InicioPolíticaO BNG da Pobra do Brollón acusa ao PSOE de querer apropiarse...

O BNG da Pobra do Brollón acusa ao PSOE de querer apropiarse dos méritos acadados polo seu alcalde

Os deputados nacionalistas Antonio Veiga e Xosé Ferreiro xunto co alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda, amosaron a súa disconformidade ante os últimos actos celebrados polo PSOE do concello e acúsanos de querer apropiarse de ideas que non son súas.

Publicado o

- Advertisement -

Na mañá do xoves 20 de setembro, o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda xunto coa concelleira Mónica Rodríguez e os deputados do BNG, Antón Veiga e Xosé Ferreiro presentaron, na área recreativa de Samugueiros, a quinta edición do festival Cores de Outono.

En declaracións do rexedor local, “é un festival que tratou de poñer A Pobra do Brollón no panorama da música tradicional galega e logo de cinco anos creo que o conseguimos e unha aposta para seguir impulsando a nosa música. Se nós podemos potenciar a música tradicional así o imos seguir facendo”.

Xosé Ferreiro, deputado do BNG na Deputación de Lugo, engade que, “este é un bo exemplo do que é a política cultural popular do BNG e a que pode ser do PSOE. Neste caso, onde goberna o BNG este tipo de festivais consérvanse mentres que dende a Deputación se están a recortar os fondos de axudas para outros festivais como pasa co Festival do Castro de Pantón ou as Fachas de Vilela e estanse a apoiar macrofestivais como é o caso do San Froilán de Lugo onde gran parte dos cartos lévanos os intermediarios”. Continuando coa súa acusación ós socialistas, engadiu que “é evidente que este tipo de investimentos chegan porque nós pelexamos polo reparto equitativo dos investimentos aínda que agora se veñan poñendo outros as medallas. Dende a oposición en Lugo conseguimos que se fixera un reparto obxectivo de cartos da Deputación de Lugo para todos os concellos a través do Plan Único, cousa que, se non chega ser por nós, soamente levarían cartos aqueles concellos onde o partido que goberna en maioría como é o caso dos concellos do partido socialista”.

Por outra banda, Antonio Veiga, deputado do BNG, salienta que “estamos ante a febre inauguradora como antes Franco cos pantanos. Non estamos en contra cando os representantes dunha institución anuncien algo excepcional pero cando é algo ordinario como é o Plan Único, que ademais foi proposto polo BNG, e non por iso nós andamos todos os días dicindo que foi cousa nosa”.

PLAN DE ESTRADAS

En xullo de 2017, BNG, PP e PSOE aprobaron o Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes das Vías Provinciais cunha dotación de 15 millóns de euros, á par que se creou unha comisión de seguimento e dos cales, 370.000 euros destináronse para a mellora das redes viarias da Pobra do Brollón.

As estradas que a continuación se detallan, son as que o grupo do BNG propuxo para arranxar na Pobra e que, segundo eles, se queren apropiar de méritos os do PSOE. A LU-P- 4703, que vai da LU-652 a Santalla de Rei á LU-653 entre os puntos 4,6 e 6,8; a LU-P-4707, que vai da Pobra do Brollón por Saa, a Veneira de Roques entre os puntos quilométricos 1 e 2,8. A LU-P-4707 que vai da Pobra do Brollón por Saa, a Veneira de Roques entre os puntos quilométricos 1 e 2,8. Tamén están incluídas a LU-P-4710 da LU-P-4701 Salcedo á Estación da Pobra do Brollón (LU-933), entre os puntos 2,2 e 4,8 e a  LU-P-4702, que vai de Vilachá por Rozavales á Estación da Pobra do Brollón.

Ante tal situación, a corporación municipal da Pobra do Brollón non entende como o PSOE se dedica a facer “autobombo” . Segundo declara o alcalde nacionalista, “o plan aprobouse por unanimidade e as obras a desenvolver propuxéronse dende o goberno municipal en base ás necesidades da veciñanza”.

Seguindo a mesma liña, Xosé Ferreiro e Antón Veiga sinalan que “os cartos son dos veciños e non dos socialistas como parecen suxerir desde o PSOE nas súas intervencións públicas”.

 

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...