O BNG de Pantón e o de Carballedo presentan nos seus respectivos concellos unha iniciativa para instar ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra a corrixir o proxecto sobre as rutas fluviais do xeodestino.
No primeiro caso destacan que “un dos grandes potenciais de Pantón é o seu Patrimonio fluvial e histórico, nomeadamente con fins turísticos e de explotación enolóxica, contando con diferentes Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC) e coas tres Ribeiras (Miño, Sil e Cabe), e na actualidade non se está a navegar ninguna.” Sinalan tamén que pola súa situación xeográfica acollen fluxos de persoas procedentes das Rías Baixas, Portugal e Castela que acceden a Galicia pola A-52 e N-120, “así tamén poderíamos explotar o que se coñece como “turismo de proximidade” pola nosa cercanía á capita ourensá que dista só 17km dos Peares pantoneses.”
O BNG demanda incorporar á oferta Turística de Pantón “rutas das barcas de paso” o que consideran “actuaría como un elemento potenciador e de mellora da proposta turística actual, tanto do Concello de Pantón como da marca turística Ribeira Sacra. “Memoria para vivir e tamén para tecer futuro”, esa é a filosofía dun proxecto que pretende poñer en valor as nosas ribeiras, sen nós e sen as nosas ribeiras, non ten lóxica.Estas proposta baséase na necesidade de crearmos oportunidades utilizando como recurso turístico o noso territorio e o noso patrimonio material e inmaterial.”
Segundo os nacionalistas “serían as únicas rutas que xeran a posibilidade de combinar barca de paso con recursos patrimoniais como o románico con fama de seu. Só nas rutas que cruzan de Pantón a Carballedo e ao revés, podería ser visto, incluso visitado porque existe a posibilidade de acceder dende o río a estes monumentos.”
No BNG de Carballedo engaden que “Non é vella a exclusión de Carballedo da cultura ribeirá, pero témola, e en claro perigo de desaparición. Trátase dun proxecto piloto que recuperará os pasos fluviais dos nosos ríos, pero que sorprendentemente deixa fóra concellos como o de Carballedo.”
Dende o BNG consideran “inadmisible que Carballedo quede excluído dun proxecto turístico que pode ser clave para recuperar unha das Ribeiras en peor situación turística. Temos recursos, territorio, historia, románico na Ribeira propia, e non propoñen un só paso polo noso concello. Non hai criterios obxectivos nin históricos que xustifiquen a nosa exclusión desta iniciativa do consorcio”.