No mes de febreiro de 2020, botou a andar a nova concesión de bus urbano de Monforte de Lemos. Unha das novidades desa concesión, era a gratuidade do transporte público. Hai poucos días modificáronse os horarios e as paradas do bus urbano, algo que dende o BNG aseguran non apreciar, “A xuízo do BNG non apreciamos grandes cambios respecto das condicións anteriores. Se ben somos conscientes de que o Concello de Monforte non está obrigado a prestar este servizo, non entendemos porqué, xa que existe, non abrangue toda a área urbana, algo que xa apuntáramos no momento de tratar esta concesión no Pleno.”
Consideran os nacionalistas que é un agravio comparativo para os veciños das rúas Xoán Montes, Cruce da Vide ou Malvarón, entre outras, ao non prestárselles este servizo. Engaden desde o BNG “Dentro desta mesma situación atópanse as parroquias non urbanas. Hai que entender que no rural, a poboación está envellecida e non ten doado desprazarse á cidade para realizar as súas xestións, xa que o servizo de transporte público tampouco chega ás aldeas, algo que tería doado amaño coa implantación dun servizo de taxi a demanda.”
O BNG levará ao pleno do luns, ademais desta moción, un rogo para a sinalización e pintado dun paso de peóns na rúa Poeta Manuel María. Esta rúa, no inicio ca rúa Saviñao, remata na intersección coa Ronda Ma Emilia Casas Baamonde, e co paseo que a percorre. “A senda peonil é utilizada diariamente pola veciñanza de Monforte de Lemos, que ve nesta traza unha zona idónea para pasear e facer exercicio. Con todo, no cruce sinalado, non existe paso de peóns ningún que permita continuar a marcha con seguridade.” Por este motivo, o concelleiro nacionalista pedirá que, previo informe dos servizos municipais competentes, se pinte e sinalice este cruce peonil, de cara a garantir a seguridade na referida intersección.