HomePolíticaAprobadas as iniciativas nacionalistas para reactivar o regadío Val de Lemos e...

Aprobadas as iniciativas nacionalistas para reactivar o regadío Val de Lemos e contra os recortes no transporte público

O Pleno da Deputación, presidido este martes pola vicepresidenta e deputada nacionalista, Maite Ferreiro, aprobou as dúas mocións presentadas polo BNG a debate.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O BNG comprometeu á corporación provincial na defensa dos itinerarios e paradas das liñas estatais de transporte público na provincia, ao aprobarse unha moción en contra do recorte de servizos prevista polo executivo central no anteproxecto de Lei de Mobilidade Sostible, que recolle na súa proposta inicial a supresión de nove paradas nas liñas que percorren a A6 e a A52, afectando aos concellos de Guitiriz, O Corgo, Baralla, As Nogais, Chantada, Quiroga, Palas de Rei, Monterroso e Pedrafita do Cebreiro e as súas zonas de influencia.

“O Goberno ten que modificar este plan e reconsiderar a proposta para evitar a perda dos servizos existentes”, sinalou o voceiro nacionalista Efrén Castro que apuntou que “este modelo obriga as veciñas e veciños desta zona a utilizar o coche particular. Nin é sostible, nin facilita a mobilidade, en contra do que propugna a norma no seu preámbulo”, razoou.

A iniciativa, aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE, demanda ao Goberno do Estado “que reconsidere a proposta de actualización das concesións de transporte colectivo por estrada, evitando a perda ou redución dos xa escasos servizos da actualidade e buscando pola contra o seu reforzo”.

O Pleno tamén aprobou a moción do BNG para reclamar á Xunta medidas para reactivar a zona de regadío do Val do Lemos coa produción de cereais. A deputada nacionalista e responsable de Medio Rural, Mónica Freire, expuxo á corporación provincial a iniciativa, que reclama ao goberno galego actuacións para poñer en valor as 2.000 hectáreas desta zona coa elaboración dun Plan de Recuperación de terras de aptitude cerealista.

En contra do argumentado polo PP, que votou en contra da iniciativa, Mónica Freire sinalou que “existe demanda de superficie agraria e de regadío” e afondou nas condicións que ofrece a zona para o cultivo de cereais, expoñendo estimacións de rendemento que apuntan que as 2.000 hectáreas poderían producir o 40 por cento do trigo e millo gran que se produciu en Galiza ano 2019 ou o millo forraxeiro que precisarían 900 explotacións medias de vacún de leite galegas.

“Galiza debe reducir a dependencia de materias primas do exterior dadas as condicións que se están dando tanto desde o punto de vista do cambio climático como da escaseza dos cereais nos mercados internacionais. Pero tamén debe facelo porque dispón da potencialidade suficiente para producir estes insumos”, defendeu a deputada nacionalista, que reprochou ao goberno galego a “perda de superficie agraria útil” e a desatención “aos problemas reais dos gandeiros e labregos galegos”

ÚLTIMAS

‘Metamorfose’, o novo sinxelo do artista ‘Peitoescuro’ camiño do seu primeiro álbum de estudio

O proxecto de Rubén Gutiérrez, coñecido artisticamente como 'Peitoescuro', segue avanzando. O pasado 18...

Traballo colectivo da Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next para a súa posta en funcionamento

Os encontros desenvólvense os venres pola tarde coa presenza dun máximo de 20 empresas,...

O BNG de Monforte leva a pleno un punto de información turística na Compañía

Explican os nacionalistas que o tramo da rúa Doutor Casares máis próximo ao centro...

Mario Obrero presenta o libro ‘Con e de curcuspín’ este 26 de maio na Pobra do Brollón

Con e de curcuspín é un ensaio no que a reflexión lingüístico-literaria mestúrase coa...