Monforte manterá a exención da taxa por terrazas no segundo semestre do ano?

O PP de Monforte sinala que os hostaleiros consideran necesario manter a exención porque hai locais para os que este tributo supón o pago de 1.000 euros

Katy Varela / PP de Monforte

Un dos sectores máis afectados polas restricións necesarias para combater a pandemia é a hostalería. Por iso, desde o PP de Monforte consideran fundamentais as axudas que se poidan aportar a este sector. “E tamén é fundamental a limitación no posible da incerteza, un inimigo de calquera actividade económica. En Monforte, o goberno municipal, presidido polo socialista José Tomé, mantén aos titulares de establecementos hostaleiros nunha innecesaria incerteza en canto á continuación ou non da exención na taxa por terrazas,” sinalan desde o PP polo que instan a Tomé a aclarar que pensa facer ao respecto.

Katy Varela sinala: “O PP de Monforte lamenta que o alcalde siga sen pronunciarse acerca da exención da taxa por terrazas durante o segundo semestre”. Lembra que “recentemente a asociación de hostaleiros sinalou a través dos medios de comunicación que é preciso manter está exención pois para algúns establecementos supón ata 1.000 euros”. 

A portavoz popular, Katy Varela, dixo no pasado pleno municipal “que de nada vale conceder axudas directas para logo pagar ese importe en taxas e impostos, porque supón caer no do vello dito de que sae o comido polo servido”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here