Os Orzamentos do Concello de Sober para 2021 aprobáronse o 29 de decembro de 2020, cos votos a favor do PP e a abstención da oposición.
Dende Agroma, sinalan que hai elementos destas contas que apoiaron – especialmente o capítulo de investimentos – e que amosaron a súa vontade de chegar a acordos, coa abstención, achegando un documento de propostas que estiman que pode ter cabida nestas contas, pero que tamén pode ser útil para vindeiros exercicios. O documento recolle as seguintes propostas:
- Reforzar a equipa social coa creación da praza de educadora social.
- Crear unha ordenanza de axudas de emerxencia social e dobrar a partida actual. Segundo a Memoria da Alcaldía, contémplanse “37.500,00 euros, para facer fronte as diferentes subvencións nominativas, así como ás de concurrencia competitiva e axudas por emerxencia social.” Para as subvencións resérvanse 32.500 €, co cal só hai 5000 € para a partida de emerxencia social. Esta é a partida para a cal Agroma Sober reserva 1000 € de fondos propios para actividade política.
- Plan de coidados, impulsando un Programa Municipal de Coidados, reforzando os lazos veciñais, para previr a soidade, o illamento e a exclusión.
- Crear bonos para adquisición de produtos básicos (comida, roupa) para gastar no comercio local por parte das familias de menos ingresos.
- Reservar unha partida para reparto de bonos dunha pequena cantidade a todos os fogares para gasto en empresas e/ou comercio do Concello.
- Estabilidade do persoal da oficina de turismo para contar co persoal de informador/a na Oficina de Turismo todo o ano e garantir a apertura na tempada e horarios de maior afluencia.
- Facer un censo de edificios da igrexa de cara a supresión da exención do IBI á Igrexa Católica.
- Se a situación sanitaria non permite executar os fondos destinados a festas parroquiais, ofrecer actos culturais seguros en cada unha das parroquias e/ou utilizar eses fondos para a realización de pequenas obras.
- Destinar unha partida para subvencións a proxectos de asociacións por concorrencia competitiva, ademais das que se convocarán para transporte e material escolar.
- Destinar unha partida para facer censo das edificacións ruinosas e poder acometer as posibles actuacións de oficio.
- Elaboración dun Plan de Desenvolvemento Rural, con asesoramento técnico, en colaboración coas Comunidades de Montes en Man Común, que inclúa a aposta polo sector da castaña, da gandaría en extensivo e da recuperación dos agros de cereal, fomentando a cesión de uso de terras.
- Impulsar talleres e asesoramento sobre formas de economía cooperativa e de autoemprego.
- Ampliar a ordenanza reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles incluíndo exencións a inmobles situados en áreas singularizadas por vencello preeminente a actividades primarias, incluídas as vitivinícolas, que precisen de especial protección. Inlcuír bonificacións para inmobles nos que se desenvolvan actividades económicas declaradas de especial interese ou utilidade municipal (por exemplo, as adegas). Incluír bonificacións para inmobles que conten con sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico de enerxía solar.
- Desenvolver a ordenanza reguladora do ICIO para contemplar exencións previstas na lei como a favor de obras de especial interese para o Concello, de obras nas que se incorporen sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar ou de instalacións e construcións que favorezan a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida.