O equipo de Goberno do Concello de Folgoso do Courel aprobou no Pleno deste venres 2 de setembro unha moción para instar ao Estado a que amplíe as axudas para os afectados polos incendios a segundas vivendas.
Desde o Goberno local reclaman que as axudas non se limiten aos inmobles cualificados como primeira vivenda e que se teña en conta o papel que desempeñan moitas segundas residencias neste e noutros municipios rurais. “Hai moitas persoas que emigraron para volver e xubilarse aquí; veciños e veciñas que estaban a acondicionar as súas casas para o futuro e que se viron gravemente prexudicados”, explica a alcaldesa, Lola Castro.
Nesta liña de demandas, tamén se aprobou pedir axudas para construcións auxiliares danadas como alpendres, palleiras ou sequeiros; edificacións moi importantes no rural e que tamén necesitan ser reparadas.
No paquete de axudas a pedir, a rexedora Lola Castro inclúe tamén ao sector da hostalería. Entende que as dificultades nas que se atopan os locais de hostalería e as empresas turísticas fai necesaria unha atención especial e axudas extraordinarias para paliar a súa delicada situación.
OUTRAS DEMANDAS
O equipo de Goberno demanda ademais que o Estado lle comunique ao Concello de Folgoso do Courel a súa decisión sobre a aprobación das medidas de axudas aplicadas para as previsións orzamentarias municipais do próximo exercicio, e tamén que se habiliten exencións fiscais no caso de que as axudas tiveran repercusións tributarias para os beneficiarios de axudas.
Abondando nas demandas, consideran preciso iniciar o máis axiña posible os traballos para recuperar a superficie afectada e inciden na importancia de contar con mecanismos de cooperación e colaboración entre todas as administracións implicadas.
CARTA E AGASALLO Á VICEPRESIDENTA YOLANDA DÍAZ
A alcaldesa do Courel, Lola Castro, achegouse o xoves 1 de setembro ata a Fundación Uxío Novoneyra para saudar a Yolanda Díaz, Vicepresidenta do Goberno e Ministra de Traballo e Economía Social, aproveitando a súa visita ao Courel para presentar o seu proxecto político SUMAR.
A rexedora quería entregarlle unha carta con diferentes demandas do Concello de Folgoso do Courel para que tivese en conta como Vicepresidenta do Goberno –a maioría delas aprobadas no Pleno deste venres–, e un agasallo institucional no que se incluía unha caixa de produtos locais e dous libros sobre o Courel.

O encontro non foi posible e tivo que deixarlle a carta e o agasallo ao persoal do equipo da Vicepresidenta, que se comprometeu a entregarllo.