HomePolíticaOs "vacinódromos" e as persoas maiores do rural galego

Os “vacinódromos” e as persoas maiores do rural galego

Desde Interior Galego Vivo insisten que a administración da cuarta dose da vacina contra a COVID19 ás persoas de máis de 85 anos está a provocar trastornos a moita xente do interior galego, por ter que acudir aos centros de vacinación masiva, en lugar de nos centros de saúde de Atención Primaria.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Cando remate esta fase de vacinación, o Conselleiro de Sanidade informou que “haberá repesca” nos centros de saúde, pero mentres non chega a repesca a xente quedaría desprotexida. “Xa se están a producir numerosos casos de persoas que non van vacinarse aos centros dispostos e que agardan á repesca na Atención Primaria, co cal, o plan da Xunta devén en fracaso, todo por non reforzar os centros de saúde para que administren xa a cuarta dose da vacina”, aseguran desde IGV.

Para IGV é intolerable que persoas de idade avanzada, “grazas ao traballo e esforzo das que temos Sanidade pública e Atención Primaria descentralizada, vexan como son desprezadas á hora de administrar a cuarta dose da vacina dunha doenza que lles afecta sobre todo a elas.”

As persoas maiores das parroquias máis afastadas dos “vacinódromos” deben xestionar o desprazamento, que inclúe necesidade de acompañamento, en casos de cadeiras de rodas ou mobilidade reducida, e gasto de cartos en taxis, pola falta de liñas regulares de transporte público en moitos puntos. Consideran desde IGV que a vacinación nos centros de saúde de Atención Primaria reduciría gastos e trastornos a estas persoas de máis de 85 anos, “só que o Sergas non reforza os centros de saúde co persoal necesario nin a Xunta contempla un reforzo dos medios de transporte público no medio rural.”

Así prodúcense situacións como a de persoas de 104 anos de Chantada citadas vía SMS para acudir a vacinarse ao centro de vacinación disposto en Monforte, ou persoas en cadeiras de rodas que non poden saír sen axuda, ou a xente da Montaña de Lugo que debe ir ao HULA, tendo unha hora de traxecto en coche só para recibir a vacina.

“A actitude da Xunta cara a sanidade é preocupante”, sinalan, “A violencia exércese de moitos xeitos: os trastornos económicos e para as persoas maiores con mobilidade reducida son violencia. Os recortes matan.”

Dende Interior Galego Vivo súmanse ás voces que reivindican o reforzo da Atención Primaria de saúde no medio rural e a disposición inmediata da vacinación da cuarta dose da vacina contra a COVID19 a maiores de 85 anos nos centros de saúde.

ÚLTIMAS

O Concello de Monforte concede a Kern Pharma unha prórroga de 6 meses para iniciar as obras no Polígono

A Xunta de Goberno Local do Concello de Monforte autorizou esta semana conceder a...

Taboada presenta o cartel da Festa do ‘Caldo de Ósos’

En Taboada quentan xa motores para a celebración da XXXIV edición da súa emblemática...

60.000€ da Vicepresidencia da Deputación para o Matadoiro de Sarria e a Festa do Cocido do Porco Celta que se celebra este 31 de...

O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, deron...

Este 31 de xaneiro “Refuxio de inverno, viño e calma” na Ruta do Viño da Ribeira Sacra

A campaña destaca o inverno como un momento privilexiado para descubrir a Ribeira Sacra...