O conflito laboral do Conservatorio de Música monfortino volveu ao Parlamento Galego cunha proposición non de lei na que a deputada nacionalista, Carme Aira, instou á Xunta a velar pola legalidade vixente no conservatorio de Monforte “ante a discriminación salarial e laboral, por razón de xénero, e reparar unha situación que se prolonga no tempo.” PSOE e PP votaron en contra da proposta nacionalista.
Segundo explicou Carme Aira, o conservatorio municipal de Monforte conta con dez docentes e atende a un cento de nenos da comarca. Seis das dez persoas traballadoras teñen un vínculo contractual co Concello de Monforte como persoal laboral fixo e “desas seis persoas traballadoras, catro son mulleres cun contrato que reflicte 30 horas lectivas á semana da que cobran actualmente 26.”

Esta circunstancia, afirmou Aira, é coñecida polo goberno municipal ao igual que a “fenda salarial” de 11.000 euros a respecto dos seus compañeiros de traballo. Asegura a nacionalista que “estas condicións laborais irregulares xeran unha grande incomodidade que o goberno do concello de Monforte pretende resolver con man dura e medidas que rozan á ilegalidade.
A deputada apelou ás competencias do goberno galego, Secretaría Xeral de Igualdade e consellerías de Emprego e Educación para reparar unha situación discriminatoria e recuperar a “legalidade” do profesorado do Conservatorio de Música de Monforte.
A postura do PP
A deputada popular, Raquel Arias, insistiu en que o Concello de Monforte inicie un proceso de diálogo dirixido a reconducir a situación do conflito laboral que mantén co equipo de profesores do Conservatorio Municipal Mestre Ibáñez e que garanta o bo funcionamento interno deste centro. Neste senso, lembrou que esta demanda é a mesma que toda a oposición municipal trasladou ao Goberno municipal o pasado 7 de maio, polo que criticou “o cambio de postura do BNG ao pretender agora trasladar á Xunta un problema que non é da súa competencia”.

Raquel Arias sinalou que “a práctica totalidade dos mestres do Conservatorio reclaman condicións laborais e salariais acordes coa súa función como traballadores dun conservatorio de música. Algo tan básico como que haxa igualdade salarial entre homes e mulleres ou que os seus horarios se adapten ao calendario de educación, de obrigado cumprimento, e non ao do persoal de obras dos concellos”.
Deste xeito, Arias apelou ao “diálogo entre os responsables municipais e o seu persoal para resolver este conflito laboral”, para o que amosou a disposición da Xunta de sumarse a este diálogo na busca dunha solución.