Logo de que con data 14 deste mes de marzo, a Presidencia do Goberno de España, ditara o Real Decreto 463/2020, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Tendo tamén en conta as recomendacións da FEGAMP para os Concellos galegos, e logo de ver a resolución da Xunta de Galicia de data 15 de marzo do 2020 pola que se da publicidade ó acordo do centro de coordinación operativa (CECOP) mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico, como consecuencia da evolución epidemiolóxica do Coronavirus COVID-19, o Alcalde resolveu, mediante decreto con data 16 de marzo de 2020:
Primeiro.- Decretar os servizos públicos municipais esenciais ante a situación de excepcionalidade dende o día 16 ao 31 de marzo, ámbolos dous inclusive, podendo ser prorrogado dito prazo en función do que se determine polo Goberno do Estado.
Segundo.- A prestación de servizos públicos, de forma presencial, serán aqueles estritamente necesarios para garantir o correcto funcionamento da actividade municipal.
Todos os empregados públicos cuxas funcións se realicen dentro de edificios ou de instalacións administrativas que permitan seu desenvolvemento a distancia, prestarán o servizo dende o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial, facilitándose a estes efectos fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia.
Pola contra, todos os empregados públicos que realicen funcións dentro de edificios ou instalacións administrativas que non se poidan desenvolver mediante traballo non presencial deberán permanecer nos seus domicilios, quedando a súa actividade suspendida temporalmente. Non obstante, exceptúanse aos empregados públicos que desempeñen funcións de carácter esencial que deberán acudir presencialmente aos seus lugares de traballo, por esixilo o desempeño de ditas funcións.
Terceiro.- Considéranse funcións de carácter esencial no Concello de Monforte de Lemos, as seguintes:
- POLICÍA LOCAL. Todos os efectivos nos turnos habituais, salvo circunstancias excepcionais a determinar polo responsable do servizo.
- PERSOAL DIRECTIVO. Referido á Secretaría Xeral, Intervención e Tesourería.
- MANTEMENTO DE EDIFICIOS. Brigada de Obras, un empregado público. Servizos eléctricos, un emprego público, estes dous de forma rotatoria entre todos os efectivos. Fontanería. Un empregado público.
- COMUNICACIÓNS. Un funcionario.
- PAGO A PROVEEDORES. Intervención e Tesourería (facturas e nóminas), o persoal que determine o responsable do servizo.
- REXISTRO XERAL. Un funcionario/a (turno rotatorio)
- ATENCIÓN AO PÚBLICO. Un empregado público (turno rotatorio).
- CEMITERIO.-Todos os empregados públicos, no cemiterio municipal e un funcionario nas oficinas administrativas.
- SERVIZOS SOCIAIS.- Unha Traballadora social e unha Educadora Social (en turno rotatorio)
- PADRÓN.- Un empregado/a público.
- LIMPEZA INTERIOR.- Traballadores/as da empresa concesionaria.
- LIMPEZA PÚBLICA URBANA.- Traballadores/as da empresa concesionaria e o Técnico de Medio Ambiente.
- ACCESO ÁS DEPENDENCIAS MUNICIPAIS.- Un funcionario do servizo de Atención á cidadanía (turno rotatorio).
Cuarto.- Crear unha comisión municipal de seguemento da evolución do COVID-19, que estará formada polos seguintes membros: Alcalde-Presidente do Concello, Primeira Tenente de Alcalde, Concelleiro de Servizos, Concelleira de Cultura, Concelleiro de Medio Ambiente, Xefe da Policía Local, Xefe do Servizo de Atención á Cidadanía, Secretario do Concello
Dita Comisión reunirase cada sete días de forma ordinaria, en calquera momento de forma extraordinaria cando as circunstancias así o aconsellen.
Quinto.- Declarar a vixencia dos decretos da Alcaldía de datas de 13 de marzo de 2020 e 15 de marzo do 2020.
Sexto.- Dar traslado do presente decreto aos concelleiros/as, aos responsables das Unidades administrativas e aos empregados públicos municipais.
Sétimo.- As anteriores medidas estarán en vigor durante a vixencia do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo ou, de ser o caso, das prórrogas do mesmo.