Javier González é o portavoz do grupo socialista da Pobra do Brollón, a principal forza da oposición do mandatario local, José Luís Maceda.
O pasado 22 de setembro celebrouse a V edición do Festival Cores de Outono no que actuaron grupos como Luar na Lubre ou Os Carapaus. Un feito que segundo manifestou o alcalde, “é un festival que tratou de poñer á Pobra do Brollón no panorama da música tradicional galega”. Segundo Javier González, “efectivamente, As Cores de Outono é un festival interesante que os do BNG se inventaron fai 5 anos. Para organizalo destínanse 30.000 euros do Plan Único“. Ademais da réplica pola contía destinada a tal fin, tamén sinala que, “se tanto aposta o BNG pola cultural tradicional, festas como O Oso de Salcedo, tamén deberían de recibir unha suma relevante de cartos do Concello e, en cambio, non os recibe“. Dende o PSOE non entenden como Xosé Ferreiro como se lle acusa de non apostar pola cultura cando eles mesmos, fai 12 anos, foron os encargados da concellería de cultura entre outras.
O socialista, defensor da cultura tradicional e de investir o máximo posible no concello, aclara que “o Plan Único simplemente é un reparto de impostos entre os concellos atendendo o número de habitantes e a súa extensión, é dicir, son cartos que recaen entre os veciños pero que eles mesmos pagan a través de diferentes métodos de recadación municipal“. Unha aclaración feita polo seu partido logo de que Xosé Ferreiro os acusara de dar cartos soamente ós concellos onde goberna o seu partido.
“Non temos febre inauguradora. Simplemente acompañamos ó presidente da Deputación, Darío Campos, cando ven ó Concello. Se saímos en tantas fotos é porque ven a miúdo e iso é sinal de que dende o PSOE se fan cousas pola Pobra. Se eles non se deixan ver tanto, simplemente é porque dende a súa formación non se fan tantas cousas polos veciños”. Javier González, fiel defensor da política local, manifesta que “non quere fotos”, simplemente quere facer cousas polos veciños que “son de vital relevancia e que José Luis Maceda non fai porque nin quere nin pode”.
E é que as obras acometidas nos últimos meses en diferentes estradas do Concello por parte da Deputación de Lugo son o tema da discordia entre o alcalde e o seu principal opositor.Por unha banda, o alcalde acusa ó PSOE de facer autobombo ademais de remarcar que o Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes das Vías Provincias aprobouse por unanimidade entre o BNG, PSOE e PP e que as obras propuxéronse dende o goberno municipal en base ás necesidades da veciñanza. Neste senso Javier González ten unha opinión moi diferente “se realmente foron eles os que propuxeron e fixeron as estradas, queremos que presenten a documentación que así o acredite. Nestes últimos 3 anos levámoslle formuladas máis de 100 cuestións por escrito e estamos esperando unha resposta. Se fan algunha obra non explican case nada dela e por suposto, o presuposto non o fan público”.
Para rematar, Javier González repróchalle ó alcalde de que “eles si que venden a moto co tema do albergue provisional no pavillón municipal. Esa xestión tivo que facerse de xeito obrigatorio para poder celebrar o campo de traballo no Castro de San Lourenzo. Se non chega ser por iso, o alcalde non ía poñer unha soa cama. Casualmente, un albergue que se fai o último verán de mandato antes das eleccións municipais“. “Se realmente o noso alcalde quere ó Concello, deberíamos pelexar por el e non xogar a poñernos en evidencia á mínima oportunidade”.