Hai un ano, o BNG de Quiroga presentaba para aprobación en Pleno a “MOCIÓN PARA O ESTUDO, ANÁLISE E SOLUCIÓN DE PROBLEMAS DA AUGA EN QUIROGA”. A iniciativa foi desestimada cos votos en contra dos concelleiros e concelleiras do PP de Quiroga.
Sinalan desde o BNG que no Pleno ordinario de outubro de 2019 o alcalde afirmaba que a auga da traída de Quiroga era excepcional, que os problemas de turbidez reducíanse a dúas ou tres incidencias puntuais ao ano e que non lle constaban queixas formais da veciñanza.
Un ano despois, veciños e veciñas de Quiroga insisten na persistencia e reiteración de problemas visibles nas condicións en que reciben a auga do subministro municipal. A turbidez, lonxe de desaparecer, vai a máis e a indignación dos veciños e veciñas tamén, segundo sinala o BNG, “Quéixanse de que teñen que mercar auga embotellada e que en moitos casos nin se atreven a lavar a roupa ou incluso ducharse.”

Os nacionalistas aseguran que moitas vivendas recibiron auga turbia e lodosa ao longo deste 2020, incidencias que aumentan coas choivas, o que xera preocupación e indignación entre a veciñanza, “desde hai anos reiteradamente existe este problema en Quiroga e non vemos que se colla o touro polos cornos para darlle unha solución estrutural e explicar eficazmente á veciñanza o que está acontecendo.”
Desde o BNG están recollendo sinaturas que avalan o malestar de moitos e moitas quiroguesas, veciños e veciñas que esperan un recoñecemento público do problema e acción por parte do Goberno Local para buscar solucións e traballar nesa dirección.
O BNG pide que se explique publicamente á veciñanza o motivo das continuas incidencias de turbidez e baixa presión no subministro da auga municipal e que o Alcalde convoque unha reunión ou Pleno Extraordinario que reúna ao conxunto da Corporación Municipal para abordar o tema e valorar solucións estruturais e non amaños provisionais que poñan fin ás incidencias que está ocasionando o actual subministro de auga municipal.