O encontro dos populares no Saviñao contou tamén coa asistencia do director xeral de Comercio da Xunta, Manuel Heredia, o xerente do GDR da zona, Martín Alemparte, e o director de AGACAL, José Luis Cabarcos, o alcalde da localidade, Carlos Armesto, e a deputada autonómica, Cristina Sanz, ademais de distintos cargos orgánicos da formación que dixire Candia.
“O sector do viño xoga un papel fundamental na provincia e, de forma nomeada, na Ribeira Sacra, e non só en termos económicos pola súa contribución á actividade, o emprego ou as exportacións, senón tamén pola extensión e situación do seu cultivo e polo seu arraigo territorial, o que o converte en motor de conservación medioambiental y de desenvolvemento rural”, engadiu.
A dirixente dos populares lucenses agradeceu a asistencia de todos os produtores, xa que “eles son os que mellor nos poden orientar para impulsar este sector estratéxico na zona na que nos atopamos. Só escoitando, podemos aprender e, por tanto, dar resposta ás necesidades”. E é que, segundo explicou, encontros sectoriais coma este “son os que nos dan sentido como Partido, achegándonos ás empresas e aos cidadáns en xeral. A política de despacho é inútil. Temos que buscar a eficacia, e iso pasa, dixo, por estar cara a cara cos que os precisan. As administracións teñen que ser aliadas e os Partidos debemos de canalizar as propostas dos colectivos, asociacións, autónomos, etc”.
Candia insistiu “na importancia de apostar polo enoturismo, como unha fórmula para relanzar o sector e por en valor os valiosísimos caldos que se producen no sur de Lugo”. A este respecto, a presidenta amosouse convencida de que a futura declaración da zona Patrimonio da Humanidade reverterá “nun despegue do viño e de toda a actividade económica que leva asociada”.
Axudas da Xunta
A actividade vitivinícola debe ser estratéxica para as administracións que, como no caso da Xunta de Galicia, desenvolven políticas encamiñadas ao seu impulso. Así o explicou o director xeral de Comercio, quen detallou que o Goberno galego destina seis millóns de euros ao programa para a transformación dixital e a modernización do comercio galego de proximidade e do sector artesán. Esta orde de axudas, da que se poden beneficiar pemes comerciais de menos de 20 traballadores, como son as adegas, e obradoiros artesáns, incrementa nun 20% o seu orzamento con respecto ao ano pasado.
O programa, cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionable, inclúe dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do posicionamento previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros.
Por outra banda, a través da liña de modernización, pódense obter apoios de ata 5600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde a publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), prevista para o vindeiro 13 de maio.
A estas resolucións súmase a das axudas para a creación e lanzamento de plataformas de marketplace para produtos agroalimentarios no medio rural, que tamén veñen de publicarse. A través deste programa concedéronse axudas por preto de 590.000 euros a 18 beneficiarios, entre os que se atopan concellos de menos de 10.000 habitantes, Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e unha federación de comerciantes.
O director de Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) trasladou aos asistentes o labor que levan a cabo, que consiste na promoción e protección da calidade dos produtos agroalimentarios, desenvolvendo tarefas de investigación nas áreas da viticultura e da enoloxía. O xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel deu conta dos proxectos que están a levar a cabo, así como da futura convocatoria do Programa Leader relacionada co sector do viño