O domingo, día 20 de marzo, derrubouse unha parte da estrada LU-651, entrada principal ao concello de Folgoso do Courel desde Quiroga, deixándoa impracticable. A única alternativa a esta vía, se non se quere dar un enorme rodeo, é o desvío entre Vidallón e Valdomir, pola Campa, estrada cunha anchura apenas apta para o paso dun vehículo utilitario. O derrube provocou tamén o illamento do Concello por vía telemática, dado que se interromperon as comunicacións por fibra óptica.
Por baixo do punto kilométrico no que se produciu o derrube, atópase unha mina de lousa, con galerías que pasan por baixo da estrada, e que condiciona a estabilidade do terreo. “Este feito é coñecido por tódolos actores institucionais responsables da seguridade desta vía de comunicación, xa que se recolle nun estudo xeolóxico-xeotécnico dos anos 2000, no que se daban datos suficientes que demostraban masas deslizadas e cicatrices de deslizamento na vertente septentrional, que é a que nos ocupa, pero que non serviu para que a Xunta de Galiza asumira as súas responsabilidades e traballara na estabilización da estrada”, sinalan desde o BNG.
Lembran que tampouco o goberno do Estado nin a confederación hidrográfica fixeron nada, cando no 2006 se publicaba no BOE o anuncio da confederación relativo á información pública do proxecto de restauración hidrolóxico forestal das áreas afectadas polas escombreiras de pizarra nas marxes dos ríos Redomás (ou Luruda) ó seu paso pola paraxe da Campa.
En palabras de Carme Aira: “unha vez máis, e como xa é habitual, o rural e a montaña lucense vese abandonada ata o perigo para as persoas e o propio territorio, dende logo só o azar puido evitar un drama humano na principal estrada do Courel pola que pasan dende as criaturas para a escola ata os traballadores da propia canteira”.
Así as cousas a deputada do BNG pola provincia de Lugo, presentou unha serie de preguntas ao goberno da Xunta:
“Que investigacións se van levar adiante para ver quen ten resoesponsabilidade nesta falta de previsión sobre o derrubamento acontecido? Existe algún sistema de inspección da mina por parte da Consellería correspondente?
Había algún sinal de alarma sobre a posibilidade de derrumbamento? Que risco supuxo o derrubamento para os seus traballadores e cantos estaban traballando na zona do derrube? Hai algún expediente aberto á empresa explotadora do xacemento en relación co mantemento e supervisión do estado das galerías afectadas ou causantes do derrubamento?
Tiña coñecemento a consellería de Industria das actuacións que estaba levando a cabo a empresa para garantir a seguridade da circulación e incluso dos seus propios traballadores? Como vai apoiar o goberno da Xunta de Galiza ó Concello do Courel para restaurar as eivas causadas polo derrube á maior brevidade? Por que non atendeu o goberno da Xunta as notificacións e informes enviados pola asociación SOS Courel que advertían do risco que supoñía esa canteira? Por que a Xunta non interpelou á Confederación Hidrográfica por non levar adiante o seu traballo de recuperación da zona da escombreira da canteira-mina de CUPA?”
Así o BNG insta ao goberno da Xunta de Galicia a:
- Investigar o acontecido para averiguar as causas polas que se produciu oderrubamento da estrada Lu-651 e a implicación da empresa concesionaria da explotación nestes feitos.
- Garantir á maior brevidade a recuperación deste tramo de estrada para evitar os prexuízos que supón este derrube para a poboación.
- Revisar o estado da estrada dende o seu inicio ata o seu remate dado que o seu asfalto se atopa agretado en moitos tramos.
- Depurar as responsabilidades que se poidan determinar trala investigación.
- Asegurar que o diñeiro público non se use na recuperación da estrada para encubrir as responsabilidades que poidan ser achacadas á empresa privada