José Tomé Roca xurou o seu cargo de Alcalde da cidade do Cabe en xuño 2015 converténdose así no primeiro alcalde do PSOE de Monforte na era democrática.
Tras a última batida organizada para buscar a Misi na que non se obtiveron resultados satisfactorios vanse estudar as imaxes acadadas polos drons. Hai esperanzas de atopar algo nelas?
Non o sabemos, nós (tanto o alcalde como a subdelegada do goberno, Isabel Rodríguez) soamente colaboramos coa Policía Nacional en todo o que nos solicitan e facer as cousas que eles nos ordenan porque o corpo de seguridade está buscando ó veciño monfortino dende o día que dende Prodeme se denuncia a súa desaparición. Están investigando diariamente, as batidas simplemente son buscas máis especiais.
Nas batidas tanto do 18 como do 29 de agosto, hai un amplo porcentaxe de que nas zonas buscadas, que son amplas, Misi non estea. Ás veces a falta de noticias é unha boa nova porque nós o que desexamos e que apareza en bo estado e para iso non cesaremos no noso empeño de buscalo.
É certo que hai moitos veciños que critican que Misi non se comezou a buscar ata pasadas as festas patronais. É iso verdade?
Iso é mentira. A Policía Nacional está buscando a Misi dende o mesmo día que se denunciou a súa desaparición. A xente pode dicir o que queira o que pasa é que parece que se queren mesturar cousas. En canto Prodeme nos pediu axuda, mobilizamos todo o que estaba da nosa man. Os medios que se puxeron como buzos, helicópteros, drons ou cabalos e cans para localizar a Misi, era todo o que estaba da nosa man.
Estes traballos tenos que dirixir alguén, neste caso a Policía Nacional e nós estamos a súa disposición no que nos pidan. Cando eles nos van dicindo o que necesitan, nós colaboramos. Se mañá aparece Misi, o éxito será dos corpos de seguridade que traballan na súa procura, non do alcalde. O que pasa é que ás veces se politiza o que non é politizable.
Dende o concello preguntóuselle á Policía que lle parecía que nas batidas participaran voluntarios e o que nos dixeron é que iso non se descartaba pero que primeiro queríano facer con medios profesionais. E no caso de traballar con cans e cabalos, moita xente ó seu arredor distorsiónaos polos olores, sustos ou poden destruír probas.
O que vin é que cando foi un grupo pequeno de voluntarios localizar a Misi, os primeiros que apareceron foron os medios de comunicación. E é que moitos dos que critican as actuacións que estamos celebrando, non aportan ideas novas, soamente critican o que nós facemos, pero aportar algo novo ou mellor, nunca.
Cambiando de tema, que balance facemos das festas?
O balance fano os cidadáns e turistas. Globalmente foron unhas festas moi positivas. Si é certo que todo é mellorable e que hai quen di que en agosto sempre hai xente; pero eu sempre digo que fai 5 anos o mes de agosto era igual que o de agora e sen embargo a Explanada dos Escolapios estaba baleira, polo tanto algo faríamos ben.
Este ano estivo especialmente chea nos concertos de Lucía Pérez, Gin Toni´s e Café Quijano. A hostalería próxima á Compañía quedou satisfeita coa campaña feita porque hai que lembrar que agosto é unha fonte de ingresos moi importante para este sector.
A mensaxe de agradecemento dos fogos, era unha despedida?
Non, todo o contrario. Soaba un agradecemento sincero porque fai 4 anos na campaña electoral conteille un pouco o traballo que levaba feito por Monforte e pedinlles unha oportunidade de demostrarlle que podíamos facer máis cousas e como ma deron, que menos que agradecerllo nas últimas festas que organizo dentro desta lexislatura.
Hai que pensar que levamos arranxadas preto de 50 rúas e antes das eleccións con outras 30 renovadas, 200 pistas do rural modernizadas, melloras no saneamento como na zona do Caneiro ou Zapardiel, dotamos ó Porto Seco dunha depuradora. E claro, logo preguntabámonos como ían haber empresas no Porto Seco senón había nin saneamento? Temos firmado un convenio de preto de 1.5 millóns de euros para seguir mellorando o saneamento. En temas de alumeado xa nin lle conto, e as que quedan por renovar a iluminación, aumentamos en 400.000 euros o diñeiro destinado a gastos sociais. En todos os campos de goberno se mellorou con diferenza o que nos atopamos cando chegamos. Pero claro que aínda queda moito por facer. Estamos avanzando moito no tema do Plan Especial que cando chegamos ó goberno, Monforte nin o tiña, agora está en alegacións e cando este preparado levarémolo a pleno para aprobado. Collemos un Monforte carente de moitas cousas, e creo que levamos mellorado moito en referencia ó que nos atopamos.
A miña intención é presentarme de novo a alcaldía en maio e continuar como alcalde se os cidadáns así o consideran.
En relación á rúa Zapardiel houbo moitas críticas no tocante ó seu arranxo, que pasa realmente nesa rúa?
A rúa Zapardiel quedou irrecoñecible de como estaba a como está. Cada obra que fago para Julia Rodríguez non está ben. É unha rúa na que se meteu o saneamento novo e se facemos o que dixo ela, temos que aplicar a Norma Subsidiaria de Planeamento do ano 79 modificada no 85 e aí afectaría a vivendas da zona. Aquí entramos nun tema maior e é soamente a tontería de “tire vostede un muro” e teríamos que modificar a rúa enteira.
O técnico que fixo o proxecto determinou que os espazos para pasos de peóns e de coches debería quedar delimitado como está na actualidade tendo en conta a anchura da vía. Julia Rodríguez chegou a dicir que había un testamento onde quedaba manifesto que un propietario doaba a súa propiedade e era mentira porque nese escrito decíase que el cedía a metade dun solar que hai na marxe esquerda na saída cara a rúa Leopoldo Calvo Sotelo sempre e cando se correra a ponte outro tanto cara a parte de arriba. E claro, facer iso a CHMS (Confederación Hidrográfica Miño-Sil) non che deixa, como vas cambiar o curso dun río? Poñer unha condición dese tipo é dicir que non.
Como valora o papel da oposición?
Eu creo que tiveron un comportamento un pouco irresponsable porque todo aquilo ó que puideron opoñerse á xestión do goberno, opuxéronse. Levaron unha política de non a todo. Todo aquilo que tiven que levar a pleno non se aprobou nada. Aí están todos os intentos de solucionar o problema con Aqualia ou mercar a Illa do Sierra para facer unha área recreativa.
Ti podes facer unha crítica pero non impedir que se fagan cousas. Neste sentido votei de menos o apoio da oposición. Podes criticar pero non impedir que se fagan cousas.
Sempre me sorprendeu a unidade das 3 voceiras do PP, Esperta Monforte e Non Adscritos. Sempre coinciden no seu postulado. Teño noticias que no seu día se reunían para preparar os plenos entre os 3 grupos.
Que opina sobre as declaracións de Aida Menendez e Julia Rodríguez sobre que dende a alcaldía se pretendera apropiarse dunha idea deles sobre o proxecto que tiñan para o Hotel Comercio en relación co Camiño de Inverno?
A min non me presentaron ningunha idea sobre o Camiño de Inverno. O Camiño ábreo o Parlamento Galego. A partir de aí, a quen lle corresponde arranxalo é á Xunta de Galicia ó igual que dotar a Monforte de un albergue público aínda que posteriormente privatiza a súa xestión.
Elas o que querían era que dende o concello lle désemos un local para facer as súas cousas e eu teño claro que con cartos públicos non imos pagar as actividades das asociacións privadas. Nós ofrecémoslle un local a modo de sede social na Praza de Abastos como o resto de asociacións pero un local como o Hotel Comercio que nos fai falta a nós para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e como oficina de información para peregrinos, pois está claro que non llo imos ceder.
Para rematar, como considera que se está a tratar o hospital de Monforte desde a Xunta de Galicia?
Non comparto para nada o que están facendo. Están facendo unha política de dúas sanidades. A provincia de Lugo é unha soa área sanitaria en detrimento dos hospitais de Monforte de Burela, e polo tanto, é un tema político. Deste xeito preténdese debilitar a sanidade público a favor da privada.