InicioPolíticaO BNG urxe á Xunta a rematar a recuperación dos terreos queimados...

O BNG urxe á Xunta a rematar a recuperación dos terreos queimados no incendio iniciado en Ribas de Sil

O BNG urxiu á Xunta no Parlamento galego a rematar a recuperación dos solos queimados polo gran incendio que afectou en setembro aos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e A Pobra do Brollón.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Segundo os nacionalistas esta recuperación debe ir máis alá do mulching, “xa que os danos provocados polos lumes van máis alá de deixar exposto o solo á erosión e ás escorrentías, senón que tamén se dá a perda de moitos microorganismos que teñen unha función fundamental no crecemento e desenvolvemento das plantas ou a perda da estrutura física de solo que precisan intervención”.

Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Agricultura, Carme Aira explicou na Cámara que nas ladeiras de cara ao río Sil e río Lor botouse palla “de xeito meramente testemuñal” e na zona 0 do incendio “levouse a cabo unha plantación de arboredo tamén testemuñal en comparanza coa superficie queimada”. Así pois, interpelou ao Goberno galego polas accións desenvolvidas ata o momento e os resultados acadados, sobre a planificación para a reforestación e se se analizou a mortaldade de peixes e outros danos causados nos ríos Sil e Lor, ademais de cuestionar que a cobertura dos solos levadas a cabo sexa suficiente.

Carme Aira. Foto: BNG

Neste sentido, instou ao Executivo galego a, logo da cobertura do solo calcinado, sementar herbáceas e cubrilo con palla ou herba que reteña os materiais inertes produto do lume para evitar o dano da erosión e do depósito de cinzas no leito de ámbolos dous ríos, ao tempo que avogou por unha reforestación con árbores autóctonas que actúen de cortalumes e garantan que no futuro non ocorra algo similar ao que sucede ano tras ano. “O quid da cuestión está na prevención dos lumes e, para iso, hai que ordenar correctamente o territorio” e, nesta liña, reprobou o actual modelo forestal do Goberno do PP.

Logo de pedir información detallada sobre o destino da axuda de 500.000 euros concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica para a recuperación dos solos queimados neste incendio, Aira alertou que este outono chuvioso foi extremadamente prexudicial para os solos afectados “e aínda máis para os ríos, polo arrastre de cinsas cara eles, o que provoca a eutrofización das augas causando a morte dos peixes que, no caso do río Lor, afectará ás troitas”. Neste sentido, advertiu que cunha soa tormenta na zona, chega para que a terra escorra e reprochou ao Goberno galego que “o feito de que fora un outono seco ou húmido non será o que teña que modular se se intervén ou non; porque ata agora puido ser seco e a partir de agora pode chover seguido”.

Por último, a deputada do BNG considerou “bastante nula” a coordinación entre administracións dado que, “se ben o conselleiro se puxo en contacto cos alcaldes no momento do incendio, agora mesmo non teñen coñecemento das intervencións que se están a realizar no seu propio monte” e, nesta liña, pediu tamén que a Xunta acompañe ás comunidades de montes “neste traballo de recuperación de solos e de vexetación”.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...