Trala visita a Daveiga, empresa que tamén aposta polo produto de proximidade para a súa produción, minimizando o impacto ambiental, Pontón salientou, “Daveiga demostra que é posible facer proxectos innovadores desde o medio rural, mesmo cun enfoque de economía social, un aspecto que debemos apoiar porque crea emprego de proximidade e de calidade no propio rural”.
Pero a iniciativa privada debe ser apoiada cunha aposta desde as políticas públicas e, neste sentido, o BNG propón un Plan estratéxico de rescate e desenvolvemento para o rural estruturado en dez liñas de actuación que ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas: manter os servizos educativos, reverter os recortes sanitarios no medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais.
A segunda liña estratéxica ten como obxectivo conseguir un rural produtivo que permita a soberanía alimentaria, e para iso inclúe rescatar 100.000 hectáreas en dez anos para uso agrario. “Producir alimentos de calidade, camiñar cara a soberanía alimentaria porque é clave como acabamos de ver na pandemia”, argumentou.
Pontón tamén destacou o imprescindible apoio ó sector vitivinícola, clave na comarca, cunha produción de moita calidade. “Hai que apostar pola innovación e pola transformación para potenciar proxectos que xeren valor engadido porque son os que aportan mellores niveis de renda para os produtores e produtoras nos distintos sectores que se desenvolven no medio rural ós que hai que apoiar”, recalcou pouco antes de visitar Adega e viñedos Lareu.
O plan estratéxico do BNG para o rural aposta por unha produción no sector agropecuario que debe ir acompañada de innovación, investigación e transformación, terceira liña estratéxica; e nesa mesma dirección, facilitar a comercialización, con centros comarcais de envasado e etiquetaxe para facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a creación dunha plataforma público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira.
A quinta liña estratéxica do plan de rescate é a dotación en infraestruturas, cunha aposta pola dixitalización e por estender as novas tecnoloxías, indicou, tras visitar A túa xanela, proxecto empresarial que se encarga precisamente de instalar fibra óptica no rural e achegar as novas tecnoloxías. Igualmente, mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e apostar polo tren como transporte de conexión tamén na Galiza interior.
Rendas xustas
A sexta liña de traballo pon o foco en conseguir rendas xustas e dignas para produtores e produtoras, establecendo na Lei da cadea alimentaria un mecanismo de fixación de prezos que imposibilite vender a perdas. Un aspecto igualmente fundamental do plan para un rural vivo son as políticas de igualdade para a muller, “darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde tamén no medio rural porque son imprescindibles, con máis apoio ás emprendedoras e con medidas eficaces de conciliación”, explicou.
É imprescindible, oitava liña estratéxica, “rexuvenecer o rural”, e iso pasa por atraer a xente moza, por facilitar o relevo xeracional, indo máis aló das axudas directas, “porque só poderemos levar á mocidade ó medio rural cando lle ofrezamos servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía”.
O BNG inclúe a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido. Finalmente, a décima liña estratéxica pasa por conseguir vincular as axudas da PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector agroganderio galego.
A visita de Ana Pontón a proxectos innovadores en Chantada completouse coa aposta pola tecnoloxía no rural da empresa A túa xanela de instalación de fibra óptima nos pequenos e medianos concellos do interior.
