A líder do Bloque identificou tres graves ameazas para a viabilidade de moitas explotacións: os baixos prezos que a industria está pagando aos gandeiros e gandeiras, o incrementos dos custes de produción e a práctica das cadeas de distribución de vender a perdas utilizando o leite como produto reclamo. “Estas tres ameazas son unha tormenta perfecta que pon en apuros a moitas explotacións lácteas”, indicou.
Ante esta situación, destacou, o Goberno de Feijóo non pode mirar para outro lado senón que debe aportar solucións e avanzou catro propostas do Bloque:
- Convocar á industria e a produtores e produtoras, “sentalos na mesma mesa” e conducir a negociación que permita poñer fin a caída de prezos, “porque non pode ser que teñamos o mellor leite do Estado, pero cos prezos máis baixos, unha inxustiza a que hai que poñer fin”, alegou. Para iso, urxe “transparentar” os prezos do leite e garantir que non van estar por debaixo do que custa producir. “A que espera á Xunta?”, interpelou.
- Que o Goberno de Feijóo actúe sobre as cadeas de distribución alimentaria e faga cumprir a lei que impide a práctica de usar o leite como produto reclamo tirando prezos.
- Mobilización de terras para ampliar a superficie das explotacións agrogandeiras, en concreto fixa como obxectivo mobilizar 100.000 hectáreas de superficie agraria útil de aquí ao 2030, o que tamén permitiría que o sector tivese máis axudas da PAC, pois o factor da extensión da explotación xoga a favor.
- Mellorar a competitividade das explotacións a través da investigación e da eficiencia enerxética. Non ten sentido que o rural sume 4.500 aeroxeneradores, sen recibir ningún beneficio sobre a factura da luz, indicou, que cada vez é máis cara mentres o lobby eléctrico engorda beneficios. A tarifa eléctrica galega é unha medida que permitiría abaratar custes nun País rico en electricidade.
Desde que Feijóo goberna, asegura Pontón que pecharon a metade das explotacións lácteas, “Un balance desastroso que irá a peor se Feijóo segue cruzado de brazos, cando debería traballar para reverter esta situación porque temos a obriga de darlle futuro ao rural, pero para iso o Goberno ten que tomar as rendas e deixar de tirar balóns fora”, concluíu.
Visita ao Club Baloncesto Sarria
Pontón visitaou tamén o Club de Baloncesto Sarria, onde ela mesma xogou como pivot, o que lle permitirá intercambiar opinións coas actuais xogadoras. “O deporte de base é moi importante, e hai que animar nesa dirección, porque o deporte é unha vía de desenvolvemento persoal pero tamén para avanzar na igualdade das mulleres”, indicou.

Preguntada polo feito de que o seu primeiro acto tras a asemblea nacional sexa en Sarria, a súa vila natal, Pontón indicou que debe ser “unha desas causalidades do destino que sexa aquí e que sexa no rural, eu tamén medrei nunha explotación gandeira, sei o cariño e o esforzo que hai detrás de cada explotación e, desde logo, estou moi orgullosa das miñas raíces”, confesou.