso temos que ser capaces de analizar rigurosamente a situación e de asumir a realidade, tanto no contexto social coma no económico, cultural e ambiental.
Deste xeito, no contexto social, podemos destacar como debilidades: a moi baixa densidade poboacional e o progresivo envellecemento da poboación; a baixa estima e falta de crenza no territorio, nos recursos e nas posibilidades de desenvolvemento; a perda da sabiduría popular e da tradición cultural; e as carencias que temos en servizos e infraestruturas sociais e distanciamento dos mesmos. Por outra parte, podemos destacar como fortalezas: o ambiente tranquilo e saudable que nos rodea; a dispoñibilidade de múltiples recursos para poder aproveitar; unha cultura arraigada; e prezos de adquisición ou aluguer moderados ou asequibles.
No contexto cultural, podemos destacar como debilidades: a profunda transformación da estrutura territorial; o abandono das actividades tradicionais; o deterioro ou desaparición dos vestixios culturais; a exposición destes bens a múltiples ameazas; e o limitado coñecemento e reducido interese polo patrimonio cultural. Mentres que podemos destacar como fortalezas: a existencia de múltiples vestixios das diferentes culturas que habitaron o territorio e que conforman un basto patrimonio material e inmaterial; e que, moitos destes bens, son susceptibles da súa declaración de protección cultural (BIC, Patrimonio da Humanidade…) e do seu aproveitamento para o uso social e turístico.
Por último, no contexto ambiental, podemos destacar como debilidades: o abandono das actividades tradicionais que transforma a paisaxe e dificulta o desenvolvemento de algúns recursos naturais; a alteración e desorde do territorio que causa efectos negativos sobre a vocacionalidade agraria das terras e a exposición do dito territorio a diversas ameazas (empobrecemento, incendios forestais…). Mentres que as fortalezas destacables son: a existencia de importantes contrastes en termos de relevo e clima, que propician unha grande riqueza paisaxística e unha abundante deversidade biolóxica e xeolóxica; a presenza de espazos naturais protexidos; e que, moitos destes elementos, conforman un importante patrimonio natural e constitúen tamén recursos de grande interese social, económico, cultural e turístico.
Así, no contexto social, temos que ser capaces de achegarlle á poboación: unha boa calidade de vida baseada nun abiente tranquilo, acolledor e saudable; un contorno agradable e culturalmente representativo; uns servizos básicos próximos e de calidade (educación, sanidade, igualdade, asistencia…); unhas infraestruturas sociais adaptadas ás necesidades e acordes ao contorno; e desenvolver actividades de dinamización para todas as idades, especialmente aquelas que poñan en valor o noso contorno, as nosas tradicións e cultura.
No contexto económico, debemos mellorar as condicións estruturais a través de: unha ordenación do territorio acorde á vocación das terras e á protección dos recursos e da poboación: fomentar un desenvolvemento económico baseado na sustentabilidade e na multifuncionalidade dos recursos; crear as infraestruturas necesarias que permitan un aproveitamento e comercialización profesional e adaptado aos novos tempos; e mellorar a situación profesional e laboral da poboación activa. Por outro lado, debemos facer un bo aproveitamento dos recursos: determinando todos os posibles e de interese; valorizar os produtos na maior medida posible e mellorar a súa produtividade; e establecer as mellores canles de comercialización, de maneira que a maior rendibilidade recaía sobre os produtores, que son os que máis traballan e os que máis arriscan.
No contexto cultural, temos que coñecer, protexer e divulgar o noso patrimonio a través de: inventariar e catalogar os recursos patrimoniais; establecer medidas reais de protección para evitar o seu deterioro e desaparición; poñer en valor aqueles bens de maior interese e máis representativos; e desenvolver programas de divulgación e visita e deseñar, en base a eles, roteiros e centros de interpretación en vivo.
Finalmente, no contexto ambiental, debemos salvagardar e valorizar o noso espazo natural a través de: fomentar as paisaxes e os hábitats representativos do noso territorio, velar por unha riqueza biolóxica e xeomorfolóxica diversa e diferenciadora; divulgar os recursos e valores ambientais; inculcar na sociedade hábitos respectuosos co ambiente e cos recursos naturais; e promover, entre a proboación, actividades que se desenvolvan ao aire libre e que os achegue aos recursos e aos valores naturais.
Sei que todo isto non é doado pero, en boa medida, está nas nosas mans. Para comezar debemos crer máis en nós mesmos, nos nosos recursos, na nosa cultura e nas nosas posibilidades de desenvolvelos.