O macro proxecto de aproveitamento da parcela de 6.212 metros cadrados situada entre a Ronda María Emilia Casas Baamonde e o recinto do Hospital Comarcal de Monforte, limitando tamén polos laterais coa rúa Corredoria e a rúa Codesás, foi avanzado polo Alcalde de José Tomé Roca á prensa e poñerá en valor unha leira sen uso útil ata o momento.

O primeiro paso dado polo Equipo de Goberno do Concello para poñer en marcha este proxecto foi dado polo rexedor municipal co encargo “aos técnicos municipais, ao Secretario Xeral do Concello, ao técnico de Medio Ambiente e ao Aparellador municipal, de elaborar os informes técnicos necesarios para iniciar o expediente que dea lugar á construción do que será un novo parque público, unha vez que estean realizados os trámites administrativos pertinentes”.
Aproveitando o Pleno que terá lugar este mesmo 30 de setembro, levarase este proxecto ao mesmo para a súa aprobación. O máis inmediato será, logo, aprobar a declaración de interese social da parcela onde se pretende construír o novo parque.
Posteriormente, iniciaranse os trámites para a adquisición dos terreos, que ben pode ser por mutuo acordo ou ben por expropiación. Unha vez adquiridos os terreos elaborarase o proxecto construtivo que defina os detalles do novo parque e a continuación realizarase a licitación para a adxudicación do proxecto, culminando todo este proceso coa realización das obras na nova zona verde.

Aproveitamento integral do terreo
As características xerais do novo parque público, en verbas do mandatario municipal “queremos que teñan un carácter integral para dar resposta a varias cuestións ao mesmo tempo, de tal xeito que vai incluír varias zonas de céspede, unha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, estará dotado de varios elementos biosaudables de ximnasia para maiores e finalmente contribuirá a paliar o déficit de estacionamento na zona do Hospital contando con aproximadamente 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos”.
Con esta actuación e proxecto de futuro, darase servizo aos visitantes do Hospital e tamén aos veciños e veciñas de Monforte; os deste barrio serán os máis directamente beneficiados/as pero será igualmente útil para o resto pois o paseo paralelo á Ronda María Emilia Casas Baamonde é un vial moi transitado polos monfortinos/as.
O custe estimado destas obras de construción do novo parque superan os 600.000 euros, “custe ao que haberá que engadir o que finalmente custe a adquisición dos terreos, que neste momento descoñecemos”, sinalou Tomé Roca.